lunes, 25 de mayo de 2009

Finis Secundi Cursus Baccalaureatus


Xa rematou o curso ordinario de 2º de Bacharelato, e quero desde aquí agradecer a atención que todos vós, alumnos meus, prestastes ás clases. A parte de felicitar expresamente ós que superaron o curso, foi un pracer para min tervos, a todos sen excepción, como discípulos estes dous anos.

Agora comezan as clases de repaso, ou máis ben de reforzo e recomendación, para aqueles que se van presentar ás PAAU en a penas 15 días. Centrarémonos en esmiuzar exames de convocatorias anteriores, tanto de xuño como de setembro, se ben teremos coidado de fixarnos nas modificacións que aparecerán este ano. De momento, indícovos o enlace do Grupo de Traballo da CiuG que se encarga de elaborar as probas de Latín:


Nesta web poderedes atopar os exames que hemos ver nas clases, así como algunhas outra s indicacións (aínda que éstas van destinadas sobre todo a profes).

Nada máis de momento. Ós que viredes ás clases de repaso, agárdovos; ós que non, in thermopoliis nos videbimus. Bromas a parte, moita sorte a todos, e gardade un rincón da vosa memoria para o latín que estudiastes e o profesor que, mellor ou peor, volo ensinou: pola miña parte, non teñades dúbida de que perviviredes nas miñas lembranzas.

NOBIS PROFVERVNT DELICIAE LINGVAE LATINAE

martes, 5 de mayo de 2009

Attendite, alumni secundi cursus baccalaureatus!

E, como prometía, apenas nuns minutos, velaquí a toponimia da que debedes responder nos vindeiros días:






FINIS LABORIS VESTRI PROXIMVS EST!

Attendite, alumni secundi cursus baccalaureatus!

Dado que o exame está aí ó lado, aquí tedes a presentación de diapositivas coas expresións latinas que vos entran nel. Na seguinte entrada, en breve, brevísimo tempo, hei colgar a dos topónimos:

AMOENVS HIC LABOR VOBIS SIT!

lunes, 4 de mayo de 2009

ROMANAE QVAESTIONES (VI)

Como é costume cada día 28, 29, 30 ou 31, rematou o mes, neste caso o de abril. Tres persoas respostaron, e correctamente, ás quaestiones plantexadas. As respostas non eran, coma sempre, nada difíciles: Vexamos:
1. As festas celebradas en Roma entre o 4 e o 11 de abril eran as chamadas Megalenses, en honra da deusa Cibeles (que, por certo, segue a ter unha estatua hoxe en día en Madrid, como ben sabedes), tamén coñecida como Magna Mater, ou sexa, "Gran Nai".
2. Esa deusa, totemizada nunha pedra de betilo, chegara a Roma no ano 204 a.C., cando unha interpretación dos Libros Sibilinos, que os sacerdotes consultaban en caso de grande perigo para a patria (e que ninguén comprendía), estableceu que sen ela na cidade, Aníbal non podería ser derrotado: Roma enfrontábase a Cartago na II Guerra Púnica.
3. E o 26 de abril do 121 d.C. naceu o chamado "emperador filósofo", Marco Aurelio, da dinastía Antonina. Educouse na escola filosófica do estoicismo, que ensinaba, entre outras cousas, a aturar con paciencia os sobresaltos da vida. Este gobernante deixou escritas unhas máximas (pensamentos breves) compiladas baixo o título Meditacións.
Ben, pois felicitacións para Iván Martínez (4º ESO), Óscar Romero (1º BAC) e Rosa Fiuza (2º BAC), que han ver incrementada a súa nota final en 0,33 puntos.

Para que eles, e tamén outros, poidan seguir sumando, velaquí as preguntas do mes de maio. Tedes desde hoxe ata o día 31 para respostar:








1. Como xa vos teredes decatado, os romanos eran moi festeiros. Nesta ocasión, os días 9, 11 e 13 de maio o pai de cada familia erguíase a medianoite para coller unhas poucas fabas negras e lanzalas ás súas costas; despois, golpeaba un obxecto de bronce, co que non debía facer pouco ruído. ¿A quen se rendía tributo nestes ritos e que simbolizaban?








2. Hai 2.061 anos morría en terra estranxeira un xeneral e político romano moi famoso pola súa riqueza material, e que tivo unha morte xustamente relacionada cos cartos. ¿Quen era, con que nome se coñece a batalla que perdeu e a mans de quen foi derrotado?








3. O 31 de maio de hai 2.025 anos proclamouse en Roma que comezaba unha nova era de paz e prosperidade. Para saudar este feito, convocáronse uns xogos (en latín, ludi) que duraron tres días. A propaganda oficial proclamaba que uns xogos tales nunca se viran e xamais se habían ver de novo. ¿Como se denominaron e como se titula o poema que certo poeta latino, entonces con 48 anos, escribiu para a ocasión?
SAPIENTIA IN VOS INDVCTA SIT!