jueves, 1 de octubre de 2020

ROMANAE QVAESTIONES I (MMXX-MMXXI)

Como cada ano por estas datas, comezan as oportunidades para o alumnado de calquera curso de Latín do IES Fontexería de engadir ata 1 punto á nota final do trimestre.

Para iso, hai que ir contestando correctamente cada mes (facendo chegar as respostas por escrito, ben en papel, ben por vía telemática) ás preguntas que irán aparecendo neste blog.

Velaquí as do mes de outubro:


I. Hai 2.062 anos, o 23 de outubro, tiña lugar unha batalla que remataba unha guerra civil entre romanos. Os exércitos estaban comandados, por unha banda, polo fillo adoptivo e herdeiro dun importante persoeiro, que cambiou a Historia de Roma (aínda que non vivíu para ver a transformación completa) e polo que fora o seu segundo no mando; e pola outra, por dous membros de dúas importantes familias romanas que participaran no asasinato do importante persoeiro do que falamos antes. Se non te perdeches, averigua os nomes dos catro protagonistas da batalla e do da propia batalla.

 II. O 24 de outubro, 93 anos despois da batalla mencionada na quaestio anterior, nacía o que sería derradeiro membro dunha dinastía de tres Emperadores, e que non pasou á Historia coa mesma boa fama dos seus dous antecesores. Con que nome coñecemos á dinastía e de que Emperador estamos a falar?

 III. E, por fin, o 28 de outubro, 261 anos despois do nacemento a que aludimos na segunda quaestio, aconteceu en Roma unha batalla decisiva para o inmediato futuro do Imperio, e tamén da Europa posterior: o vencedor nela, proclamado Emperador, emitíu unha lexislación relixiosa que cambiaba a situación dun grupo que máis adiante tería un gran protagonismo no goberno romano. De que batalla, de que Emperador e de que decreto falamos?