miércoles, 1 de junio de 2022

ROMANAE QVAESTIONES IX (MMXXI-MMXXII)

 Cada mes de xuño remata o curso (agás para 2º BAC), e con el chega tamén a derradeira ocasión de incrementar nunhas centésimas a nota final do trimestre.

Esperamos que esta sección do blog, as Romanae Quaestiones, vos gustasen e, sobre todo, vos fosen útiles.

I. O día 1 deste mes, hai 2.409 anos, inaugurouse un templo en Roma na honra de certo deus, por ter axudado ó exército na súa loita contra uns inimigos que pouco tempo antes saquearan Roma. A que deus se dedicou ese edificio relixioso e a que inimigos nos referimos?

 

II. O mesmo día, 42 anos máis tarde, inaugurouse outro templo. Nesta ocasión, certo militar romano prometera a unha deusa que se lle construiría o edificio en agradecemento á axuda que ela prestara contra os mesmos inimigos mencionados na quaestio anterior. De que militar e deusa falamos, e en que consistíu a axuda dela?


III. O 2 de xuño, 842 anos despois do acontecemento mencionado na primeira pregunta, Roma era saqueada durante 14 días por soldados dun pobo bárbaro. Como se chamaba ese pobo e quen era o seu líder?

 

 

domingo, 1 de mayo de 2022

ROMANAE QVAESTIONES VIII (MMXXI-MMXXII)

 Maio é o mes no que remata o curso de 2º BAC; por iso, para o alumnado dese nivel, estas Romanae Quaestiones valen o dobre: suman 0,66 puntos, fronte ós 0,33 habituais e vixentes para os demais:

I. O 1 deste mes morría, hai 1.614 anos, o primeiro Emperador da parte oriental do Imperio Romano, logo da súa división definitiva en dous sectores. A parte occidental estaba gobernada polo seu irmán, e o artífice da separación fora o seu pai. De que tres emperadores estamos a falar e en que ano se producíu a división do Imperio?


II. Cada 1 de maio os romanos celebraban unhas festas relixiosas na honra dunhas divinidades que eran honradas en cada casa, e tamén se consideraban protectores de toda a cidade, e nomeadamente das súas murallas. Tiñan un altar público no outeiro do Palatino. Como se chamaban estes deuses?


III. O 2 de maio, 335 anos antes da morte referida na primeira quaestio, cedía a resistencia dunha cidade xudea na que se refuxiaran os derradeiros superviventes dunha rebelión contra Roma. Certo historiador, medio romano e medio xudeu, cóntanos que logo de seis meses de asedio, os habitantes da cidade prefiriron a morte á rendición: dez homes encargáronse de matar os seus compatriotas, antes de matárense eles mesmos (só quedaron dúas mulleres e cinco nenos). De que cidade estamos a falar e que historiador nos transmitiu eses feitos?

 


viernes, 1 de abril de 2022

ROMANAE QVAESTIONES VII (MMXXI-MMXXII)

 Entramos na recta final do curso (que para 2º BAC é máis breve), e non sería mala idea comezala sumando 0,33 puntos á cualificación final do mesmo:

I. O 4 de abril de hai 1.834 anos nacía en Lyon un Emperador que, ó dereito de suceder ó seu pai, ordenou o asasinato do seu propio irmán, que fora nomeado co-emperador. Aparte disto, pasou á historia pola construción dunhas enormes Termas en Roma, e tamén por estender a cidadanía romana a todos os habitantes masculinos libres do Imperio. Quen era este Emperador, e como se chamaban o seu pai e o seu irmán?


II. Cada 4 de abril, e durante 7 días, os romanos celebraban unhas festas na honra de certa deusa, na que os seus sacerdotes levaban a súa imaxe en procesión polas rúas da cidade; ía sentada nun carro tirado por leóns, ó son de címbalos, flautas e tambores, e no medio de estridentes alaridos. Eran típicos destas festividades tamén os espectáculos teatrais. De que deusa estamos a falar, onde tiña o seu templo en Roma, como se chamaban estas festas e con que nome eran coñecidos os seus sacerdotes?


III. 214 anos despois do nacemento mencionado na primeira quaestio, un xeneral romano derrotaba un rei visigodo, que en tempos fora aliado do Imperio Romano. Como resultado da batalla, a muller e os fillos do rei xermánico foron feitos prisioneiros. Cómpre averiguar o nome do xeneral romano, o do rei visigodo, e o da batalla.

 


 

martes, 1 de marzo de 2022

ROMANAE QVAESTIONES VI (MMXXI-MMXXII)

 Marzo é o mes final do segundo trimestre, e cómpre non desaproveitar a oportunidade de afinar a nota final. Para iso, coma sempre, hai que solucionar estes doados enigmas:

I. O 7 de marzo, hai 1.861 anos, morría, víctima dunha indixestión de queixo, un dos Emperadores que mellor lembranza deixou entre os romanos, ata o punto de dicirse que foi case o único en gobernar sen mandar asasinar a ningún dos seus concidadáns. Tras a súa apoteose (decreto do Senado polo que un Emperador era divinizado), compartíu un templo no Foro Romano coa súa esposa. De que Emperador se trata e como se chamaba a súa esposa?


II. 302 anos antes, o 10 de marzo, un cónsul romano vencía nunha batalla coa que se poñía punto final á primeira de tres guerras que Roma mantería cun inimigo temible, e que, na segunda delas, a piques estivo de derrotala. A que serie de guerras nos referimos, como se chamaba o cónsul, e con que nome coñecemos a esa batalla?


III. Finalmente, 61 anos despois da morte do Emperador mencionado na primeira quaestio, era asasinado por soldados do exército outro emperador. Accedera ó trono a unha idade bastante cativa, mais moi cedo os seus excesos fixérono moi odiado; de feito, o seu cadáver foi guindado ó río Tíber. Como se chamaba este Emperador e a que idade se converteu en tal?

 


 

martes, 1 de febrero de 2022

ROMANAE QVAESTIONES V (MMXXI-MMXXII)

Febreiro é un bo mes, como calquera outro, para continuar cos bos costumes, como é o de aproveitar os pequenos misterios que propoñemos neste blog para mellorar a cualificación do trimestre:

I. Cada 1 de febreiro celebrábase en Roma unha festa relixiosa na honra de certo deus vencellado ó Inframundo: nun bosque sagrado (lucus) que estaba consagrado a esta divinidade na desembocadura do Tíber sacrificábase un touro de pelo escuro. A que deus nos referimos?


II. O 4 de febreiro, hai 1.811 anos, morría na cidade britana que daquela era chamada Eburacum un Emperador romano que puxera fin a uns anos moi convulsos nos que se sucederon un gran número de gobernantes de moi pouca duración. Disque no seu leito de morte aconsellou ós seus dos fillos, nomeados como sucesores, que só se coidasen de manter contentos ós soldados. Como se chamaba este Emperador e os seus dous fillos?


III. 159 anos antes, o 5 de febreiro, un forte terremoto devastaba certa cidade do sur de Italia. Nos anos vindeiros os seus habitantes esforzáronse por reconstruíla, mais eses labores resultaron inútiles, xa que pouco despois a poboación foi totalmente destruída. Como se chamaba a cidade, cal foi a causa da catástrofe definitiva e en que ano se produciu?


 

sábado, 1 de enero de 2022

ROMANAE QVAESTIONES IV (MMXXI-MMXXII)

 Cos nosos desexos de saúde e felicidade para o ano que comeza, presentamos as cuartas Romanae Quaestiones deste curso, que son as primeiras que se poden aproveitar para sumar centésimas á nota final do segunto trimestre:

I. Hai 2.070 anos un xeneral e político romano cruzaba un río no norte de Italia. Con este acto, en apariencia simple, provocaba unha guerra civil que había durar tres anos e que remataría coa súa completa victoria. Quen era o militar e como se chamaba o río?


II. 396 anos despois do acontecemento anterior, nacía en Hispania o que sería máis tarde derradeiro Emperador que gobernou sobre as partes occidental e oriental do amplo territorio de Roma. Como se chamaba e en que cidade hispana naceu?


III. Os días 11 e 15 de xaneiro celebrábase en Roma unha festa na honra de certa deusa, á que as mulleres embarazadas lle tiñan especial fe. O sacerdote encargado do seu culto ofrecía un sacrificio sen sangue, pois esta divinidade, ó estar relacionada cos nacementos, non podía ter relación coa morte. De que deusa estamos a falar e como se coñecía ó seu sacerdote?

 


 

miércoles, 1 de diciembre de 2021

ROMANAE QVAESTIONES III (MMXXI-MMXXII)

Con decembro remata o trimestre, o ano natural, e tamén a posibilidade, polo momento de sumar 0,33 puntos á cualificación final neste arranque do curso.

As Romanae Quaestiones para o duodécimo mes do ano son estas:

I. Hai 1.987 anos nacía unha persoa que cos anos se convertería nun dos máis sobranceiros representantes dun xénero poético que os romanos consideraban como autóctono, non importado -como todos os demais- de Grecia. Foi compañeiro de estudos doutro autor que compuxo un poema épico dedicado a unha guerra civil entre romanos. De que dous literatos e de que epopeia estamos a falar?


II. 91 anos antes do nacemento mencionado na quaestio anterior, morría o que nos séculos posteriores sería considerado como o máis grande orador romano. Quen era, quen deu a orde de asasinalo e quen a executou?


III. Finalmente, 22 anos antes do crime descrito na segunda pregunta, nacía outro poeta, contemporáneo e amigo do considerado máis grande autor en lingua latina, e que cultivou unha serie de xéneros líricos; a xuízo da crítica, ningún outro escritor romano o iguala nos logros que conseguiu nese tipo de composicións. Quen son os dous xigantes da literatura latina mencionados?