viernes, 1 de noviembre de 2019

Longa vita Asterigi!

Fantástica iniciativa, a do Metro de París: celebrar o 60º aniversario do nacemento de Astérix cambiando temporalmente o nome dalgunhas das súas estacións... e repartindo poción máxica!


ROMANAE QVAESTIONES II (MMXIX-MMXX)

Novembro é o segundo mes do primeiro trimestre, e iso significa que o alumnado de Latín do noso Centro conta coa segunda oportunidade para incrementar o valor da súa nota final neste período do curso.

Estas son as Romanae Quaestiones de novembro:




I. Hai 2.004 anos, o 6 deste mes, nacía en Roma unha rapaza que logo sería moi importante na evolución da primeira dinastía de Emperadores romanos: sobriña do segundo Emperador desa familia, irmá do terceiro, esposa do cuarto e nai do quinto. De que muller e Emperadores falamos?

II. O 8 de novembro, 78 anos antes, un importante político e orador romano pronunciaba diante do Senado o primeiro dunha serie de discursos nos que descubría unha conspiración destinada a dar un golpe de Estado. Segundo se nos conta, o líder da conxura estaba presente cando os seus plans foron revelados publicamente. De que dous homes estamos a falar?

III. Durante a celebración dos Xogos Plebeios, o 13 de novembro, certo colexio de sacerdotes organizaba, no nome da plebe, un banquete público na honra do deus a quen se consagraban os devanditos xogos. Unha imaxe do propio deus (a quen acompañaban outras dúas, de senllas deusas) era levada ó banquete. O deus protagonista “comía” recostado nun diván e as dúas deusas sentadas. Como se chamaba o colexio de sacerdotes e a que deuses nos referimos?