viernes, 1 de diciembre de 2017

ROMANAE QVAESTIONES III (MMXVII-MMXVIII)

Con decembro vai rematar xa este trimestre, e quizais varios alumnos estean en disposición de completar o punto co que se premia a constancia na resolución das pequenas investigacións que mensualmente se propoñen neste blog. De todos xeitos, para quen non aproveitase esta posibilidade nos meses anteriores, as preguntas deste mes tamén suman:




I. O 25 de decembro de hai 1.743 anos un Emperador instaurou en Roma un culto relixioso que pretendía unificar todas as divindades do panteón grecorromano nunha soa. Moitos historiadores apuntan que foi un intento de combater a expansión do cristianismo mediante o favorecemento doutra relixión monoteísta. Cal era o nome do novo deus e que Emperador puxo en marcha este culto?



II. 235 anos antes do acontecemento mecionado na quaestio anterior, nacía en Roma unha persoa que máis tarse sería Emperador. O seu feito bélico máis importante consistíu en poñer fin a unha guerra nunha provincia que levaba anos causando problemas a Roma, Como castigo ós seus habitantes, saqueou e destruíu o seu edificio relixioso máis importante; ademais, en conmemoración desta guerra erixiuse un arco de triunfo, que aínda se pode ver no Foro Romano. De que Emperador e guerra falamos?



III. Por fin, 153 anos do nacemento citado na pregunta anterior, morría outro Emperador, vítima dunha conspiración. O asasinato produciuse por medio dun gladiador que se estaba a adestrar co propio mandatario. Cal era o nome do Emperador?

miércoles, 1 de noviembre de 2017

ROMANAE QVAESTIONES II (MMXVII-MMXVIII)

O mes de novembro trae a segunda oportunidade para os meus alumnos de Latín de incrementar a súa cualificación final de trimestre.

Esperamos que as preguntas do mes pasado non causasen demasiadas dificultades, e o mesmo dicimos das que presentamos a seguir:





I. Hai 2.025 anos, o 27 de novembro, morría un poeta que está considerado entre os mellores da literatura romana. Escribíu varias coleccións de poemas (un deles, sobre a felicidade da vida retirada, moi imitado en épocas posteriores) e mesmo unha longa composición sobre o mellor xeito de escribir obras literarias. De quen se trata?




II. 403 anos despois, o mesmo día, producíase outra morte, esta vez dun político. Era un asesor dun dos dous Emperadores irmáns que naquela época compartían o goberno do Imperio Romano. Foi asasinado, logo de perder unha batalla, por orde do principal conselleiro do outro Emperador. Queremos saber o nome dos dous Emperadores e dos dous asesores (o asasino e o asasinado)




III. E 55 anos máis tarde, tamén o 27 de novembro, morría unha muller, irmá dos dous Emperadores citados na quaestio anterior, e que fora esposa dun rei xermano e doutro Emperador romano. Como se chamaba esta muller, o seu pai e os seus dous esposos?

domingo, 1 de octubre de 2017

ROMANAE QVAESTIONES I (MMXVII-MMXVIII)

Coa chegada do mes de outubro aparecen de novo neste blog as ocasións mensuais para que os alumnos das materias de Latín do IES Fontexería poidan aumentar ata nun punto a súa nota de cada trimestre.

Para iso cómpre atopar as respostas ás tres preguntas que a principios de cada mes aparecerán neste blog (xa que logo, cada resposta acertada vale 0,11 puntos).

E velaquí as quaestiones correspondentes a este mes:



I. O 15 de outubro, hai 2.087 anos, nacía certo poeta romano, moi louvado na súa época e mesmo ata a nosa, autor de tres libros fundamentais na Literatura Occidental. A que poeta nos referimos e cales son os títulos das súas tres obras principais?







II. Probablemente (a data non é segura) o mesmo día, 15 anos antes, morría outro poeta, que compartía co anterior a pertenza a certa escola filosófica da Antigüidade, caracterizada pola busca da felicidade a base de diminuír as nosas necesidades o máximo posible. Trátase de averiguar o nome do poeta, o título da súa única obra, e tamén o da escola filosófica mencionada.






III. Na mesma data, o 15 de outubro, os romanos celebraban cada ano unhas festividades, disque con motivo da liberación do outeiro máis sagrado de Roma con ocasión dunha guerra contra os galos. Nestas festas producíanse carreiras de carros e loitas de gladiadores, todas elas ofrecidas a certo deus. Como se chamaban en latín estes xogos e a que deus honraban?

viernes, 29 de septiembre de 2017

Carmen: "Non paga a pena latar"

O curso pasado, contra o final, o alumnado de Latín I (1º BAC), xunto co seu profesor, preparou unha versión da canción "Non todo é o que parece", de Aerolíneas Federales,co obxecto de demostrar que as declinacións latinas se poden aprender dun xeito divertido. E velaquí o resultado. Graciñas a todos os que participaron, e tamén ós autores da canción, que nos deron permiso para gravala e difundila.

domingo, 24 de septiembre de 2017

Initium Cursus MMXVII-MMXVIII

Un novo curso comeza e aquí seguimos, intentando complementar desde este blog a nosa actividade docente, ó tempo que lle damos difusión.

Como cada ano, ademais das sesións presenciais, contamos cun espazo para as materias do noso Departamento na Aula Virtual do IES Fontexería. Por outra banda, seguiremos publicando cada mes as Romanae Quaestiones (que dan opción de aumentar ata nun punto a nota final de cada trimestre). Tamén, en fin, aproveitamos esta fiestra á rede para comentar algunhas publicacións ou sitios web que nos parecen interesantes para o alumnado da materia de Latín (4º ESO e máis 1º e 2º BAC), e mesmo para o público en xeral.

Para arrancar as actividades deste curso, deixo aquí unha presentación, elaborada baixo a plataforma Prezi, e coa intención de chamar a atención da importancia da lingua latina e da cultura de Roma na conformación da Cultura Occidental: o latín está moito máis presente en nós do que parece a primeira vista:






LATINA LINGVA VIVIT! ROMA VIVIT!

lunes, 12 de junio de 2017

ROMANAE QVAESTIONES IX (MMXVI-MMXVII)

Con xuño chega xa a derradeira oportunidade do curso para aumentar a nota final do trimestre da materia de Latín (en 4º ESO e en 1º BAC, pois 2º BAC rematou xa a súa andaina).

Para iso, como cada mes, cómpre averiguar a resposta ás seguintes preguntas (por certo, pido desculpas por estarmos xa a día 12 e non penduralas antes):




O 13 de xuño, hai 1.964 anos, nacía un rapaz que co tempo sería un importante militar romano, encargado de consolidar a conquista dun territorio que levaba xa algunhas décadas sendo obxectivo de Roma. Coñecemos a súa vida sobre todo pola biografía que escribíu o seu xenro, e que conservamos. Como se chamaban sogro e xenro, e de que territorio falamos?



 

O mesmo día, 293 anos despois, un Emperador promulgaba un decreto que autorizaba o culto de certa relixión, ata daquela perseguida. Como se chamaba ese Emperador e con que nome coñecemos ese decreto?





Cada 13 de xuño comezaban en Roma unhas festas relixiosas que duraban ata o día 15. Durante elas uns frautistas, co rostro cuberto con máscaras, percorrían Roma no medio de orxías e borracheiras. Como se chamaban estas festas e na honra de que deusa se celebraban?

miércoles, 3 de mayo de 2017

Prezi: O exército romano

Aínda que falar de guerra e conquista non resulta agradable, o certo é que o exército romano xogou un papel decisivo na creación do Imperio, e tamén foi un axente importante do que chamamos "romanización".

Concibimos a seguinte presentación, creada en Prezi, como un medio de achegarse á estrutura, funcionamento e evolución do exército romano ó longo de toda a Historia de Roma.

Esperamos que vos guste e vos sexa útil.


ROMANAE QVAESTIONES VIII (MMXVI-MMXVII)

O pasado mes de abril foron sete as persoas que sumaron 0,33 puntos á súa nota final do trimestre, respondendo correctamente ás Romanae Quaestiones: Paula F., Camino, Paula I. (4º ESO) e María, Allende, Isaac e Sara R. (2º BAC).

Co mes de maio chega unha nova ocasión, que será a derradeira para o alumnado de 2º BAC (por esta razón, a puntuación para eles será dobre).

Velaquí as preguntas deste mes:



I. Cada 14 de maio os romanos guindaban dunha ponte ó río Tíber uns maniquís feitos de xuncos, que eran conducidos nunha procesión presidida por varios sacerdotes e sacerdotisas. Con que nome se coñecía ós maniquís, desde que ponte eran guindados e que sacerdotes acompañaban a procesión?



II. O 15 de maio de hai 2.512 anos inaugurouse en Roma un templo, preto do Circo Máximo, no outeiro do Aventino, aínda que houbo polémica arredor deste feito: os dous cónsules do ano en curso aspiraban a ter o honor de presidir a cerimonia, así que o Senado pedíu á Asamblea Popular que decidise quen o faría; esta desginou a un plebeio, polo cal a nobreza patricia (por aquel entón a única autorizada a aspirar ó cargo de cónsul) quedou moi contrariada. De que templo se trata e a que deus estaba dedicado?


III. O mesmo día, 583 anos despois do feito aludido na quaestio anterior, recuperaba o trono certo Emperador (morrería só 4 anos máis tarde) mediante a axuda do mesmo xeneral que anos antes, segundo parece, participara na conspiración que o destronara. De que Emperador e xeneral estamos a falar?

martes, 25 de abril de 2017

"SPQR", de Mary Beard


Segundo di ela mesma, este libro é o resultado dos coñecementos adquiridos, con paixón, pola autora ó longo de toda unha vida de investigación e estudo dos antigos romanos.

Que esta afirmación é certa nótase na capacidade de concisión que demostra á hora de pasar revista a case 1.000 anos de historia, deténdose con agudeza e humor en todos os problemas historiográficos que afectan ó noso coñecemento da antiga Roma.

Trátase dun libro moi ameno e que condensa, sen abrumar, unha gran cantidade de información. Non son escasos méritos. Iso si, disfrutarano máis aqueles que teñan xa certas nocións previas sobre a historia de Roma.

Un pracer, en todo caso.

domingo, 2 de abril de 2017

Video: Viri et Mulieres Historiae Romanae (I)

Desde hai unhas semanas, o alumnado de Latín de 4º ESO está a traballar sobre algúns  persoeiros de ambos sexos que tiveron o seu protagonismo na Historia de Roma.

As sesións celebráronse na nosa aula habitual e tamén na Biblioteca do Centro. Logo de buscar información a través de medios dixitais e "analóxicos" (as tradicionais enciclopedias e libros temáticos), elaboraron un guión sobre o seu persoeiro, de xeito case telegráfico, e gravaron en video o resultado do seu traballo. Por razóns de espazo, publicaremos catro videos, a razón de cinco persoeiros cada un.

Velaquí o primeiro, protagonizado por Octavio, Paula F., Andrea, Paula I. e Águeda:


ROMANAE QVAESTIONES VII (MMXVI-MMXVII)

Remata xa o segundo trimestre, e durante o mes de marzo aproveitaron a súa ocasión de incrementar a súa nota final varias persoas: Ana, Paula F., Camino e  Paula I. (4º ESO), e máis María, Gabriel, Isaac e Sara (2º BAC).

Co mes de abril comeza o trimestre co que acabará o curso, e chega unha nova oportunidade de sumar décimas ás cualificacións.

Velaquí as Romanae Quaestiones para este mes: 

I. O 14 de abril de hai 2.060 anos tiña lugar unha batalla na que se enfrontaron as tropas de dous persoeiros que chegarían a dominar por completo a política romana nos anos vindeiros, pero que neses momentos eran inimigos. A victoria decantouse polo máis novo, aínda que dous dos seus partidarios, cónsules ademais, morreron no combate. Como se chamaban os dous rivais e os cónsules mortos?



II. Cada 15 de abril os romanos celebraban unhas festas cun orixe que remontaba, segundo a lenda, ó segundo rei de Roma: durante unha época de esterilidade dos animais, o rei soñou que podería acabar con ela sacrificando dous animais concretos, pero matando unha soa víctima; non sabendo o rei como facer, certa ninfa díxolle que sacrificase a unha femia preñada. Como se chamaban as festas, o rei, a ninfa, e que femia de animal se sacrificaba?



III. Cada 21 de abril, os pastores de Roma celebran unha festa na honra da súa deusa protectora. Limpaban os cortellos, encendían lumes distribuídos en tres ringleiras e saltaban por riba deles. Como se chamaba a deusa e con que nome coñecemos estas festividades?