martes, 1 de diciembre de 2020

ROMANAE QVAESTIONES III (MMXX-MMXXI)

 Decembro trae a fin do ano e mais do terceiro trimestre. Pero, como aínda estamos a principios de mes, aínda é posible engadir unhas décimas á cualificación final.

Velaquí as Romanae Quaestiones do mes de decembro:


 

I. Hai 2.238 anos, o 1 de decembro, un xeneral estranxeiro, que había pouco puxera os pés en Italia atravesando os Pirineos e os Alpes, derrotaba ós romanos na primeira de varias batallas nas que poñería a Roma ó bordo do colapso, aínda que finalmente, anos despois, perdería a guerra. De que xenio militar estamos falando e a que batalla aludimos?

 

II. Cada primeiro de decembro os romanos celebraban unha festa relixiosa na honra da filla primoxénita (a pesar de que a romana era unha sociedade na que o poder masculino era omnímodo). A deusa honrada nesta ocasión era moi venerada por todos os romanos, e mesmo Xulio César tiña sona de serlle moi devoto. De que festa se trata?

 

III. O día 3 de decembro, 156 anos despois da batalla mencionada na primeira quaestio, estouraba en Roma un escándalo relixioso: un home participara, disfrazado de muller, nuns ritos relixiosos reservados exclusivamente a mulleres. Os rumores dicían que o fixera en colaboración coa esposa dun importante político da cidade, coa que se sospeitaba que mantiña unha relación adúltera. De que celebración relixiosa falamos, e como se chamaban o seus dous profanadores (home e muller), ademais do esposo supostamente traizoado?

domingo, 1 de noviembre de 2020

ROMANAE QVAESTIONES II (MMXX-MMXXI)

 Novembro e o penúltimo mes do ano, pero só é o segundo cando de sumar puntos á nota final do trimestre dos matriculados en Latín deste Centro se trata.

Aquí están as Romanae Quaestiones deste mes:



I. O primeiro día de novembro de hai 2.102 anos, ás mesmas portas de Roma, librouse unha batalla na que un xeneral romano deu fin a un enfrontamento civil que levaba máis de 10 anos, en diferentes momentos, causando moitas mortes. Como resultado, este xeneral asumiu un enorme poder que lle permitiu asasinar a moitos opoñentes e cambiar algunhas estructuras do goberno romano para garantir a supremacía das clases máis altas. Quen foi este político e militar romano, e con que nome coñecemos a batalla?

 

II. Hai 1.981 anos, o 3 de novembro, nacía en Hispania un rapaz, sobriño dun importante filósofo romano (que mesmo sería tutor dun futuro Emperador), e que se convertiría nun sobranceiro poeta, e do que conservamos un poema épico baseado en feitos reais do derradeiro século da República romana (e non en relatos mitolóxicos, como era costume). Como se chamaba este poeta, quen era seu tío, e como se titula o poema?

 

III. Cada 4 de novembro principiaban en Roma unhas festas, instituídas no ano 220 a.C. por un censor que mandou construír o circo no que se celebrarían (e que leva o seu nome). Estaban dedicados a un deus moi importante, constaban de nove días de espectáculos teatrais, e 3 de espectáculos de carreiras de carros. Como se chamaban o fundador dos xogos (e, polo tanto, o circo no que tiñan lugar), o deus a que estaban consagrados, e os xogos mesmos?

jueves, 1 de octubre de 2020

ROMANAE QVAESTIONES I (MMXX-MMXXI)

Como cada ano por estas datas, comezan as oportunidades para o alumnado de calquera curso de Latín do IES Fontexería de engadir ata 1 punto á nota final do trimestre.

Para iso, hai que ir contestando correctamente cada mes (facendo chegar as respostas por escrito, ben en papel, ben por vía telemática) ás preguntas que irán aparecendo neste blog.

Velaquí as do mes de outubro:


I. Hai 2.062 anos, o 23 de outubro, tiña lugar unha batalla que remataba unha guerra civil entre romanos. Os exércitos estaban comandados, por unha banda, polo fillo adoptivo e herdeiro dun importante persoeiro, que cambiou a Historia de Roma (aínda que non vivíu para ver a transformación completa) e polo que fora o seu segundo no mando; e pola outra, por dous membros de dúas importantes familias romanas que participaran no asasinato do importante persoeiro do que falamos antes. Se non te perdeches, averigua os nomes dos catro protagonistas da batalla e do da propia batalla.

 II. O 24 de outubro, 93 anos despois da batalla mencionada na quaestio anterior, nacía o que sería derradeiro membro dunha dinastía de tres Emperadores, e que non pasou á Historia coa mesma boa fama dos seus dous antecesores. Con que nome coñecemos á dinastía e de que Emperador estamos a falar?

 III. E, por fin, o 28 de outubro, 261 anos despois do nacemento a que aludimos na segunda quaestio, aconteceu en Roma unha batalla decisiva para o inmediato futuro do Imperio, e tamén da Europa posterior: o vencedor nela, proclamado Emperador, emitíu unha lexislación relixiosa que cambiaba a situación dun grupo que máis adiante tería un gran protagonismo no goberno romano. De que batalla, de que Emperador e de que decreto falamos?

miércoles, 16 de septiembre de 2020

Initium Cursus MMXX-MMXXI


 

Aquí estamos de novo.

Todos temos que lidar aínda con esta situación.

O ensino, maiormente o ensino público, é unha conquista da nosa sociedade que a pandemia non pode botar abaixo.

Ánimo, que o curso comeza.

 

FORTES ESTOTE!


martes, 30 de junio de 2020

Finis Cursus

 

Chegamos á fin deste curso,

o máis estraño que nunca vivimos, sen dúbida. Coronavirus xa é unha palabra moito máis coñecida polos danos que pode causar á saúde que por ser un personaxe de Astérix (ver Astérix en Italia).

Nestas circunstancias, penso que este profesor e o seu alumnado, na súa meirande parte, fixemos un traballo bastante decente.

Só me queda desexar que esta situación dure o menos posible (que Esculapio e Apolo nos acudan), e moita sorte ós que abandonan o IES Fontexería para seguir novos camiños.

Ós demais dígovos que espero vervos en setembro.


SALVTEM PLVRIMAM! VALETE!


lunes, 1 de junio de 2020

ROMANAE QVAESTIONES IX (MMXIX-MMXX)

Chegou xuño, e con el a derradeira oportunidade para que o alumnado de Latín do noso Centro (neste caso, só o de 4º ESO e 1º BAC), poida incrementar nalgunhas décimas a súa nota final do trimestre (que, como é lóxico, poderá repercutir na cualificación do curso).

Aquí están as derradeiras Romanae Quaestiones do curso 2019-2020:




I. O 5 de xuño, hai 2.478 anos, era inaugurado en certo outeiro de Roma un templo dedicado a unha divindade encargada de velar polos xuramentos. Como se chama o deus, en que outeiro estaba o seu templo e que persoeiro levou a cabo esta iniciativa?

II. O 8 de xuño, 251 anos despois da inauguración do templo aludido na quaestio anterior, entraba en servizo outro, neste caso como ofrenda para gañar o favor de dúas divindades logo dunha gran derrota dos exércitos romanos a mans dun inimigo estranxeiro. A que deuses se dedicou ese templo, con que nome coñecemos a batalla perdida polos romanos e de que inimigo se trataba?

III. 433 anos despois da batalla mencionada na segunda quaestio, o 8 de xuño, tivo lugar outra. Nela as tropas dun Emperador foron vencidas polas que apoiaban a un candidato ó trono, que, por conseguinte, o substituíu no poder. Ós poucos días, o gobernante derrotado foi capturado e executado. De que dous Emperadores falamos e con que nome se coñece a batalla que libraron?

viernes, 1 de mayo de 2020

ROMANAE QVAESTIONES VIII (MMXIX-MMXX)

O mes de maio tráenos o arrecendo primaveral da proximidade do fin do curso. De feito, para o alumnado de 2º BAC é o seu derradeiro mes, polo que, para eles, o valor das Romanae Quaestiones deste mes é dobre.

Para eles, e para todos os demais, velaquí:



I. O 25 de maio de hai 2.065 anos era asasinado certo persoeiro romano, que anos atrás participara nunha guerra civil, na que tomara partido polo bando derrotado. Este político énos moi coñecido polo discurso que na súa defensa pronunciara o máis famoso orador romano para evitar a súa condena, precisamente por opoñerse ó vencedor na guerra mencionada. Como se chamaban este personaxe e o orador que o defendeu?

II. O mesmo día, 30 anos despois, nacía un rapaz que co tempo sería pai dun Emperador e avó doutro. Ademais, cando tiña 32 anos celebrou un desfile triunfal en Roma para festexar os seus éxitos nas campañas militares contra certos pobos do norte de Europa. Como se chamaba este rapaz e contra que pobos loitara?

III. O 28 de maio, 8 anos antes do asasinato mencionado na primeira quaestio, morría un importante político e militar romano nunha batalla. Este persoeiro iniciara unha campaña contra un importante Imperio do Mediterráneo oriental co obxecto de ampliar os dominios romanos e, sobre todo, conseguir gloria persoal. Pouco despois da batalla, prisioneiro dos seus inimigos, foi executado, e rumoréase que dun xeito cruel: segundo parece, foi obrigado a beber un metal fundido. De que persoeiro estamos a falar, contra quen mantivo a guerra que lle custou a vida e que mineral tivo que beber?