lunes, 2 de noviembre de 2009

ROMANAE QVAESTIONES (MMIX-MMX)-II

Durante o primeiro mes de convocatoria deste concurso non houbo ninguén que intentase gañar desta maneira tan sinxela 0,33 puntos para engadir á súa nota final de trimestre. Quizais é que, estando a principio de curso, os alumnos consideran que hai tempo. E tempo hai; mais tamén é verdade que tempus fugit máis rápido do que parece. Sen outro ánimo que o de animarvos a participar, velaí van as tres preguntas que poderedes contestar durante todo este mes de novembro. Lembrade: abonda con comunicar ó profesor a vosa intención de dedicar algún recreo (ou algunha hora libre de que dispoñades) a, diante da súa supervisión, empregar un ordenador con acceso a internet para buscar as respostas. MELIVS HODIE QVAM MANE!


O 1 de n
ovembro de hai 2.091 anos un xeneral romano derrotaba a outro na batalla decisiva dunha guerra civil que se viña librando durante seis anos. O combate tivo lugar diante dunha das portas da mesma cidade de Roma. Quen eran os dous xenerais e como se chamaba a devandita porta?




Entre o día 4 e 17 de novembro celebrábanse en Roma unhas festas que eran das máis apreciadas. Levaban o nome dunha das súas clases sociais, e estaban dedicadas a unha das divinidades máis importantes. O acto central tiña lugar o día 15, cun banquete público pagado polo Estado, disposto no Capitolio para os senadores, e no Foro Romano para o resto da poboación. Nos días previos había espectáculos teatrais e carreiras no circo. Precisamente, no día do banquete, as estatuas de varios deuses eran levadas do Capitoli

o ó Circo Máximo, onde “presenciaban” a competición. Como se chamaban (en latín) estes xogos, en honra de que deus eran, e como se denominaba (en latín de novo) o banquete?


Por último, o 8 de novembro de hai 2.072 anos un gran orador pronunciaba no Senado romano un discurso co que descubría publicamente a existencia dunha conspiración para dar un golpe de Estado. Durante varios días máis este político, que naquel momento ostentaba o cargo de cónsul, relatou os detalles da conxura ós senadores, nun momento que constituíu o máis sobranceiro da súa carreira política. Quen era este político, como se chamaba o xefe da conspiración, e con que nome se coñecen os discursos pronunciados?

Attendite, alumni Quarti Cursus Culturae Classicae!

E, complementando a anterior, unha moi semellante, pero sobre a outra gran capital do Mundo Clásico: Roma.

Attendite, alumni Quarti Cursus Cuturae Classicae!

Velaquí tedes a presentación que traballamos nas clases sobre a cidade antiga de Atenas e os seus restos arqueolóxicos.

Attendite, alumni Primi Cursus Baccalaureatus!

Nesta presentación recoñeceredes todo o que falamos na clase sobre a topografía da cidade de Roma, así como a descrición dos seus restos arqueolóxicos máis importantes.

Attendite , alumni Primi Cursus Baccalaureatus!

Con esta presentación poderedes repasar os contidos que vimos sobre a historia do latín e as linguas romances.

Attendite, alumni Primi Cursus Baccalaureatus!

Velaquí tedes a presentación coa que traballamos na clase o tema da comparación de linguas e a familia lingüística indoeuropea.

miércoles, 7 de octubre de 2009

ROMANAE QVAESTIONES (MMIX-MMX / I)

Comezamos o curso facilitando as cousas. Para que non se diga que non é doado acumular puntos, desde este blog ofrecemos a todos os alumnos do IES Fontexería matriculados en Cultura Clásica e/ou Latín a posibilidade de sumar ata 1 punto na súa nota final do trimestre. Para conseguilo haberá que respostar individualmente a tres preguntas que cada mes aparecerán no blog. Todas elas versarán sobre acontecementos relacionados coa Antiga Roma cuxo aniversario se cumpre no mes de que se trate.



Para atopar as respostas recoméndase empregar os buscadores de Internet, que son moi útiles.

A mecánica e as normas deste pequeno concurso son as seguintes:

I. Cada mes, e ata a fin do mesmo, aparecerán no blog as preguntas correspondentes.
II. A participación é individual, e non se poderán compartir as respostas con outro compañeiro. Para garantilo, só se poderán buscar as respostas durante os recreos e coa supervisión do profesor. Con ese motivo, os alumnos interesados deberán manifestar con antelación a vontade de participar ó profesor, quen os citará para un recreo, ben na propia Aula de Humanidades, ben na Biblioteca.
III. O valor dos puntos outorgado por resposta correcta é de 0,11.


Ben, pois estas son as preguntas para este mes de outubro:

1. Hai 2.094 anos nacía un primeiro de outubro na pequena vila italiana de Amiterno un importante historiador romano. As súas dúas obras máis importantes narraban un intento de golpe de Estado en Roma e unha guerra contra un rei Africano. A resposta correcta consistirá en dar o nome do historiador e o das súas dúas obras.





2. Os días 10 e 13 de outubro de hai 1.990 e 1.955 anos, respectivamente, morrían dous persoiros membros da familia Xulia-Claudia, que formou a primeira dinastía de Emperadores romanos. Coa morte do primeiro unha enorme dor invadiu Roma enteira, segundo contan as crónicas, ata o punto de que os templos foron apedreados, e mesmo houbo quen abandonou a recén nacidos nas rúas. En canto ó pasamento do segundo personaxe, non foi tan sentido: mais ben estivo rodeado de misterio, pois a morte veuno buscar logo de ter ceado un bo plato de setas que lle servira a súa esposa. Quen eran os dous persoeiros e que relación familiar tiñan entre eles?



3. Para rematar, un nacemento e unha morte. O día 15 de outubro de hai 2.079 anos nacía en Mantua o suposto autor dun pequeno poema dedicado a un mosquito; iso si, é moito máis coñecido e apreciado por outras tres obras, pero a pregunta sería demasiado doada se dixeramos os títulos. Por outra banda, o mesmo día de hai 2.064 anos morría, segundo parece, outro poeta, moi admirado polo anterior e que destacou por seguir as ensinanzas filosóficas de Epicuro e expoñelas en forma de poema. Quen eran eses dous escritores latinos?



SAPIENTIA VOBIS ADSIT!