lunes, 7 de enero de 2013

ROMANAE QVAESTIONES IV (MMXII-MMXIII)

Comeza un novo ano dentro deste curso (para o que vos desexo o mellor), e tamén un novo mes. E, como é usual, neste blog ofrécese unha nova ocasión para incrementar ata en 0,33 puntos a nota final do trimestre. Para iso, haberá que respostar correctamente a estas tres preguntas, que poñerán a proba a vosa capacidade de investigación na rede.


I. A este mes, o primeiro do ano, chamámoslle XANEIRO. Como de seguro sabedes, o calendario que empregamos foi creado polos romanos, pero non tivo sempre a mesma configuración. Precisamente, XANEIRO non estivo na primeira versión do calendario, senón que foi introducido máis adiante, na mesma época romana. Trátase de averiguar en que ano "debutou" este mes, como se chamaba en latín e por que se lle puxo ese nome.







II. Cada ano, os días 11 e 15 deste mes, celebrábanse en Roma unhas festas na honra de certa deusa relacionada cos nacementos, e tamén das súas dúas irmás.  Un sacerdote debía realizar un sacrificio, pero de carácter diferente ós que recibían as demais divinidades. De que deusas se trataba, que tiña de particular ese sacrificio, e cal foi o motivo de instaurarse esta celebración?





III. O 20 de xaneiro de hai 2.065 anos morría asasinado na Vía Apia un político romano coñecido por ser o xefe dunha banda armada que tiña causado abondos disturbios na vida política da Roma da época. Os seus partidarios recolleron o seu cadáver e, cheos de ira, levárono ó Foro Romano para incineralo, prendéndolle ademais lume a certo edificio moi importante. Quen eran o asasino e o asasinado, e de que edificio se trata?

martes, 18 de diciembre de 2012

Attendite, alumni Primi Cursus Baccalaureatus!

Na seguinte táboa podedes ver as notas do exame que fixemos hoxe á mañá, xunto coa nota definitiva do trimestre, unha vez computadas todas as notas parciais (lembrade: un 60% para o exame, un 25% para os exercicios -incluíndo os cuestionarios da Aula Virtual-, e un 15% para a actitude cara a materia). Os vosos nomes indícanse só coas iniciais, para preservar a vosa intimidade na rede. Mañá comentaremos todo na clase.

Attendite, alumnae Quarti Cursus!

Aquí vos deixo un cadriño coas vosas notas. Só poño a inicial do voso nome para preservar o máis posible a vosa intimidade. Notaredes certas diferencias entre a nota do exame e a final do trimestre (a que vai no boletín), pero iso aclararémolo na vindeira clase. De todos xeitos, é para estar satisfeitos: aprobades todas


viernes, 14 de diciembre de 2012

Attendite, alumni Secundi Cursi Baccalaureatus!

Ben, rapaces. Aquí tedes as notas do exame que fixestes esta mañá. Como sempre só emprego as vosas iniciais para preservar a vosa intimidade cara o público en xeral. Como vedes, non son moi boas nalgúns casos, e LEMBRADE QUE AÍNDA FALTA XENTE POR RESPOSTAR ÓS CUESTIONARIOS DA AULA VIRTUAL E QUE O PRAZO REMATA NA MADRUGADA DO DOMINGO 16 Ó LUNS 17. Non haberá prórroga do prazo porque, como xa sabedes, os cuestionarios levan abertos todo este trimestre. O luns amosareivos os exames.


sábado, 1 de diciembre de 2012

ROMANAE QVAESTIONES III (MMXII-MMXIII)

Rematou novembro, e xa houbo máis xente que aproveitou a ocasión: Nerea, Gemma e Sabela (4º ESO), e tamén María José (2º BAC) xa teñen 0,33 puntos máis para a súa nota final de trimestre. Para elas, e para todos os demais alumnos de Latín do IES Fontexería, aquí van as Romanae Quaestiones deste mes final do ano:


O primeiro día de decembro as nais romanas celebraban unha festa. Consistía en acudir a un templo na honra dunha deusa que fora construído, segundo di a lenda, en lembranza da intervención de dúas mulleres en defensa de Roma: a cidade atopábase en perigo polo ataque dun pobo estranxeiro, encabezado por un romano exiliado; este acontecemento tivera lugar no s. V a.C. De que deusa e templo falamos, e quen era ese romano que loitaba contra os seus concidadáns?




Outra festa relixiosa tiña lugar cada 15 de decembro, e nela honrábase a certo deus, protector dos cereais e dos seus lugares de almacenamento. Os protagonistas da celebración eran os animais que axudaban nos labores agrícolas, ós que se prohibía traballar, dedicándoos a outra actividade. De que deus estamos a falar e a que outra actividade dos animais nos referimos?






Un 18 de decembro de hai 1.898 anos foron xulgadas en Roma tres mulleres acusadas de ter cometido un gran sacrilexio. Dúas delas foron absoltas, pero unha foi atopada culpable e condeanada a ser soterrada viva. Como se chamaban e de que se lles acusou?

lunes, 19 de noviembre de 2012

Romani latine loquebantur (I)-Sub Prezi

Mentres aprendiamos a manexar a utilidade Prezi, deseñamos esta pequena presentación para o curso de Latín I (1º BAC), co fin de quedármonos con algunhas das palabras que os falantes do latín empregaban na súa vida diaria. Non é que agora se vaia falar latín, pero se cadra algún día son posibles as viaxes no tempo. Dunha conversa con Virxilio, por exemplo, canto coñecemento obteriamos!

viernes, 2 de noviembre de 2012

ROMANAE QUAESTIONES II (MMXII-MMXIII)

Xa rematou o mes de outubro, e só unha persoa respostou ás preguntas dese mes, obtendo así 0,33 puntos que se sumarán á nota final do trimestre: foi María José, de 2º BAC. Xa sabedes o que vos queda ós demais se queredes aproveitar esta oportunidade.

Estas son as Romanae Quaestiones do mes de novembro:

I. O día 4 deste mes, hai 2.057 anos, un gran orador romano pronunciaba un discurso en defensa de certo rei asiático (aínda que a súa procedencia era europea). O tal rei estaba acusado de ter apoiado ó bando perdedor en certa guerra, na que en realidade non fixera máis que manterse leal a un xeneral romano que sempre fora o seu benefactor. Busca os nomes do orador, do rei, e tamén do xeneral.



II. Durante tres días ó ano, en Roma tiña lugar unha curiosa conmemoración: levantábase unha pedra que estaba tapando un pozo que, á súa vez, e segundo se cría, comunicaba co Inframundo. Dese xeito, os espíritos dos mortos podían volver por unhas horas á superficie da terra. O 8 de novembro era un deses días. Como se chamaba esa festa e en que outros dous días do ano se celebraba?


III. Hai 2.053 anos, un 26 de novembro, constituíase formalmente unha alianza política entre tres homes que manterían firmemente o poder en Roma durante os seguintes anos, aínda que ó final un acumulou todo o poder. Era a segunda vez na Historia de Roma que se producía un feito semellante. Con que nome coñecemos a esa alianza e quen a formou?