sábado, 1 de mayo de 2021

ROMANAE QVAESTIONES VIII (MMXX-MMXXI)

 O mes de maio supón unha oportunidade máis de sumar 0,33 puntos á nota final do trimestre, agás para o alumnado de 2º de Bacharelato, que, por finalizar os seus estudos no curso destes trinta días, poderá egadir 0,66.

Estas son as preguntas:


 

I. O 29 de maio, hai 567 anos, caía en poder dun inimigo estranxeiro a capital do que sempre foi considerado derradeiro resto do antigo Imperio Romano. Na batalla final morreu o derradeiro Emperador. A cidade cambiou de nome e converteuse na capital da potencia conquistadora. Hai que averiguar o nome antigo da cidade, o actual, o do pobo conquistador, e tamén o do derradeiro Emperador.

II. Cada 29 de maio os romanos celebraban unha festa relixiosa na que se purificaban os campos, para o que se ofrecía a certo deus o sacrificio de tres animais. Como se chamaba esa festividade, na honra de que deus se celebrana, con que nome coñecemos ó sacrificio de tres víctimas e que animais eran os sacrificados?

 

III. O 31 de maio, 1.470 anos antes da caída da cidade aludida na primeira quaestio, conmemorouse en Roma o cumprimento dun novo século da cidade. A iniciativa correra a cargo do daquela Emperador, e as festas comezaron cunha invitación ó pobo para que participase nuns fastos “que ninguén vira e ninguén xamais volvería ver”. Para esta ocasión escribíu certo poeta unha composición, que conservamos, e que foi recitada por un amplo coro. Como se chamou esta celebración, que Emperador a promoveu, a que poeta nos referimos e como se titulaba a súa obra?

jueves, 1 de abril de 2021

ROMANAE QVAESTIONES VII (MMXX-MMXXI)

 Comezamos o derradeiro trimestre do curso, e con el empeza de novo a serie das Romanae Quaestiones, que serven para engadir décimas á cualificación final.

Sorte coas investigacións que vos propoño:


 

I. O 8 de abril de hai 2.072 anos celebrouse en Roma o proceso contra un político acusado de provacar serios disturbios na cidade, sobre todo en época de eleccións. Foi defendido polo máis famoso orador romano, cun discurso que hoxe conservamos nunha versión reelaborada polo propio autor. Como se chamaban o político, o seu defensor, e con que título coñecemos o devandito discurso?

 

II. O mesmo día, 198 anos despois, nacía en certa cidade do norte de África un rapaz que chegaría a ser Emperador, e que mesmo ía fundar unha nova dinastía, poñendo fin a unha época na que o cargo de máximo gobernante do Imperio era un seguro de morte temperá. O eixo da súa política foi o reforzamento do poder militar, cunha xefatura forte en mans do Emperador. De quen estamos a falar e en que cidade naceu?

 

Precisamente o mesmo día, 71 anos despois, morría asasinado por un dos centurións da súa III. garda persoal un Emperador da dinastía fundada polo protagonista da anterior quaestio. A que Emperador nos referimos?

lunes, 1 de marzo de 2021

ROMANAE QVAESTIONES VI (MMXX-MMXXI)

  Con marzo pechamos as oportunidades para incrementar ata un punto a cualificación final do trimestre.

Non desaproveitedes as Romanae Quaestiones deste mes!

 


I. O 1 de marzo de hai 1.982 ou 1.979 anos (no hai acordo na data) nacía en certa vila hispana un poeta romano que obtivo moita sona pola súa habilidade para a composición de poemas moi breves de contido satírico. De que poeta falamos e en que vila naceu?

II. Cada 1 de marzo os romanos celebraban unha festa na honra das mulleres casadas. Elas acudían ó templo de certa deusa (situado no outeiro do Esquilino) que protexese os seus matrimonios e os seus futuros embarazos (e partos). A que festa aludimos, que deusa era venerada nelas e con que palabra nos referimos en latín ás mulleres casadas?

 III. O 6 de febreiro de hai 2.032 anos certo persoeiro romano recibía o máis alto título da relixión romana. A partir del, todos os Emperadores incluirían ese título entre os seus, e hoxendía aínda existe un gobernante que o posúe, por telo herdado da Antiga Roma. De que título se trata, que gobernante actual aínda o ostenta e a que persoeiro romano aludimos?

lunes, 1 de febrero de 2021

ROMANAE QVAESTIONES V (MMXX-MMXXI)

 Mediado vai case o segundo trimestre, e con febreiro chega unha nova ocasión de mellorar a cualificación final.

A ver como resolvedes as Romanae Quaestiones deste mes:


 

I. Cada 1 de febreiro celebrábase en Roma unha festa relixiosa na honra de certo deus vencellado ó Inframundo: nun bosque sagrado (lucus) que estaba consagrado a esta divinidade na desembocadura do Tíber sacrificábase un touro de pelo escuro. A que deus nos referimos?

 

II. O 4 de febreiro, hai 1.809 anos, morría na cidade britana que daquela era chamada Eburacum un Emperador romano que puxera fin a uns anos moi convulsos nos que se sucederon un gran número de gobernantes de moi pouca duración. Disque no seu leito de morte aconsellou ós seus dos fillos, nomeados como sucesores, que só se coidasen de manter contentos ós soldados. Como se chamaba este Emperador e os seus dous fillos?

 

III. 159 anos antes, o 5 de febreiro, un forte terremoto devastaba certa cidade do sur de Italia. Nos anos vindeiros os seus habitantes esforzáronse por reconstruíla, mais eses labores resultaron inútiles, xa que pouco despois a poboación foi totalmente destruída. Como se chamaba a cidade, cal foi a causa da catástrofe definitiva e en que ano se produciu?

viernes, 1 de enero de 2021

ROMANAE QVAESTIONES IV (MMXX-MMXXI)

 Ano novo, costumes vellos.

Comeza xaneiro, e con el un novo trimestre, o segundo.

E, tamén con el, empeza a carreira para sumar décimas á nota final do trimestre. Para iso, como cada mes, hai que contestar correctamente as seguintes preguntas:

 


I. O 1 de xaneiro de hai 2.123 anos, un xeneral celebraba polas rúas de Roma o seu triunfo nunha guerra noutro continente; no desfile ía tamén o rei do pobo conquistado. Este militar, de gran prestixio entre os romanos, fixera algúns anos antes algunhas reformas no exército que o fixeron máis profesional. De que xeneral falamos e como se chamaba o rei vencido?

 

II. Dous anos antes da celebración militar mencionada na quaestio anterior, nacía o que máis tarde sería considerado máis grande orador romano, que ademais, ós seus 43 anos e exercendo como cónsul, descubríu e desartellou un golpe de Estado. Quen era este orador e político, e como se chamaba o xefe do golpe?

 

III. Cada 9 de xaneiro un sacerdote (entre os moitos que había en Roma) sacrificaba certo animal na honra de certo deus, representado sempre cunha cabeza un tanto especial. O acto producíase nun edificio concreto do Foro Romano, xusto a carón da chamada Via Sacra. Que animal se sacrificaba, cal era o deus así venerado e cal era o título do sacerdote?