martes, 1 de febrero de 2022

ROMANAE QVAESTIONES V (MMXXI-MMXXII)

Febreiro é un bo mes, como calquera outro, para continuar cos bos costumes, como é o de aproveitar os pequenos misterios que propoñemos neste blog para mellorar a cualificación do trimestre:

I. Cada 1 de febreiro celebrábase en Roma unha festa relixiosa na honra de certo deus vencellado ó Inframundo: nun bosque sagrado (lucus) que estaba consagrado a esta divinidade na desembocadura do Tíber sacrificábase un touro de pelo escuro. A que deus nos referimos?


II. O 4 de febreiro, hai 1.811 anos, morría na cidade britana que daquela era chamada Eburacum un Emperador romano que puxera fin a uns anos moi convulsos nos que se sucederon un gran número de gobernantes de moi pouca duración. Disque no seu leito de morte aconsellou ós seus dos fillos, nomeados como sucesores, que só se coidasen de manter contentos ós soldados. Como se chamaba este Emperador e os seus dous fillos?


III. 159 anos antes, o 5 de febreiro, un forte terremoto devastaba certa cidade do sur de Italia. Nos anos vindeiros os seus habitantes esforzáronse por reconstruíla, mais eses labores resultaron inútiles, xa que pouco despois a poboación foi totalmente destruída. Como se chamaba a cidade, cal foi a causa da catástrofe definitiva e en que ano se produciu?


 

sábado, 1 de enero de 2022

ROMANAE QVAESTIONES IV (MMXXI-MMXXII)

 Cos nosos desexos de saúde e felicidade para o ano que comeza, presentamos as cuartas Romanae Quaestiones deste curso, que son as primeiras que se poden aproveitar para sumar centésimas á nota final do segunto trimestre:

I. Hai 2.070 anos un xeneral e político romano cruzaba un río no norte de Italia. Con este acto, en apariencia simple, provocaba unha guerra civil que había durar tres anos e que remataría coa súa completa victoria. Quen era o militar e como se chamaba o río?


II. 396 anos despois do acontecemento anterior, nacía en Hispania o que sería máis tarde derradeiro Emperador que gobernou sobre as partes occidental e oriental do amplo territorio de Roma. Como se chamaba e en que cidade hispana naceu?


III. Os días 11 e 15 de xaneiro celebrábase en Roma unha festa na honra de certa deusa, á que as mulleres embarazadas lle tiñan especial fe. O sacerdote encargado do seu culto ofrecía un sacrificio sen sangue, pois esta divinidade, ó estar relacionada cos nacementos, non podía ter relación coa morte. De que deusa estamos a falar e como se coñecía ó seu sacerdote?

 


 

miércoles, 1 de diciembre de 2021

ROMANAE QVAESTIONES III (MMXXI-MMXXII)

Con decembro remata o trimestre, o ano natural, e tamén a posibilidade, polo momento de sumar 0,33 puntos á cualificación final neste arranque do curso.

As Romanae Quaestiones para o duodécimo mes do ano son estas:

I. Hai 1.987 anos nacía unha persoa que cos anos se convertería nun dos máis sobranceiros representantes dun xénero poético que os romanos consideraban como autóctono, non importado -como todos os demais- de Grecia. Foi compañeiro de estudos doutro autor que compuxo un poema épico dedicado a unha guerra civil entre romanos. De que dous literatos e de que epopeia estamos a falar?


II. 91 anos antes do nacemento mencionado na quaestio anterior, morría o que nos séculos posteriores sería considerado como o máis grande orador romano. Quen era, quen deu a orde de asasinalo e quen a executou?


III. Finalmente, 22 anos antes do crime descrito na segunda pregunta, nacía outro poeta, contemporáneo e amigo do considerado máis grande autor en lingua latina, e que cultivou unha serie de xéneros líricos; a xuízo da crítica, ningún outro escritor romano o iguala nos logros que conseguiu nese tipo de composicións. Quen son os dous xigantes da literatura latina mencionados?

 


lunes, 1 de noviembre de 2021

ROMANAE QVAESTIONES II (MMXXI-MMXXII)

 O inicio do mes de novembro supón unha nova oportunidade de sumar centésimas á cualificación do alumnado de Latín. Velaquí as preguntas:

I. Hai 2.006 anos, o 6 deste mes, nacía en Roma unha rapaza que logo sería moi importante na evolución da primeira dinastía de Emperadores romanos: sobriña do segundo Emperador desa familia, irmá do terceiro, esposa do cuarto e nai do quinto. De que muller e Emperadores falamos?


II. O 8 de novembro, 78 anos antes, un importante político e orador romano pronunciaba diante do Senado o primeiro dunha serie de discursos nos que descubría unha conspiración destinada a dar un golpe de Estado. Segundo se nos conta, o líder da conxura estaba presente cando os seus plans foron revelados publicamente. De que dous homes estamos a falar?


III. Durante a celebración dos Xogos Plebeios, o 13 de novembro, certo colexio de sacerdotes organizaba, no nome da plebe, un banquete público na honra do deus a quen se consagraban os devanditos xogos. Unha imaxe do propio deus (a quen acompañaban outras dúas, de senllas deusas) era levada ó banquete. O deus protagonista “comía” recostado nun diván e as dúas deusas sentadas. Como se chamaba o colexio de sacerdotes e a que deuses nos referimos?

 

viernes, 1 de octubre de 2021

ROMANAE QVAESTIONES I (MMXXI-MMXXII)

 Como cada ano, co mes de outubro comezan as Romanae Quaestiones: unha ocasión mensual de sumar ata 1 punto á cualificación final do trimestre para o alumnado de Latín do noso Centro, nos diferentes cursos nos que esa materia se imparte.

Trátase de investigar, maiormente vía internet, e atopar a solución ós tres pequenos enigmas que se ofrecen neste blog, e que para este mes son os seguintes:

I. Hai 2.226 anos, o 6 de outubro, un exército romano sufriu a perda de 80.000 soldados fronte a unha coalición de inimigos estranxeiros. Esta desfeita trouxo como consecuencia unha reorganización das forzas militares romanas, co fin de facelas máis profesionais. Con que nome se coñece a batalla, que pobos derrotaron nela ós romanos e quen foi o artífice da reforma do exército?


II. O mesmo día, o 6 de outubro, 509 anos despois, morría certa dama de moito carácter, esposa dun Emperador romano, sobre o que exerceu moita influencia. De que Emperador e Emperatriz estamos a falar?


III. E de novo un 6 de outubro, 385 anos antes da morte da dona mencionada na quaestio anterior -e 124 anos logo da gran derrota romana citada na primeira quaestio-, morría en Siria un persoeiro moi querido polo pobo romano, sobriño do daquela Emperador; de feito, moitos sospeitaron que o propio Emperador o mandara envenenar por envexa da súa popularidade. Como se chamaban estes tío e sobriño?


 

jueves, 2 de septiembre de 2021

Initium Cursus MMXXI-MMXXII

Está a piques de comezar un novo curso, no que continuaremos co noso labor de achegar a lingua latina e grega, e a Civilización Clásica ó alumnado que elixa as nosas materias.

É de lamentar que, polo que parece, non vaiamos contar con grupos en Latín I (1º BAC), en Grego I (1º BAC) nin en Grego II 2º BAC). Parece que vai callando na sociedade a falacia de que as materias humanísticas ou, cunha expresión máis clásica, de lestras non serven para o mundo de hoxe.

O que toca é facer chegar á comunidade educativa a mensaxe de que iso é unha falsidade, pois a dedicación profesional á ciencia e á tecnoloxía nunca foron, non son, e xamais serán, o único camiño para que cadaquén atope a súa vía de realización como persoa e como membro da sociedade.

Desde aquí, faremos o posible por darlle a volta a esta lamentable e empobrecedora situación.

MINERVA FORTVNAQVE NOS ADSIT!



martes, 1 de junio de 2021

ROMANAE QVAESTIONES IX (MMXX-MMXXI)

 Xuño sempre significa final de curso, final de nove meses e pico de traballo, que, se estivo ben feito, debe ser recompensado.

Cómpre non baixar a garda e aproveitar a derradeira oportunidade de mellorar a nota final deste terceiro trimestre.

Aquí tedes as Romanae Quaestiones coas que pechamos o curso:

 


I. O 13 de xuño, hai 1.970 anos, nacía un rapaz que co tempo sería un importante militar romano, encargado de consolidar a conquista dun territorio que levaba xa algunhas décadas sendo obxectivo de Roma. Coñecemos a súa vida sobre todo pola biografía que escribíu o seu xenro, e que conservamos. Como se chamaban sogro e xenro, e de que territorio falamos?

 

II. O mesmo día, 293 anos despois, un Emperador promulgaba un decreto que autorizaba o culto de certa relixión, ata daquela perseguida. Como se chamaba ese Emperador e con que nome coñecemos ese decreto?

 

III. Cada 13 de xuño comezaban en Roma unhas festas relixiosas que duraban ata o día 15. Durante elas uns frautistas, co rostro cuberto con máscaras, percorrían Roma no medio de orxías e borracheiras. Como se chamaban estas festas e na honra de que deusa se celebraban?