sábado, 3 de diciembre de 2011

ROMANAE QVAESTIONES III (MMXI-MMXII)




Comezamos o derradeiro mes do ano, e con el unha nova oportunidade para os alumnos que seguen este blog de sumar ata un 0,33 á súa nota final do trimestre. Para iso, como sempre, hai que averiguar a resposta a tres preguntas sobre acontecementos da antiga Roma dos cales se cumpre algún cabodano.



Iso foi o que fixeron, no mes de novembro, María José (1º BAC), Sheila (1º BAC), Mariña (2º BAC), Paula (2º BAC), Maruxa (2º BAC), Isa (2º BAC) e María (2º BAC). Debería cundir o exemplo, pero alá vós.



As QVAESTIONES deste mes son as seguintes:














I. O 21 de decembro de hai 1.972 anos un Emperador romano -o terceiro dos catro que habería nese caótico ano- foi derrotado polas tropas do seu sucesor. E non só iso, senón que foi arrastrado polas rúas de Roma, golpeado e asasinado pola multitude; finalmente, o seu cadáver foi guindado ó Tíber. Quen era este Emperador, quen foi o seu sucesor, e quen os seus dous antecesores no cargo o mesmo ano?














II. O 23 de decembro de cada ano celebrábanse en Roma unhas festas relixiosas. Nelas ofrecíase un sacrificio a certo personaxe feminino, esposa de certo pastor, que se fixo cargo da crianza de dous rapaces moi vencellados á fundación da cidade. Queremos saber como se chamaban o pastor e a súa muller e, por suposto, con que nome se coñecían estas festas














III. Hai 1.737 anos certo Emperador estableceu que cada 25 de decembro Roma debía render culto ó Sol, deidade que ata aquel momento era pouco importante entre a multitude de deuses ós que adoraban os romanos. O gobernante ó que nos referimos estableceu que desde entón nesa data a adoración ó Sol debía ter maior protagonismo, e para iso deulle un novo nome, aproveitando unha festa propia da relixión siria. Quen era este Emperador e como denominou a ese novo culto?

viernes, 2 de diciembre de 2011

Romani eorumque Dei



Los romanos y sus dioses (Alianza Editorial, 1995) é un libro no que Robert M. Ogilvie describe con precisión e brevidade como era a relación dos romanos cos seus deuses: a súa xerarquía e importancia na vida pública e privada, as oracións que lles dirixían, os medios de adiviñar a súa vontade... É moi de agradecer tamén o capítulo que lle dedica ó calendario de festas relixiosas, comentando as máis importantes mes a mes; e explica tamén moi ben a composición e funcións dos diferentes colexios ou gremios sacerdotais. E todo en a penas 150 páxinas dun libro de peto.




miércoles, 2 de noviembre de 2011

ROMANAE QVAESTIONES II (MMXI-MMXII)




Como adoita acontecer hai moito tempo máis ou menos por estas datas, rematou outubro. E outubro é o primeiro mes no que podemos facer balance da oferta que tedes neste blog para aumentar ata nun punto a vosa nota final de trimestre. Lembrade: cada mes aparecerán tres preguntas neste blog relacionadas con acontecementos da Antiga Roma dos que se cumpre o seu aniversario. Se investigades con acerto e certa calma (tedes todo un mes para iso), poderedes sumar 0,33 puntos ó mes; multiplicando esa cifra por tres, obtedes 0,99, cantidade que, graciosamente, será redondeada en 1.




No mes que ven de rematar, Alba (1º BAC) ten xa acumulados 0,22 puntos, mentres que o máximo de 0,33 foi conseguido por Mª José (1º BAC), Sheila (1º BAC), Mariña (2º BAC), Maruxa (2º BAC) e María (2º BAC).




Despois de toda esta información, as Romanae Quaestiones do mes de novembro son estas:














I. O 3 de novembro de hai 1.972 anos nacía, nunha cidade do sur de Hispania que séculos máis tarde se faría moi famosa por un espectacular templo musulmán, un poeta. A súa familia estaba ben situada: era sobriño dun intelectual e filósofo que tivo ó seu cargo a educación dun Emperador aficionado á música e, segundo din, ó lume. Das súas obras (das do poeta, queremos dicir), só conservamos unha. Debedes buscar o nome completo deste autor literario, o do seu tío, e o do Emperador (para este último abonda co apelativo polo que é máis coñecido).












II. Certo avogado que hai 2.054 anos foi asasinado polo amante da máis famosa raíña de Exipto de todos os tempos, pronunciou, dous anos antes de morrer, un discurso xudicial na defensa dun rei oriental, que estaba acusado de tentar asasinar ó máis importante político da época (que, por certo, sería realmente asasinado a penas un ano despois). Queremos saber o nome do avogado, o do acusado, e o título co se que coñece o seu discurso.












III. Comezabamos cun poeta, e rematamos con outro. Hai 1.949 anos, un 24 de novembro, morría certo autor de versos latinos, por causa dunha enfermidade estomacal. A obra que conservamos del é moi cativa, pero pertence a un xénero literario que os romanos consideraban exclusivamente orixinal seu, libre de influencias gregas. Quen era este poeta e como se titulaba a súa obra?

Pulchrum vinculum!

É ben certo que o buscador de imaxes de Google é unha potente ferramenta. Con todo, á hora de buscar imaxes da Roma antiga, Maecenas permite acceder a un número considerable de fotografías relacionadas coa Cidade Eterna e o Imperio Romano.










O aspecto gráfico que ofrece non está moi traballado, pero resulta cómodo navegar por esta páxina, e permítenos disfrutar de vistas, como esta do Panteón de Agripa, hai xa uns cantos anos, se xulgamos polos vehículos que se ven diante e nun lateral:







martes, 4 de octubre de 2011

ROMANAE QVAESTIONES I (MMXI-MMXII)

Como xa sabedes moitos de vós, cada mes é posible aumentar ata en 0,33 puntos a nota final do trimestre se contestades correcta e individualmente a tres preguntas que aparecerán neste blog. Todas elas terán que ver con acontecementos da historia da Antiga Roma dos cales se cumpre algún aniversario. Como se pode comprender doadamente, se sodes constantes, a final do trimestre podedes sumar ata 1 punto á nota resultante dos exames e exercicios.


Pois no mes de outubro non é necesario ir máis aló do primeiro día para atopar efemérides romanas. Velaí van:










I. Hai 2.097 anos nacía, na vila de Amiterno, o primeiro historiador romano do cal conservamos unha cantidade de texto apreciable. En concreto, trátase de tres monografías, dúas delas centradas en dous personaxes de certa importancia para a Historia de Roma, e outra de ámbito máis xeral (esta perdeuse na súa maior parte). Por suposto, pedimos o nome completo do historiador e o título das súas obras.
















II. Nada menos que 294 anos despois, naceu un rapaz que, sen deixar de selo (ós 13 anos), chegaría a ser Emperador, gracias a que previamente fora adoptado como fillo polo seu curmán, o Emperador anterior, de nome certamente solar. Quen eran estes dous Emperadores e entre que datas gobernaron?
















III. Todos os días 1 de outubro, tres sacerdotes dedicados, respectivamente, ó culto a Xúpiter, Marte e Rómulo (divinizado como fundador da cidade), ían nun carro descoberto a un templo de certa deusa para ofrecerlle un sacrificio. Mentres oficiaban, mantiñan a man dereita, consagrada a esa deusa como símbolo de compromiso, envolta nun pano branco. De que deusa se trataba e como se chamaban, xenericamente, eses tres sacerdotes?




SAPIENTIA VOBIS ADSIT!

Novum initium! Avete!






Novum cursum incipimus! Avete omnes, alumni navigatoresque!



Pois si: aquí estamos de novo, o cal, en principio, é bo sinal.



Este ano, como os anteriores... achegarémonos de varias maneiras á lingua latina e á cultura de Roma, a través das nosas clases de 4º ESO, 1º BAC (dous grupos) e 2º BAC. Un total de 45 alumnos.



Que dicir dos primeiros días? Pois que un cóctel interesante de caras novas e... non direi vellas, senón xa coñecidas.



Que se pretende para todos? Nada novo, en esencia: é o que teñen o Latín e a Antiga Roma, pois levan moito tempo estando aí e, contra o que algúns pensen, seguirán a estar.



Nada novo en esencia, diciamos, mais si miradas novas a un campo do saber que, crédeo, paga moito, pero que moito a pena.



Un bo exemplo é o libro Gabinete de curiosidades romanas, de J. C. McKeown (Crítica, 2011): un feixe de anécdotas extraídas das fontes da propia Antigüidade (historiadores, xuristas, poetas...) . Moitas delas son xa coñecidas polos iniciados, pero outras moitas non o son tanto. Por iso pode ser un xeito moi agradable de mergullarse na Antiga Roma: un baño do máis saudable.



Máis nada de momento.




Valete. Cito redibimus!






sábado, 18 de junio de 2011

Pronominalis Saltatio

Musica iterum!






Haec est Pronominalis Saltatio, ab alumnis Secundi Cursus Baccalaureatus quoque canta.









Pois iso: que aquí deixamos a Pronominalis Saltatio (ou Rock Pronominal), que tiveron a ben cantar e gravar (coa mesma indumentaria que na anterior canción) os rapaces de 2º BAC.






Agora só falta que se animen os dos demais cursos!