jueves, 21 de junio de 2012

Carmen Declinativum (Novissima Versio)

Chegamos ó remate deste curso 2011-2012, e os alumnos de 4º ESO quixeron gravar a súa propia versión do Carmen Declinativum, e tamén cunha pequena coreografía creada por eles mesmos.

Aquí vola deixo, cos meus desexos dunhas fantásticas vacacións.

Vémonos á volta, cos designios favorables dos deuses, no curso 2012-2013

domingo, 3 de junio de 2012

Sesenta millóns de romanos

O autor, Jeffrey Toner, logra nesta obra achegarnos eficazmente á forma de vivir e de pensar da maior parte da poboación do Imperio Romano, constituída por aqueles que pola súa condición social non disfrutaban dunha posición desafogada, senón todo o contrario: mulleres, escravos e homes libres con traballos precarios e demasiado dependentes dos vaivéns da fortuna.


Lendo este libro saberemos como estas persoas facían fronte ós problemas de supervivencia cotiáns, como afectaba iso á súa saúde mental, que tipo de celebracións lles eran propias, que crenzas relixiosas tiñan máis éxito entre elas e, sobre todo, como enfocaban a súa relación co poder establecido.

ROMANAE QVAESTIONES IX (MMXI-MMXII)

Estamos xa case rematando o curso, e a deste mes será a derradeira ocasión para sumar ata 1 punto á nota final do trimestre contestando ás Romanae Quaestiones que aparecen neste blog. O 0,33 correspondente ó mes pasado xa o sumaron Leticia e Ángela (4º ESO), Mª José (1º BAC), e tamén Mariña, Bea, Paula, Maruxa e María (2º BAC).
As preguntas deste mes son estas:

 


I. O 12 de xuño de hai 1.973 anos morría a irmá dun Emperador romano, famoso pola súa tolemia. Foi tanta a súa dor pola perda que promulgou unha lei pola cal estaba prohibido, baixo pena de morte, rir, bañarse ou comer coa familia. Quen era o Emperador e como se chamaba a súa irmá?








II. Hai 2.227 anos, un 22 de xuño, producíuse xunto a un lago unha gran derrota dun exército romano fronte a unha invasión estranxeira. Era o terceiro desastre romano diante deste invasor, e aínda habería un cuarto. Queremos saber o nome do lago, quen eran os invasores, quen mandaba o exército romano e cantos homes nos din as fontes antigas que perdeu na batalla.






III. 325 anos despois da morte da muller mencionada na primeira Quaestio, morreu nunha batalla en terras orientais un Emperador romano, que gobernara pouco máis de dous anos. Pasou á Historia sobre todo por unha reforma relixiosa que só durou o mesmo ca el como Emperador. Quen era este Emperador, de que reforma relixiosa se trataba, e diante de que inimigo atopou a morte?

miércoles, 16 de mayo de 2012

Attendite, alumni Secundi Cursus Baccalaureatus!

Logo de facerdes, hoxe pola mañá, un exame ben doado (aínda vos queixaredes), aquí vos deixo as notas. As columnas da táboa, de esquerda a dereita, conteñen o voso nome (en iniciais, como sempre, para preservar a privacidade), a nota do exame de hoxe, a nota (virtual) do 3º trimestre, e a nota final de curso. Esta última foi calculada a través da media das calificacións dos tres trimestres, con aproximación á cifra seguinte ou anterior, dependendo de se as centésimas son superiores ou inferiores a 0,50.

Para revisar os exames e/ou para aclaracións, quedamos o vindeiro venres.

Que pasedes un bo Día das Letras Galegas, o máis incomprensible dos días non lectivos do curso, ó meu parecer (iso si: a vós permitirádevos descansar e/ou estudiar para os exames que vos quedan).



VTINAM STVDIVM VESTRVM PRAEMIVM MEREATVR!


jueves, 3 de mayo de 2012

ROMANAE QVAESTIONES VIII (MMXI-MMXII)

A maio chegamos, aínda que de momento parece novembro. Disque o tempo frío e atristurado favorece a concentración, así que imos ver que tal se vos dan as quaestiones deste mes. As de abril funcionaron ben para Leticia (4º ESO), Mariña, Bea, Paula, Maruxa e María (todas elas de 2º BAC), que aumentaron xa nun chisco a súa nota final de trimestre: 0,33 no caso de 4º ESO, e 0,5 no de 2º BAC, xa que elas rematan o seu curso neste mes de maio.

Velaí van:

I. O primeiro día do mes de hai 1.604 anos morría o primeiro Emperador Romano de Oriente tras a división definitiva do Imperio. Parece ser que non tiña un carácter forte, e que se deixaba aconsellar en case todo por dous ministros e a súa esposa (cuxo nome significa, en grego, "a que pensa ben"). De que Emperador estamos a falar e como se chamaba a súa muller?






II. Todos os anos, tamén o primeiro de maio, Roma celebraba unha festa na honra de dous deuses, considerados os gardiáns das murallas de Roma. De que deuses falamos?





III. Nos primeiros tempos de Roma, hai 2.507 anos, un 15 de maio, íase consagrar (isto é, inaugurar) un templo dedicado a certo deus que, entre outras cousas, favorece o comercio. Houbo moita polémica porque, en principio, esa honra correspondía ós dous cónsules en exercicio, pero o Senado decidíu encomendar na Asamblea Popular a designación do encargado, e esta elixíu a un plebeio, cousa que molestou moito ós patricios. Deste entón, e dado que co tempo o outeiro no que se atopaba o templo estivo principalmente poboado por plebeios -maioritariamente dedicados a actividades comerciais-, foi esa clase social a que venerou especialmente ó deus. De que deus se trata e en que outeiro estivo o seu templo?

domingo, 22 de abril de 2012

Pompeia

Desde que foi redescuberta, alá polo século XVIII, Pompeia non ten deixado de aportarnos un eito de información sobre a vida dos antigos romanos.
Neste libro, publicado en españa por Aguilar, Alex Butterworth e Ray Laurence achégannos á realidade pompeiana a través dunha interpretación moi viva do xacemento, poñendo nome, apelidos e actividades a moitas persoas que viviron nesa cidade soterrada por unha erupción do Vesubio o 25 de agosto do ano 79 d.C.

lunes, 9 de abril de 2012

ROMANAE QVAESTIONES VII (MMXI-MMXII)

Encaramos xa o trimestre final do curso, e con el un novo trío de oportunidades para que os alumnos de Latín de 4º ESO, 1º BAC e 2º BAC poidan engadir ata 1 punto á súa nota final. Para iso, unha vez máis, cada mes haberá que solucionar uns enigmas que se presentarán neste blog.

Velaí van os correspondentes a este mes de abril, no que, no seu día 21, Roma cumprirá 2.765 anos.

I. A véspera das Nonas de Abril (ou sexa, o cuarto día do mes), os romanos comezaban a celebración dunhas festas na honra de certa deusa. Esta divinidade, de orixe estranxeira e que empezou a ser venerada en Roma a raíz dun conflicto bélico moi perigoso para a cidade, tiña uns sacerdotes que eran coñecidos cun nome que coincidía co xentilicio dos habitantes dun territorio conquistado por un gran xeneral, e que debían ser castrados para servir á deusa. Durante estas festas, a súa imaxe era conducida en procesión polas rúas, e tamén se celebraban banquetes ós que patricios e plebeios se invitaban reciprocamente. Con todas estas pistas, será doado averiguar o nome da deusa, o das festas, e o dos sacerdotes.



II. O día 8 de abril de hai 2.064 anos o máis grande orador romano pronunciou un discurso en defensa dun asasino. O asasinado tiña tamén que ver co orador, xa que aquel fora parte activa, 6 anos antes, nun proceso xudicial que rematou co seu exilio. Queremos o nome do orador, o do defendido, o do asasinado, e tamén o título do discurso.








III. O mesmo día, 8 de abril, pero 94 anos máis tarde, nacía nunha importante cidade do norte de África un individuo que, ós seus 47 anos, chegaría a ser Emperador. Como se chamaba e en que cidade nacíu?