lunes, 1 de marzo de 2021

ROMANAE QVAESTIONES VI (MMXX-MMXXI)

  Con marzo pechamos as oportunidades para incrementar ata un punto a cualificación final do trimestre.

Non desaproveitedes as Romanae Quaestiones deste mes!

 


I. O 1 de marzo de hai 1.982 ou 1.979 anos (no hai acordo na data) nacía en certa vila hispana un poeta romano que obtivo moita sona pola súa habilidade para a composición de poemas moi breves de contido satírico. De que poeta falamos e en que vila naceu?

II. Cada 1 de marzo os romanos celebraban unha festa na honra das mulleres casadas. Elas acudían ó templo de certa deusa (situado no outeiro do Esquilino) que protexese os seus matrimonios e os seus futuros embarazos (e partos). A que festa aludimos, que deusa era venerada nelas e con que palabra nos referimos en latín ás mulleres casadas?

 III. O 6 de febreiro de hai 2.032 anos certo persoeiro romano recibía o máis alto título da relixión romana. A partir del, todos os Emperadores incluirían ese título entre os seus, e hoxendía aínda existe un gobernante que o posúe, por telo herdado da Antiga Roma. De que título se trata, que gobernante actual aínda o ostenta e a que persoeiro romano aludimos?

lunes, 1 de febrero de 2021

ROMANAE QVAESTIONES V (MMXX-MMXXI)

 Mediado vai case o segundo trimestre, e con febreiro chega unha nova ocasión de mellorar a cualificación final.

A ver como resolvedes as Romanae Quaestiones deste mes:


 

I. Cada 1 de febreiro celebrábase en Roma unha festa relixiosa na honra de certo deus vencellado ó Inframundo: nun bosque sagrado (lucus) que estaba consagrado a esta divinidade na desembocadura do Tíber sacrificábase un touro de pelo escuro. A que deus nos referimos?

 

II. O 4 de febreiro, hai 1.809 anos, morría na cidade britana que daquela era chamada Eburacum un Emperador romano que puxera fin a uns anos moi convulsos nos que se sucederon un gran número de gobernantes de moi pouca duración. Disque no seu leito de morte aconsellou ós seus dos fillos, nomeados como sucesores, que só se coidasen de manter contentos ós soldados. Como se chamaba este Emperador e os seus dous fillos?

 

III. 159 anos antes, o 5 de febreiro, un forte terremoto devastaba certa cidade do sur de Italia. Nos anos vindeiros os seus habitantes esforzáronse por reconstruíla, mais eses labores resultaron inútiles, xa que pouco despois a poboación foi totalmente destruída. Como se chamaba a cidade, cal foi a causa da catástrofe definitiva e en que ano se produciu?

viernes, 1 de enero de 2021

ROMANAE QVAESTIONES IV (MMXX-MMXXI)

 Ano novo, costumes vellos.

Comeza xaneiro, e con el un novo trimestre, o segundo.

E, tamén con el, empeza a carreira para sumar décimas á nota final do trimestre. Para iso, como cada mes, hai que contestar correctamente as seguintes preguntas:

 


I. O 1 de xaneiro de hai 2.123 anos, un xeneral celebraba polas rúas de Roma o seu triunfo nunha guerra noutro continente; no desfile ía tamén o rei do pobo conquistado. Este militar, de gran prestixio entre os romanos, fixera algúns anos antes algunhas reformas no exército que o fixeron máis profesional. De que xeneral falamos e como se chamaba o rei vencido?

 

II. Dous anos antes da celebración militar mencionada na quaestio anterior, nacía o que máis tarde sería considerado máis grande orador romano, que ademais, ós seus 43 anos e exercendo como cónsul, descubríu e desartellou un golpe de Estado. Quen era este orador e político, e como se chamaba o xefe do golpe?

 

III. Cada 9 de xaneiro un sacerdote (entre os moitos que había en Roma) sacrificaba certo animal na honra de certo deus, representado sempre cunha cabeza un tanto especial. O acto producíase nun edificio concreto do Foro Romano, xusto a carón da chamada Via Sacra. Que animal se sacrificaba, cal era o deus así venerado e cal era o título do sacerdote?

martes, 1 de diciembre de 2020

ROMANAE QVAESTIONES III (MMXX-MMXXI)

 Decembro trae a fin do ano e mais do terceiro trimestre. Pero, como aínda estamos a principios de mes, aínda é posible engadir unhas décimas á cualificación final.

Velaquí as Romanae Quaestiones do mes de decembro:


 

I. Hai 2.238 anos, o 1 de decembro, un xeneral estranxeiro, que había pouco puxera os pés en Italia atravesando os Pirineos e os Alpes, derrotaba ós romanos na primeira de varias batallas nas que poñería a Roma ó bordo do colapso, aínda que finalmente, anos despois, perdería a guerra. De que xenio militar estamos falando e a que batalla aludimos?

 

II. Cada primeiro de decembro os romanos celebraban unha festa relixiosa na honra da filla primoxénita (a pesar de que a romana era unha sociedade na que o poder masculino era omnímodo). A deusa honrada nesta ocasión era moi venerada por todos os romanos, e mesmo Xulio César tiña sona de serlle moi devoto. De que festa se trata?

 

III. O día 3 de decembro, 156 anos despois da batalla mencionada na primeira quaestio, estouraba en Roma un escándalo relixioso: un home participara, disfrazado de muller, nuns ritos relixiosos reservados exclusivamente a mulleres. Os rumores dicían que o fixera en colaboración coa esposa dun importante político da cidade, coa que se sospeitaba que mantiña unha relación adúltera. De que celebración relixiosa falamos, e como se chamaban o seus dous profanadores (home e muller), ademais do esposo supostamente traizoado?

domingo, 1 de noviembre de 2020

ROMANAE QVAESTIONES II (MMXX-MMXXI)

 Novembro e o penúltimo mes do ano, pero só é o segundo cando de sumar puntos á nota final do trimestre dos matriculados en Latín deste Centro se trata.

Aquí están as Romanae Quaestiones deste mes:



I. O primeiro día de novembro de hai 2.102 anos, ás mesmas portas de Roma, librouse unha batalla na que un xeneral romano deu fin a un enfrontamento civil que levaba máis de 10 anos, en diferentes momentos, causando moitas mortes. Como resultado, este xeneral asumiu un enorme poder que lle permitiu asasinar a moitos opoñentes e cambiar algunhas estructuras do goberno romano para garantir a supremacía das clases máis altas. Quen foi este político e militar romano, e con que nome coñecemos a batalla?

 

II. Hai 1.981 anos, o 3 de novembro, nacía en Hispania un rapaz, sobriño dun importante filósofo romano (que mesmo sería tutor dun futuro Emperador), e que se convertiría nun sobranceiro poeta, e do que conservamos un poema épico baseado en feitos reais do derradeiro século da República romana (e non en relatos mitolóxicos, como era costume). Como se chamaba este poeta, quen era seu tío, e como se titula o poema?

 

III. Cada 4 de novembro principiaban en Roma unhas festas, instituídas no ano 220 a.C. por un censor que mandou construír o circo no que se celebrarían (e que leva o seu nome). Estaban dedicados a un deus moi importante, constaban de nove días de espectáculos teatrais, e 3 de espectáculos de carreiras de carros. Como se chamaban o fundador dos xogos (e, polo tanto, o circo no que tiñan lugar), o deus a que estaban consagrados, e os xogos mesmos?