viernes, 2 de marzo de 2012

ROMANAE QVAESTIONES VI (MMXI-MMXII)

Entramos no que durante moitos anos foi o primeiro mes do calendario romano, e deixamos atrás febreiro, que outorgou 0,33 puntos á nota final do trimestre de Mariña, Beatriz, Maruxa e Paula (todas elas de 2º BAC), e 0,22 á de Leticia (4º ESO). Para elas, e para todos os demais alumnos de Latín do IES Fontexería, velaquí unha nova oportunidade:


I. O primeiro día deste mes de hai 2.098 anos, un xeneral romano -que logo foi dictador, fixo moitos cambios na lexislación romana e rematou deixando o poder- saqueaba certa cidade grega, de gran importancia, aínda que xa deixara atrás os seus mellores días. Para rendela tivo que asediala durante varios meses e, logo da súa conquista, entregouna ós seus soldados para que a saqueasen. Quen foi este xeneral e de que cidade se trata?




II. O mesmo día, 1 de marzo, pero de todos os anos, celebrábase en Roma unha curiosa procesión: sacábanse á rúa 12 escudos sagrados, que estaban confiados á custodia dun colexio sacerdotal. Esta festa conmemoraba o agasallo que, en tempos moi antigos, certo deus fixera a certo rei romano. Que nome recibían en latín eses escudos, de que deus e rei estamos a falar, e cal era o nome do colexio de sacerdotes mencionado?




III. Para rematar, 247 anos máis tarde da toma da cidade citada na primeira pregunta, morría en Roma, un 7 de marzo, un Emperador, considerado un dos mellores da Historia de Roma, xa que durante o seus anos de goberno, segundo parece, non mandou executar a ninguén, e foi moi querido polo pobo. De que Emperador se trata, de que morreu, e en que parte de Roma está ubicado o templo que leva o seu nome, compartido co da súa esposa?

No hay comentarios:

Publicar un comentario