Chegamos ó mes de abril e, unha vez máis, desde este blog ofrécese a posibilidade de aumentar ata nun punto a nota final do trimestre. Para iso, cada mes hai que responder correctamente ás preguntas sobre a Antiga Roma que se presentan aquí.
E estas son as preguntas deste mes:
I. O 12 de abril, hai 2.220
anos, chegaba a Roma por mar unha pedra de betilo que representaba a certa
deusa. Unha profecía baseada en certos libros relixiosos establecía que con ela
na cidade os romanos serían quen de derrotar a un líder estranxeiro que
acabaría sendo o seu inimigo máis perigoso. Foi elixido para recibila o
considerado cidadán máis digno. De que
deusa se trataba, como se chamaban os libros que profetizaron a súa necesidade,
que líder estranxeiro ameazaba Roma e con que nome era coñecido o cidadán
designado para recibila?
II. Cada 12 de abril, e ata o 19, os
romanos celebraban unha festa na honra de certa deusa, a quen se agradecía a
invención da agricultura; tamén se festexaba o retorno da súa filla onda ela,
pois pasaba parte do ano sen a súa compaña. Como parte da celebración dábanse
espectáculos variados no Circo Máximo. Como
se chamaba a deusa, a súa filla, e con que nome coñecemos estas festividades?
III. 134 anos despois do acontecemento
mencionado na primeira quaestio
nacía, o 13 de abril, un persoeiro de grande influencia na política cultural do
primeiro Emperador romano. Tanto é así que aínda hoxe designamos co seu nome ás
persoas que favorecen o cultivo das artes. Como
se chamaba este home?
No hay comentarios:
Publicar un comentario