domingo, 1 de abril de 2018

ROMANAE QVAESTIONES VII (MMXVII-MMXVIII)

Chega o mes de abril, e con el un novo trimestre; e con el, tres novas ocasións de incrementar o valor da cualificación para os alumnos de Latín dos diferentes niveis educativos do IES Fontexería (agás para os de 2º BAC, que só teñen dúas, como se explicará no mes seguintes.

Estas son as tres propostas deste mes:


I. Cada 23 de abril os romanos celebraban unha festa na honra de certo deus, a quen pedían que protexese os cultivos de certas plantas moi importantes para a súa economía (e disfrute da vida). A súa institución relacionábase coa lenda do mítico pai fundador da estirpe romana, que procedía de Troia: unha vez en Italia, tivo que enfrontarse a un inimigo local que gañara un aliado ofrecéndolle a metade do mosto que se conseguira na vindeira colleita; o heroe troiano fixo o mesmo co deus a que nos referimos, e debido a iso obtivo a victoria, pois o seu aliado, divino, era máis poderoso que o do seu rival, humano. Queremos saber de que deus se trataba, con que nome se coñecían estas festas, e tamén como se chamaban os tres protagonistas da lenda.

II. Outra festa agrícola era celebrada polos romanos cada 25 de abril na honra dunha divinidade menor, pero que protexía ós cereais contra certa plaga. Realizábase unha procesión ata un bosque dedicado á deidade, e pedíase que a plaga que ameazaba ós cereais pasase ás armas, e que así estas se enchesen de ferruxe. Como se chamaba a divinidade, a que plaga agrícola nos referimos e con que nome coñecemos estas festas tan pacifistas?

III. O 28 de abril, hai 1.986 anos, nacía un Emperador romano que foi un bo amigo dun dos seus antecesores: fora un gobernante odiado pola poboación e o exército, sobre todo nos seus derradeiros anos, nos que pesou sobre el a sospeita de ter provocado un gran incendio en Roma. Curiosamente, a muller deste último fora esposa anteriormente do protagonista desta quaestio, co cal estivo casada con dous Emperadores. De que tres persoas (dous homes e unha muller estamos a falar?

No hay comentarios:

Publicar un comentario