O mes de maio tráenos o arrecendo primaveral da proximidade do fin do curso. De feito, para o alumnado de 2º BAC é o seu derradeiro mes, polo que, para eles, o valor das Romanae Quaestiones deste mes é dobre.
Para eles, e para todos os demais, velaquí:
I. O 25 de maio de hai 2.065
anos era asasinado certo persoeiro romano, que anos atrás participara nunha
guerra civil, na que tomara partido polo bando derrotado. Este político énos
moi coñecido polo discurso que na súa defensa pronunciara o máis famoso orador
romano para evitar a súa condena, precisamente por opoñerse ó vencedor na
guerra mencionada. Como se chamaban este
personaxe e o orador que o defendeu?
II. O mesmo día, 30 anos
despois, nacía un rapaz que co tempo sería pai dun Emperador e avó doutro.
Ademais, cando tiña 32 anos celebrou un desfile triunfal en Roma para festexar
os seus éxitos nas campañas militares contra certos pobos do norte de Europa. Como se chamaba este rapaz e contra que
pobos loitara?
III. O 28 de maio, 8 anos
antes do asasinato mencionado na primeira quaestio,
morría un importante político e militar romano nunha batalla. Este persoeiro
iniciara unha campaña contra un importante Imperio do Mediterráneo oriental co
obxecto de ampliar os dominios romanos e, sobre todo, conseguir gloria persoal.
Pouco despois da batalla, prisioneiro dos seus inimigos, foi executado, e
rumoréase que dun xeito cruel: segundo parece, foi obrigado a beber un metal fundido.
De que persoeiro estamos a falar, contra
quen mantivo a guerra que lle custou a vida e que mineral tivo que beber?
No hay comentarios:
Publicar un comentario