martes, 7 de enero de 2014

ROMANAE QVAESTIONES IV (MMXIII-MMXIV)

Comeza un novo ano, pero continúa o curso que principiamos aló polo mes de setembro. Do mesmo xeito, continúa a ocasión mensual de aumentar ata nun punto a nota final do trimestre, contestando a unha serie de tres preguntas. Velaquí as do mes de xaneiro:


 



O 1 de xaneiro de hai 2.117 anos, un xeneral celebraba polas rúas de Roma o seu triunfo nunha guerra noutro continente; no desfile ía tamén o rei do pobo conquistado. Este militar, de gran prestixio entre os romanos, fixera algúns anos antes algunhas reformas no exército que o fixeron máis profesional. De que xeneral falamos e como se chamaba o rei vencido?







Dous anos antes da celebración militar mencionada na quaestio anterior, nacía o que máis tarde sería considerado máis grande orador romano, que ademais, ós seus 43 anos e exercendo como cónsul, descubríu e desartellou un golpe de Estado. Quen era este orador e político, e como se chamaba o xefe do golpe?








Cada 9 de xaneiro un sacerdote (entre os moitos que había en Roma) sacrificaba certo animal na honra de certo deus, representado sempre cunha cabeza un tanto especial. O acto producíase nun edificio concreto do Foro Romano, xusto a carón da chamada Via Sacra. Que animal se sacrificaba, cal era o deus así venerado e cal era o título do sacerdote?

jueves, 5 de diciembre de 2013

ROMANAE QVAESTIONES III (MMXIII-MMXIV)

Cun pouco de retraso (pido desculpas), pero aquí está de novo, como cada mes, a oportunidade de aumentar 0,33 puntos á nota final do trimestre. Cómpre mencionar a Nerea, Gemma e Sabela (1º BAC), e tamén a Patricia, Clara e Leticia (2º BAC), que o mes pasado respostaron correctamente ás preguntas que deixamos aquí.

Ben, pois estas son as correspondentes a este mes de decembro (bulide, que faltan poucos días):


I. Hai 2.231 anos, o 1 de decembro, un xeneral estranxeiro, que había pouco puxera os pés en Italia atravesando os Pirineos e os Alpes, derrotaba ós romanos na primeira de varias batallas nas que poñería a Roma ó borde do colapso, aínda que finalmente, anos despois, perdería a guerra. De que xenio militar estamos falando e a que batalla aludimos?





II. Cada primeiro de decembro os romanos celebraban unha festa relixiosa na honra da filla primoxénita (a pesar de que a romana era unha sociedade na que o poder masculino era omnímodo). A deusa honrada nesta ocasión era moi venerada por todos os romanos, e mesmo Xulio César tiña sona de serlle moi devoto. De que festa se trata?





III. O día 3 de decembro, 156 anos despois da batalla mencionada na primeira quaestio, estouraba en Roma un escándalo relixioso: un home participara, disfrazado de muller, nuns ritos relixiosos reservados exclusivamente a mulleres. Os rumores dicían que o fixera en colaboración coa esposa dun importante político da cidade, coa que se sospeitaba que mantiña unha relación adúltera. De que celebración relixiosa falamos, e como se chamaban o seus dous profanadores (home e muller), ademais do esposo supostamente traizoado?

lunes, 4 de noviembre de 2013

ROMANAE QVAESTIONES II (MMXIII-MMXIV)

Rematou o mes de outubro, o primeiro no que ofreciamos a oportunidade de aumentar ata nun punto a nota final do trimestre. Só Gemma, Nerea e Sabela (1º BAC) aproveitaron a ocasión. A miña noraboa para elas; e para elas, e tamén para todos os demais alumnos de Latín do IES Fontexería, en calquera dos seus niveis, van as quaestiones de novembro:

I. O primeiro día de novembro de hai 2.095 anos, ás mesmas portas de Roma, librouse unha batalla na que un xeneral romano deu fin a un enfrontamento civil que levaba máis de 10 anos, en diferentes momentos, causando moitas mortes. Como resultado, este xeneral asumíu un enorme poder que lle permitíu asasinar a moitos opoñentes e cambiar algunhas estructuras do goberno romano para garantir a supremacía das clases máis altas. Quen foi este político e militar romano, e con que nome coñecemos a batalla?

II. Hai 1.974 anos, o 3 de novembro, nacía en Hispania un rapaz, sobriño dun importante filósofo romano (que mesmo sería tutor dun futuro Emperador), e que se convertiría nun sobranceiro poeta, e do que conservamos un poema épico baseado en feitos reais do derradeiro século da República romana (e non en relatos mitolóxicos, como era costume). Como se chamaba este poeta, quen era seu tío, e como se titula o poema?



III. Cada 4 de novembro principiaban en Roma unhas festas, instituídas no ano 220 a.C. por un censor que mandou construír o circo no que se celebrarían (e que leva o seu nome). Estaban dedicados a un deus moi importante, constaban de nove días de espectáculos teatrais, e 3 de espectáculos de carreiras de carros. Como se chamaban o fundador dos xogos (e, polo tanto, o circo no que tiñan lugar), o deus a que estaban consagrados, e os xogos mesmos?

martes, 1 de octubre de 2013

ROMANAE QVAESTIONES I (MMXIII-MMXIV)

Como cada curso, a partir do mes de outubro, os matriculados na materia de Latín do IES Fontexería (en 4º ESO, e tamén en 1º e 2º BAC) teñen a oportunidade de aumentar ata nun punto a nota final de cada trimestre.

Para iso deberán averiguar as respostas ás Romanae Quaestiones que se publicarán neste blog nos primeiros días de cada mes. Velaquí as de outubro:




I. O día primeiro deste mes, hai 2.099 anos, nacía na vila de Amiterno o que está considerado como primeiro historiador importante da literatura latina, autor dunha obra sobre unha famosa conspiración para dar un golpe de Estado, que tivo lugar cando el tiña 23 anos. A que autor e a que conxura estamos a aludir?





II. 294 anos despois do nacemento do persoeiro anterior, viña tamén ó mundo o 1 de outubro un rapaz que chegaría a ser Emperador ós seus escasos 13 anos. Esa condición veulle debido a que foi adoptado por un curmán seu, que ocupou o trono antes que el. Pedimos o nome dos dous curmáns.



 
III. E tamén o primeiro día deste mes, pero durante todos os anos, celebrábase en Roma unha festa na honra de certa deusa. Nela uns sacerdotes acudían nun carro ó templo desta divinidade, e ofrecíanlle un sacrificio, mantendo a man dereita envolta nun pano branco. De que divinidade se trata e que sacerdotes levaban a cabo a ofrenda?

lunes, 30 de septiembre de 2013

Novum initium (MMXIII-MMXIV)

Co principio do Curso 2013-14, aquí estamos de novo.

E non nos podemos queixar, logo dun verán reparador e enriquecedor en novas experiencias.

Unha delas foi descubrir este libro de Adrian Goldsworthy, un autor que ten publicado moito nestes últimos anos, e mesmo se teñen traducido algunhas das súas obras ó castelán. En concreto, esta leva un título moi cinematográfico, e ademais responde a unha cuestión moi debatida polos especialistas en Historia Antiga: como e por que desapareceu o Imperio Romano de Occidente.

Pasando revista ás diferentes hipóteses ó respecto, Goldsworthy resulta ameno e bastante claro  na exposición da súa idea (aínda que nalgúns momentos do s. III d.C. é imposible facer sinxela a complexa sucesión de Emperadores e/ou usurpadores do trono imperial): o Imperio caeu por un cúmulo de factores internos e externos. Non parece moito dicir, mais nos últimos anos tense aberto camiño a tese de que a desaparición do Imperio Romano de Occidente non foi sentida como tal na época, e que as estructuras de poder seguiron a funcionar case como se tal cousa. Fronte a isto, o autor do libro defende que Roma caeu, e caeu notoriamente, dando paso á primeira configuración da Europa Medieval.

Ó meu parecer, o máis interesante do libro reside na importancia que Goldsworthy atribúe ó papel dos bárbaros e do exército romano: nin aqueles nin este foron demasiado numerosos, co que a tradicional imaxe de hordas xermánicas desbordando a un inmenso exército romano non é a máis correcta. Nesta obra deféndese que as tribus bárbaras perderon o respeto que tiveran moitos séculos a un Imperio que xa non era quen de gobernarse a si mesmo; respeto que non perderon ata o punto de sustituir a cultura romana pola súa: por algo seguimos a ser, en boa medida, romanos.

viernes, 21 de junio de 2013

Carmen Declinativum ab alumnis Primis Cursus Baccalaureatus (2012-13)

Un ano máis, varios alumnos, neste caso de 1º BAC, accederon a gravar a súa propia versión do Carmen Declinativum, seguido do Rock Pronominal.

Aquí o deixo, engadindo o meu fondo agradecemento polo interese e boa disposición cara a materia durante este curso.


GRATIAS MAXIMAS VOBIS AGO!


miércoles, 5 de junio de 2013

ROMANAE QVAESTIONES IX (MMXII-MMXIII)

Chegou xuño, e da man deste mes chega tamén a derradeira oportunidade do curso para sumar ata 1 punto á nota final do trimestre (só para 4º ESO e 1º BAC, pois a xente de 2º BAC xa rematou as clases). Para iso, de novo, haberá que respostar correctamente a estas preguntas:




I. Cada primeiro día deste mes, en Roma celebrábanse unhas festas relixiosas que consistían en ofrecer un sacrificio a certa deusa: cociñar paa ela un puré de fabas e touciño. De que deusa se trata e con que nome eran coñecidas estas festas?








II. O 8 de xuño de hai 2.228 anos consagráronse en Roma dous templos a dúas divinidades. O obxectivo era obter de novo o favor dos deuses, dous anos despois dunha derrota dos exércitos romanos fronte a un perigosísimo inimigo, ás beiras dun lago. A que deuses se dedicaron os dous templos e quen era o devandito inimigo?









III. 8 anos despois do relatado na pregunta anterior, o 23 de xuño, morreu nunha batalla o irmán do perigosísimo inimigo mencionado na Quaestio II. Como se chamaban os irmáns e a que batalla nos estamos a referir?