Como seguramente xa saberedes, por orde da Consellería de Educación, mañá mércores, 16 de decembro, non haberá clase por alerta meteorolóxica. Respecto ós exames destes días, tede en conta o seguinte:
1. O exame de Cultura Clásica de mañá queda, forzosamente, aprazado. Dado que as sesións de evaluación de 4º ESO A e B se trasladan ó venres pola tarde, poderemos realizar o exame, o máis tarde, o mesmo venres. Como xa sabedes, as nosas tres sesións semanais son luns, martes e mércores; polo tanto, debemos buscar unha hora doutra materia para facer o exame. Esa hora debe corresponder a unha materia da que xa esteades examinados, e debémonos poñer en contacto cos profesores afectados para que vos permitan realizar o exame nesa hora.
2. O exame de Maikel e Adela, de 2º BAC, poderemos facelo o xoves, o venres ou mesmo o luns, xa que a evaluación dese curso terá lugar o propio luns día 21. Xa me diredes vós.
3. O exame de 1º BAC A será o xoves, tal e como estaba previsto. Iso si, non disporemos da sesión de mañá para realizar un repaso de todo o que entra. Por iso coméntovos aquí a estructura xeral do exame:
- PARTE I: teórica, con especial atención ós grupos e linguas indoeuropeos, as linguas romances (concepto e lista delas), a procedencia do alfabeto latino, os principais restos arqueolóxicos da cidade de Roma (Foros, Palatino, Circo Máximo e Coliseo: principais edificios e uso que tiñan), e 5 preguntas tipo test sobre a Historia de Roma (Monarquía e República, xa sabedes).
- PARTE II: práctica, na que deberedes analizar e traducir 6 frases. Haberá un vocabulario, pero xa sabedes que tedes que coñecer o significado das palabras marcadas en negriña nas follas de exercicios 1 e 2 da vosa Libreta de Traballo (Latinitas Nostra I)
4. Alba, Luis e Carmiña: segue vixente o labor que tedes que facer para aprobar: atopar as respostas ás preguntas do blog: buscade unha entrada chamada ROMANAE QVAESTIONES III. Por sorte para vós, tedes ata o venres
Máis nada. Calquera dúbida, ó correo electrónico murosenlatin@hotmail.es
Aproveitade o día de mañá para estudiar, que vai ir moito frío, segundo din.
FRIGVS DOMVM NOSTRAM LEPIDIOREM FACIT
No hay comentarios:
Publicar un comentario