lunes, 4 de mayo de 2015

Colleen McCullogh e a súa gran serie de novela histórica sobre a Antiga Roma


Colleen McCullough, escritora australiana falecida o pasado mes de xaneiro, deixounos un colosal traballo de novela histórica ambientada na Antiga Roma, e máis concretamente sobre o século final da República romana. Nada menos que sete novelas: unha heptaloxía (que comezou sendo unha pentaloxía, logo ampliada), publicada orixinalmente entre 1990 e 2007.

Levoume máis de un ano lelos todos, pero a experiencia pagou a pena. McCullough fixo un excelente traballo de documentación, e ademais esforzouse por trazar un retrato psicolóxico profundo de cada un  dos personaxes principais. De seguro non saberemos nunca con exactitude como eran Sila, Mario, Pompeio, César, Catón, Servilia, Bruto, Marco Antonio, Cleopatra, Octavio... Mais resulta agradable imaxinar a estes persoeiros tan coñecidos da historia romana tal e como nolos pinta a escritora.

Para quen queira achegarse á lectura destes sete libros, damos aquí unha pequena guía:

- El primer hombre de Roma (Planeta, 2007): Ten como núcleo a loita entre Lucio Cornelio Sila e Gaio Mario por ser a figura dominante da política romana.

- La corona de hierba (Planeta, 2007): Continúa a pugna entre Mario e Sila, xa maduros, e nara tamén a irrupción dunha xeración máis nova que reclama o seu lugar no poder.

- Favoritos de la Fortuna (Planeta, 2007): Aborda os anos de adolescencia e formación da forte personalidade de Xulio César.

- Las mujeres de César (Planeta, 2007): Céntrase entre os anos 63 e 58 a.C., nos que Xulio César comeza seriamente unha traxectoria encamiñada a se converter no Primeiro Home de Roma.

- César (Planeta, 2007): A escritora fabula sobre o período entre 54 e 48 a.C., ata chegar ó limiar da Guerra Civil entre César, por unha banda, e Pompeio e a oligarquía senatorial, pola outra.

- El caballo de César (Ediciones B, 2006): Abrangue desde a derrota de Pompeio e a estancia de César en Exipto, pasando polo seu asasinato, ata a derrota e morte de Casio e Bruto na batalla de Filipos.

- Marco Antonio y Cleopatra (Ediciones B, 2008): Como o seu título indica, pon o foco sobre estes dous personaxes, ó tempo que relata a ascensión de Gaio César Octaviano (máis tarde coñecido como Augusto) ó poder, dun xeito que cambiará o réxime político romano.

Todas estas novelas manteñen un pulso narrativo uniforme, cohesionando ben personaxes e feitos históricos. Quizais na derradeira se note algo de cansazo por parte da escritora, pois os retratos dos personaxes son algo máis simples. En todo caso, a quen lle guste a narrativa histórica, e sobre todo aquela que escolle como escenario o Mundo Antigo, non debe perdelas.

ROMA ROMA ROMA ROMA ROMA ROMA ROMA ROMA ROMA ROMA ROMA ROMA ROMA ROMA ROMA ROMA ROMA ROMA ROMA ROMA ROMA ROMA ROMA ROMA


No hay comentarios:

Publicar un comentario