domingo, 2 de octubre de 2016

Unha novela: "Aníbal", de Gisbert Haefs

Como calquera iniciado na Historia de Roma sabe, Cartago perdeu tres guerras contra Roma (as Guerras Púnicas).

Debido a este feito, a única versión do que aconteceu coa que contamos é a dos historiadores romanos. Como é de esperar, todos presentan os feitos dun xeito favorable á súa patria, pois sabido é que a Historia a escriben os vencedores.


Pois ben: en Aníbal, o novelista alemán Gisbert Haefs compón unha ficción histórica que presenta os conflitos desde o punto de vista cartaxinés. Ademais do gran xeneral que a piques estivo de derrotar a Roma, aparecen nesta novela máis personaxes, os máis deles históricos; pero entre os ficticios destaca Antígono, un banqueiro medio grego e medio púnico que desde moi novo foi un bo amigo da familia Barca, que deu militares de gran valía ó Estado cartaxinés. De feito, Haefs fai que o seu relato estea escrito polo propio Antígono.

O estilo narrativo de Haefs é o característico da novela histórica: respecta o que nos contan as fontes históricas, os acontecementos vanse sucedendo a bo ritmo, e deixa espazo para o retrato psicolóxico dos personaxes máis importantes, aínda que, ás veces, lles atribúe reflexións que parecen máis propias da nosa mentalidade contemporánea.

En suma: unha novela interesante, sobre todo para aqueles a quen lles atraia a figura dun dos maiores militares da Historia.




No hay comentarios:

Publicar un comentario