Coa fin do mes de outubro rematou tamén a primeira oportunidade para sumar 0,33 puntos máis á nota final do trimestre; e esa oportunidade aproveitárona Ana, Lucía e Camino (4º ESO), e máis María, Isaac e Sara (2º BAC).
Novembro é outra ocasión, para eles e para todos, de seguir sumando. Velaquí as preguntas deste mes:
I. Cada 19 de novembro
celebrábase en Roma un ritual relixioso que consistía en ofrecer un banquete a
unha deusa: preparábase o seu templo para a ocasión, dispoñendo un comedor,
sacrificábase unha víctima animal e os asistentes compartían, simbolicamente, a
carne coa divinidade. Este tipo de festas tamén se ofrecían de cando en vez a
outros deuses, e en latín existía un nome común para todas elas. Cal era ese nome e quen era a deusa honrada
neste día concreto?
II. Hai 1.954 anos
morría en Roma un poeta romano por causa dunha enfermidade que lle afectaba ó
estómago. Non conservamos moitas composicións súas, pero todas elas levan un
título conxunto que alude á intención crítica con que foron compostas. Quen e o poeta e cal é o título do libro de
poemas que temos del?
III. Hai 2.060 anos constituíase en Roma unha asociación entre tres homes que concentraban nas súas mans o poder real na antiga Roma. Unha das súas primeiras medidas foi elaborar unha lista de proscripción: os que aparecían nela eran declarados inimigos políticos, o que, na práctica, resultaba ser unha condea a morte. Víctima desta táctica foi, entre outros, un importante orador e político que levaba moitos anos sendo un forte opositor a un dos membros desta coalición. Con que nome coñecemos a esta, que tres homes a formaban, e que orador perdeu a vida a mans súas?
No hay comentarios:
Publicar un comentario