Novo ano, novo trimestre... e oportunidade de comezalo ben sumando 0,33 puntos á nota final do mesmo.
Se vos apetece, navegade pola rede para ver se atopades as solucións a estes pequenos misterios sobre a Antiga Roma.
I. Cada 22 de xaneiro,
desde hai 2.033 anos, celebrábanse en Roma uns xogos populares na honra
de certo político que, case sen que ninguén se decatase, cambiara a forma de
goberno de Roma. A iniciativa destas festas correspondeu á súa esposa, a quen
se atribúe un importante papel -na sombra- nas decisións políticas que tomaba o
seu home. Con que nome coñecemos ás
festas, ó home na honra de quen se celebraban, e á muller que as mandou
instituír?
II. Entre o 24 e 0 26 de
xaneiro celebrábanse en Roma outras festas, estas de carácter agrícola. Nelas
os habitantes das aldeas veneraban a dúas divindades que tiñan moito que ver
cos labores do campo, e pedíanlles que protexesen as sementes que estaban a
piques de plantar. O sacrificio ofrecido consistía nunha porca preñada e unha
torta feita con cereais. Como se
chamaban estas festas e na honra de que deusas se celebraban?
III. O 27 de xaneiro de hai 2.507
anos inaugurouse no Foro Romano un templo na honra de dous deuses xemelgos que,
segundo a lenda, apareceran para axudar ós romanos nunha batalla que estaban a
manter contra uns veciños ás beiras dun lago. Hoxendía só se conservan tres
columnas deste edificio. De que deuses
se trata, cal era o pobo inimigo ó que os romanos se enfrontaron daquela, e
como se chama o lago xunto ó que se desenvolveu o combate?
No hay comentarios:
Publicar un comentario