lunes, 1 de abril de 2019

ROMANAE QVAESTIONES VII (MMXVIII-MMXIX)

Comeza o trimestre final do curso, onde todos os esforzos chegan ó cumio, esperemos que con éxito. Para contribuír a un bo remate, ofrecemos, como cada mes, a ocasión de que o alumnado de Latín do noso Centro poida sumar ata 0,33 puntos á nota final.

E para iso, como ben sabedes, hai que atopar a solución a estes pequenos enigmas:



I. Cada 28 de abril celebrábanse en Roma as festas na honra de certa deusa, especialmente venerada polos panadeiros e muiñeiros. Participaban nelas os asnos e as pedras de muíño, que eran adornados con guirnaldas de flores, e non traballaban (nin os animais nin as pedras) ese día. Como se chamaba a deusa e as festas?

II. O mesmo día comezaban outras festas relixiosas, que duraban ata o 3 de maio. Eran famosas pola permisividade que existía eses días no terreo sexual. A xente vestía roupas multicolores, e polas noites as rúas iluminábanse moito. A honrada era unha deusa campestre, que tiña un templo moi preto do Circo Máximo. De novo, como se chamaba a deusa e as festas que a celebraban?

III. O 30 de abril de hai 1.954 anos morría, ós seus 26, certo poeta romano de orixe hispana, autor dun poema épico que narraba un episodio dunha guerra civil romana. Fora acusado de tomar parte nunha conspiración para asasinar ó entón Emperador. De que autor, obra e Emperador estamos a falar?

No hay comentarios:

Publicar un comentario