martes, 1 de octubre de 2019

ROMANAE QVAESTIONES I (MMXIX-MMXX)

Coa chegada do mes de outubro, como cada curso, inaugúrase, para o alumnado da materia de Latín dos diferentes cursos do IES Fontexería, a sección deste blog que chamamos Romanae Quaestiones.

Trátase de buscar a resposta a cada unha das tres preguntas que aparecen, con carácter mensual, neste blog. Todos aqueles alumnos que atopen as solucións a estes pequenos enigmas relacionados coa historia e a cultura da Antiga Roma, poderán engadir ata un máximo de 1 punto á súa nota final do trimestre.

Velaquí as preguntas correspondentes a este mes:



I. O 19 de outubro de hai 2.221 anos un xeneral romano poñía fin a unha guerra na que a propia existencia de Roma estivera en xogo na competencia cun inimigo formidable, con quen os romanos libraron tres guerras. De que xeneral falamos, cal era o seu inimigo (o pobo e o seu líder), e a que batalla nos referimos?

II. Como resultado da vitoria definitiva sobre a potencia inimiga citada na quaestio anterior, Roma decidiu deixar en ruínas a súa capital, aínda que pouco despois permitiu a reconstrución dunha nova cidade, xa romana, a pouca distancia da anterior. Pois ben, esa cidade, moi próspera durante séculos, foi conquistada por un inimigo bárbaro xustamente 641 anos despois da batalla da que falamos na anterior quaestio. O nome da cidade xa o debes saber, polo que agora pídeseche o nome do pobo bárbaro e o do seu rei.

III. Cada 19 de outubro uns sacerdotes romanos realizaban unha danza polas rúas da cidade ata chegar ata o outeiro situado máis o sur da mesma. Esta cerimonia celebraba o final da temporada propia, polas condicións meteorolóxicas, para as campañas militares, que principiaba en marzo. Como se chamaba a celebración e cal era o nome colectivo dos sacerdotes que a escenificaban?

No hay comentarios:

Publicar un comentario