jueves, 17 de septiembre de 2015

Novo curso // Santiago Posteguillo

Pasaron os idus de setembro e comeza un novo curso, no que pretendemos seguir dando vida a este blog: comunicar asuntos académicos, propoñer pequenos retos culturais relacionados coa civilización da Antiga Roma, comentar libros relacionados co noso campo de saber...

Falando de libros...

Hai xa varios anos que esta triloxía de Santiago Posteguillo ven tendo un notable éxito de ventas. Está composta por estes tres libros, publicados por Ediciones B entre 2006 e 2009: Africanus, el hijo del cónsul, Las legiones malditas e La traición de Roma.  A historia céntrase na figura de Publio Cornelio Escipión, alcumado "Africano", que foi quen de derrotar á maior ameaza que sentira Roma desde que se convertera nunha potencia en expansión polo Mediterráneo: o cartaxinés Aníbal Barca e o seu exército. Durante os tres libros coñecemos extensamente a Escipión (e outros membros da súa familia) desde a súa infancia ata a súa morte.

Da lectura destas obras (que se fai moi amena, vaia por diante) despréndese que Posteguillo fixo un traballo de documentación moi importante (baseándose, entre outros historiadores, no grego Polibio e no romano Tito Livio). Tamén é evidente que o autor exhibe axilidade narrativa, o que axuda a seguir a abraiante historia deste persoeiro romano: educado no seo dunha familia sobranceira na nobreza romana e con presencia no goberno da República, formado como militar no campo de batalla a través de experiencias non sempre agradables, posuidor dun espírito moi firme, moi capacitado para a análise dos problemas militares, ambicioso como político, loitador polas súas ideas e a súa familia fronte ós seus opositores na propia Roma... Todas esas cualidades levárono á obter unha grande victoria sobre Cartago e ser a figura dominante durante un tempo na política romana, ata que... Mellor non descubrir nada; só diremos que a vida de Escipión está tan chea diso que chamamos ironías do destino, que é moi digna do tratamento novelesco que lle dedica Santiago Posteguillo. Un único pero: ás veces á narración peca de ser demasiado repetitiva e explicativa: semella que o autor tivo como obxectivo primordial que o lector non se perdera diante do desfile dun bo número de personaxes. E iso está conseguido, aínda que a forza de ser en ocasións prolixo.

En todo caso, unha lectura máis que recomendable para ir arrancando este curso e así entrar de cheo na materia que nos ocupará durante os vindeiros meses:

ROMA
 


No hay comentarios:

Publicar un comentario