jueves, 1 de diciembre de 2016

ROMANAE QVAESTIONES III (MMXVI-MMXVII)



Antes ca nada, unha desculpa. Segundo comunicaron todos os alumnos que buscaron as respostas ás quaestiones do mes pasado, a primeira delas foi imposible de atopar. E, efectivamente, a pregunta estaba mal formulada: a festa en cuestión era na honra de Cibeles, pero tiña lugar do 12 ao 19 de abril (e non de novembro). Perdón polas dores de cabeza causadas e, en compensación, a quen entregou as outras dúas respostas contaralle coma se fosen tres.

Dito o cal, velaquí as preguntas do mes de decembro, que é máis curto que os outros. Así que, bulan vostedes!


I. O 15 de decembro de hai 1.980 anos nacía o que máis tarde sería un dos Emperadores romanos de máis sona, pois pasou á posteridade como un exemplo de mal goberno e mesmo depravación. Non é nada estrano, xa que mandou matar á súa nai, as súas dúas esposas, o seu medio irmán e o seu antigo profesor, entre outros. Cal é o nome deste persoeiro e o dos asasinados que se mencionan?




II. Cada 17 de decembro comezaban en Roma unhas festas na honra de certo deus. En primeiro lugar liberábase á súa estatua da cinta de la que o rodeaba o resto do ano para impedirlle abandonar a cidade. A partir dese momento, a ledicia era xeral: non había actividade política nin xudicial, había vacacións escolares e sorteos de lotería; tamén se ofrecían banquetes públicos e a xente intercambiaba agasallos. Con que nome se coñecían estas festas e na honra de que deus se celebraban?



III. 32 anos despois do nacemento citado na primeira quaestio, morría en Roma un Emperador que durara moi pouco tempo no cargo. E non morreu de calquera maneira: foi capturado, arrastrado polas rúas de Roma, asasinado a golpes e guindado ó Tíber. Quen foi este Emperador e quen foi o seu sucesor?

No hay comentarios:

Publicar un comentario