sábado, 7 de enero de 2017

ROMANAE QVAESTIONES IV (MMXVI-MMXVII)

Comeza un novo ano, o 2.700º desde a fundación da cidade á que tanto debemos.

O curso está a piques de proseguir, así que deixo xa aquí as preguntas mensuais mediante as que os alumnos de Latín do IES Fontexería poden sumar ata 1 punto á súa nota final do trimestre.

I. Cada 15 de xaneiro celebrábase en Roma unha festa relixiosa na honra dunha deusa relacionada coa maternidade (e das súas dúas irmás). A orixe da festividade remontábase a unha ocasión lendaria, na que as nais romanas se negaran a ter máis fillos en protesta pola derrogación do privilexio de ir en carro. O Senado aceptou levantar a prohibición, e as nais fixeron construír un templo dedicado á devandita deusa, e instituíron a celebración. Queremos saber o nome da deusa e das festas na súa honra.



II. O 16 de xaneiro de hai 2.007 anos reinaugurábase en Roma un templo que fora mandado construír inicialmente 377 anos antes para conmemorar o remate dos enfrontamentos entre dúas clases sociais en Roma. Como se chamaba o templo, quen o construíu inicialmente e quen o reinaugurou?




III. Hai 2.055 anos, o 17 de xaneiro, casaban en Roma dous persoeiros que marcarían a evolución do réxime político romano nos anos futuros. Tanto o home como a muller protagonistas deste casorio divorciáranse previamente dos seus cónxuxes. Cada un deles traía fillos dos matrimonios anteriores: disque el se divorciou o mesmo día que a súa anterior esposa daba á luz á súa única filla; pola súa parte, a muller tiña dous fillos do seu home anterior, e un deles estaba chamado a chegar ó máis alto do poder romano. Hai que averiguar o nome dos dous novos esposos, os dos cónxuxes anteriores, e tamén os dos tres fillos (a filla del e os dous fillos varóns dela).

No hay comentarios:

Publicar un comentario