lunes, 5 de mayo de 2014

Liber: "Roma y los bárbaros. Una historia alternativa", de Terry Jones y Alan Ereira

Os que temos La vida de Brian (Life Of Brian, Terry Jones, 1979) como unha das nosas películas de cabeceira, admiramos a Terry Jones, unha das mentes pensantes do glorioso grupo cómico Monty Python

Na devandita película, aparte de dun humor por veces delirante, podemos disfrutar da súa intelixente sátira sobre a problemática que, a ollos do século XX, afecta ós procesos colonizadores, nos que a Civilización Occidental é abondosa.

No libro que agora comento, a perspectiva de Terry Jones vai un chisco máis aló, poñéndose de parte sempre dos pobos colonizados por Roma e, en xeral, de todos aqueles ós que os romanos chamaban, xenericamente, bárbaros.

É certo que co triunfo de Roma houbo moitos aspectos de diversas culturas que quedaron esquecidos, mais o libro está escrito nun tono de amargo salaio por esas perdas, e de censura -en ocasións moi agre- da conducta dos romanos como conquistadores. A min parécenme esaxerados estes puntos de vista, e por dúas razóns:
     a) Os pobos conquistados teñen sido sempre obxecto de dominación, e na maioría dos casos moitos elementos da súa forma de vida desparecen. Isto non ten variado ó longo da Historia humana, e só nos séculos XIX-XX-XXI ten aparecido o -lexítimo e recomendable- interese pola conservación. Os romanos non foron diferentes neste aspecto a outros conquistadores, pero si é certo que foron máis respetuosos coas particularidades locais que outros: non impuxeron a sangue e fogo a súa lingua ou relixión, por exemplo; máis ben entraron en relación coas clases dominantes dos pobos vencidos, que sentiron como un beneficio aceptar as servidumes económicas romanas para progresar socialmente, sobre todo porque eles tamén tiraban proveito. As clases inferiores, malia levar, como case sempre, a peor parte, seguiron o camiño marcado polos que dominaban.
     b) A conquista romana non foi sen violencia, mais o Mundo Antigo era un mundo violento, dentro e fóra dos límites do Imperio. Se os romanos se impuxeron foi debido a un cúmulo de factores, entre os que non se contaba o seren máis violentos que os demais; si foron máis organizados e eficaces. Para ben e para mal, o noso mundo actual ten que ver con eles moito máis do que pensamos, como desde este blog intentamos tramsmitir hai xa algún tempo.

Con todo, o libro paga a pena.

ROMANAE QVAESTIONES VIII (MMXIII-MMXIV)

Un mes máis (e xa só quedan dous para que remate o curso), ofrecemos neste blog a posibilidade de sumar ata 0,33 puntos á nota final do trimestre (para os de 2º BAC ata 0,66 puntos, xa que o seu Curso remata neste mes de maio.

Noraboa a Nerea, Gemma e Sabela (1º BAC), e tamén Clara e Leti (2º BAC), por ter respostado correctamente ás quaestiones do mes anterior.

Velaquí as preguntas deste mes:

I. O 1 deste mes morría, hai 1.606 anos, o primeiro Emperador da parte oriental do Imperio Romano, logo da súa división definitiva en dous sectores. A parte occidental estaba gobernada polo seu irmán, e o artífice da separación fora o seu pai. De que tres emperadores estamos a falar e en que ano se producíu a división do Imperio?



II. Cada 1 de maio os romanos celebraban unhas festas relixiosas na honra dunhas divinidades que eran veneradas en cada casa, e tamén se consideraban protectores de toda a cidade, e nomeadamente das súas murallas. Tiñan un altar público no outeiro do Palatino. Como se chamaban estes deuses?



III. O 2 de maio, 335 anos antes da morte referida na primeira quaestio, cedía a resistencia dunha cidade xudea na que se refuxiaran os derradeiros superviventes dunha rebelión contra Roma. Certo historiador, medio romano e medio xudeu, cóntanos que logo de seis meses de asedio, os habitantes da cidade prefiriron a morte á rendición: dez homes encargáronse de matar os seus compatriotas, antes de matárense eles mesmos (só quedaron dúas mulleres e cinco nenos). De que cidade estamos a falar e que historiador nos transmitíu eses feitos?
 

jueves, 3 de abril de 2014

ROMANAE QVAESTIONES VII (MMXIII-MMXIV)



O pasado mes de marzo conseguiron os 0'33 puntos Nerea, Gemma e Saray (1º BAC), e tamén Paty, Clara e Leti (2º BAC).

Para elas e para todos os demais, velaquí a sétima ocasión de sumar décimas á súa nota final de trimestre, que será o derradeiro deste curso.

I. O 4 de abril de hai 1.826 anos nacía en Lyon un Emperador que, nada máis suceder ó seu pai, ordenou o asasinato do seu propio irmán, que fora nomeado co-Emperador. Aparte disto, pasou á historia pola construcción dunhas enormes Termas en Roma, e tamén por extender a cidadanía romana a todos os habitantes masculinos libres do Imperio. Quen era este Emperador, e como se chamaban o seu pai e o seu irmán?

II. Cada 4 de abril, e durante 7 días, os romanos celebraban unhas festas na honra de certa deusa, na que os seus sacerdotes levaban a súa imaxe en procesión polas rúas da cidade; ía sentada nun carro tirado por leóns, ó son de címbalos, flautas e tambores, e no medio de estridentes alaridos. Eran típicos destas festividades tamén os espectáculos teatrais. De que deusa estamos a falar, onde tiña o seu templo en Roma, como se chamaban estas festas e con que nome eran coñecidos os seus sacerdotes?

III. 214 anos despois do nacemento mencionado na primeira quaestio, un xeneral romano vencía a un rei visigodo, que en tempos fora aliado do Imperio Romano. Como resultado da batalla, a muller e os fillos do rei xermánico foron feitos prisioneiros. Cómpre averiguar o nome do xeneral romano, o do rei visigodo, e o da batalla.

domingo, 9 de marzo de 2014

ROMANAE QVAESTIONES VI (MMXIII-MMXIV)

Rematou o chuviñoso mes de febreiro, e no medio das augas algunhas alumnas (ningún alumno) foron quen de nadar para chegar á beira dos 0,33 puntos que se outorgan cada mes por respostar correctamente ás preguntas que aparecen neste blog. Foron Nerea, Gemma e Sabela, de 1º BAC; e máis Paty, Clara e Leti (esta só cun 0,22, que tamén suma), de 2º BAC.

Para elas e para todos os demais, velaquí as quaestiones deste mes de marzo:


 

O 1 de marzo de hai 1.976 ou 1.973 anos (no hai acordo na data) nacía en certa vila hispana un poeta romano que obtivo moita sona pola súa habilidade para a composición de poemas moi breves de contido satírico. De que poeta falamos e en que vila naceu?





Cada 1 de marzo os romanos celebraban unha festa na honra das mulleres casadas. Elas acudían ó templo de certa deusa (situado no outeiro do Esquilino) que protexese os seus matrimonios e os seus futuros embarazos (e partos). A que festa aludimos, que deusa era venerada nelas e con que palabra nos referimos en latín ás mulleres casadas




O 6 de febreiro de hai 2.026 anos certo persoeiro romano recibía o máis alto título da relixión romana. A partir del, todos os Emperadores incluirían ese título entre os seus, e hoxendía aínda existe un gobernante que o posúe, por telo herdado da Antiga Roma. De que título se trata, que gobernante actual aínda o ostenta e a que persoeiro romano aludimos?

miércoles, 12 de febrero de 2014

Odisea 2014 (II)

Rematou a fase galega do Concurso de Cultura Clásica Odisea 2014, organizado pola Sociedad Española de Estudios Clásicos (SEEC) e o grupo As Vóngolas, integrado por Lucía, Saray e Sabela (1º BAC) conseguíu un meritorio 5º posto tras o Preguntón de desempate, no que participaron hoxe mesmo, no IES Eduardo Pondal de Santiago de Compostela.

Para chegar ata aquí tiveron que superar unha primeira fase do Concurso, no que obtiveron a máxima puntuación, empatadas con outros 15 grupos, dun total de 265 que participaban de toda Galicia.

Quero felicitar ás Vóngolas polo seu comportamento durante todo o Concurso, e tamén polo resultado conseguido.

Non me quero esquecer tampouco dos outros dous grupos que participaron: Satanases del Infierno (Nerea, Juanma, e Sofía) e As Dríades (Nerea e Gemma), e que non chegaron á fase de desempate, pero que o intentaron de todos os xeitos.
LAETVM ME FECISTIS!

Finalmente, felicito tamén á organización do Concurso por conseguir levar adiante un ano máis esta iniciativa, que consigue, polo menos por uns días, que o Latín e o Grego teñan un protagonismo na vida dos centros que sen dúbida merecen.


viernes, 7 de febrero de 2014

Odisea 2014 (I)

Hoxe ás 9 da mañá ven de rematar a fase galega do IX Edición do Concurso Odisea, organizado pola Sociedad Española de Estudios Clásicos (SEEC).

Alégranos anunciar que un dos grupos presentados polo noso Centro, As Vóngolas (integrado por Lucía, Saray e Sabela), conseguíu a máxima puntuación, empatando con outros 14 grupos. Aquí pódese ver a clasificación:

Segundo as bases do certame, o vindeiro mércores 12 realizarase un desempate, para o que haberá que acudir a un Centro designado pola organización.

Mais iso será nuns días, de momento...

LAETI SVMVS!

ROMANAE QVAESTIONES V (MMXIII-MMXIV)



Estamos na metade do curso, e con este mes que ven de comezar chega outra oportunidade para sumar décimas á nota final deste trimestre. A ocasión do mes de xaneiro xa a aproveitaron Lucía, Nerea A., Gemma, Saray, Sabela (1º BAC) e Clara (2º BAC). Estas son as preguntas deste mes de febreiro:

 

Cada 1 de febreiro celebrábase en Roma unha festa relixiosa na honra de certo deus vencellado ó Inframundo: nun bosque sagrado (lucus) que estaba consagrado a esta divinidade na desembocadura do Tíber sacrificábase un touro de pelo escuro. A que deus nos referimos?





 
O 4 de febreiro, hai 1.803 anos, morría na cidade britana que daquela era chamada Eburacum un Emperador romano que puxera fin a uns anos moi convulsos nos que se sucederon un eito de gobernantes de moi pouca duración. Disque no seu leito de morte aconsellou ós seus dos fillos, nomeados como sucesores, que só se coidasen de manter contentos ós soldados. Como se chamaba este Emperador e os seus dous fillos?



159 anos antes, o 5 de febreiro, un forte terremoto devastaba certa cidade do sur de Italia. Nos anos vindeiros os seus habitantes esforzáronse por reconstruíla, mais eses labores resultaron inútiles, xa que pouco despois a poboación foi totalmente destruída. Como se chamaba a cidade, cal foi a causa da catástrofe definitiva e en que ano se producíu?