jueves, 29 de enero de 2015

Concurso Odisea 2015 (II)

Está a piques de rematar o Concurso, e os catro grupos que decidiron participar polo IES Fontexería están poñendo a traballar intensamente os seus cerebros.

AS VÓNGOLAS EUNUQUILES (Lucía, Saray e Sabela, de 2º BAC), SINE LIMITIBVS (Melanie, Adela e Laura, de 1º BAC), OMNIA VINCIT AMOR (Isma, Aldara e Iván, de 1º BAC) e OMNIA VANITAS (Nerea e Laura, de 1º BAC) van expremer as súas materias grises para obter a máxima puntuación posible.

 Mañá ás 9:00, o veredicto.


MINERVA ET FORTVNA VOBIS ADSINT!

viernes, 9 de enero de 2015

Concurso Odisea 2015 (I)

Un ano máis, a Sección Galega da Sociedad Española de Estudios Clásicos (SEEC) convoca o Concurso Odisea, que é un excelente xeito de aprender e pasalo ben mergullándonos no Mundo Antigo.

Aquí deixo o enlace ás bases e inscrición para todos aqueles que queirades participar. Iso si, debédesmo notificar, porque debe haber un profesor responsable.



ROMANAE QVAESTIONES MMXIV-MMXV (IV)

Estreamos novo ano, mais seguimos cos vellos costumes: as Romanae Quaestiones.

Comeza tamén un novo trimestre, e con el unha oportunidade mensual de aumentar en 0,33 puntos a nota final (1 punto en total).

Como xa sabedes, para lograr ese punto debedes atopar a resposta correcta a cada un dos pequenos enigmas que se ofrecen neste blog. E os do mes de xaneiro son:



I. Hai 2.064 anos un xeneral e político romano cruzaba un río no norte de Italia. Con este acto, en apariencia simple, provocaba unha guerra civil que había durar tres anos e que remataría coa súa completa victoria. Quen era o militar e como se chamaba o río?





II. 396 anos despois do acontecemento anterior, nacía en Hispania o que sería máis tarde derradeiro Emperador que gobernou sobre as partes occidental e oriental do amplo territorio de Roma. Como se chamaba e en que cidade hispana naceu?



III. Os días 11 e 15 de xaneiro celebrábase en Roma unha festa na honra de certa deusa, á que as mulleres embarazadas lle tiñan especial fe. O sacerdote encargado do seu culto ofrecía un sacrificio sen sangue, pois esta divinidade, ó estar relacionada cos nacementos, non podía ter relación coa morte. De que deusa estamos a falar e como se coñecía ó seu sacerdote?

jueves, 18 de diciembre de 2014

Rock Pronominal (Pronominalis Saltatio)

Chega o tempo das Saturnalia ou Saturnais, esas festas romanas que co tempo quedaron soterradas polo Nadal cristián.

Daquela, como agora, durante estes días quedaba decretado o "bo rollo": a xente intercambiaba agasallos, e tamén expresaba bos desexos para o novo ano.

Pola miña parte, deixo aquí como obsequio o agasallo que, á súa vez, me fixeron os meus alumnos de Latín II (2º BAC): accederon a cantar (e, no caso de Juanma, a tocar a guitarra rítmica e solista) na estrea mundial do Rock Pronominal (Pronominalis Saltatio). Como xa sabedes, con esta e outras cancións só pretendemos, ademais de aprender parte da gramática latina, pasar un bo anaco.

Velaquí deixamos o video, desexándovos a todos ademais:

BONA SATVRNALIA!
P.S.: Graciñas polos bombóns! Tan bos están como boa xente sodes vós (ou sexa, moito)

viernes, 5 de diciembre de 2014

Qualificationes Quarti Cursus (ESO)

Despois do exame que fixestes hoxe á mañá, velaquí tedes as calificacións que obtivestes.

Lembrade que a nota do exame aporta un 60% á calificación final do trimestre, e que o 40% restante obtense da media das notas dos exercicios realizados (un 25%), entre os que se atopan os cuestionarios da Aula Virtual, e a actitude nas clases (15%).


Vémonos o vindeiro mércores día 10.

lunes, 1 de diciembre de 2014

ROMANAE QVAESTIONES III (MMXIV-MMXV)

Lucía, Nerea, Gemma, Saray, Sabela e Carla (todas elas de 2º BAC) aproveitaron a oportunidade que se ofrecía no mes de novembro de sumar 0,33 puntos á súa nota final do trimestre. Como se lembrará, respostando ás tres preguntas que cada mes aparecen neste blog, esa suma pode incrementarse ata o máximo de 1 punto.

E velaquí, por suposto, as Romanae Quaestiones do mes de decembro:



 
I. Hai 1.980 anos nacía unha persoa que cos anos se convertiría nun dos máis sobranceiros representantes dun xénero poético que os romanos consideraban como autóctono, non importado -como todos os demais- de Grecia. Foi compañeiro de estudios doutro autor que compuxo un poema épico dedicado a unha guerra civil entre romanos. De que dous literatos e de que epopeia estamos a falar?






II. 91 anos antes do nacemento mencionado na quaestio anterior, morría o que máis tarde sería considerado máis grande orador romano. Quen era, quen dou a orde de asasinalo e quen a executou?






III. Finalmente, 22 anos antes do crime descrito na segunda pregunta, nacía outro poeta, contemporáneo e amigo do considerado máis grande autor en lingua latina, que cultivou unha serie de xéneros líricos; a xuízo da crítica, ningún outro escritor romano o iguala nos logros que conseguíu nese tipo de composicións. Quen son os dous xigantes da literatura latina mencionados?

miércoles, 5 de noviembre de 2014

ROMANAE QVAESTIONES II (MMXIV-MMXV)

Co remate do mes de outubro finalizou tamén a primeira oportunidade para que os alumnos de Latín do IES Fontexería sumasen 0,33 puntos á nota final do trimestre. Só Nerea, Gemma e Sabela (2º BAC) estiveron atentas.

Co mes de novembro reiteramos a oferta: 0,33 puntos por respostar correctamente a estas tres preguntas, para o que se dan unhas boas pistas:

I. Hai 1.999 anos, o 6 deste mes, nacía en Roma unha rapaza que logo sería moi importante na evolución da primeira dinastía de Emperadores romanos: sobriña do segundo Emperador desa familia, irmá do terceiro, esposa do cuarto e nai do quinto. De que muller e Emperadores falamos?




II. O 8 de novembro, 78 anos antes, un importante político e orador romano pronunciaba diante do Senado o primeiro dunha serie de discursos nos que descubría unha conspiración destinada a dar un golpe de Estado. Segundo se nos conta, o líder da conxura estaba presente cando os seus plans foron revelados publicamente. De que dous homes estamos a falar?




III. Durante a celebración dos Xogos Plebeios, o 13 de novembro, certo colexio de sacerdotes organizaba, no nome da plebe, un banquete público na honra do deus a quen se consagraban os devanditos xogos. Unha imaxe do propio deus (a quen acompañaban outras dúas, de senllas deusas) era levada ó banquete. O deus protagonista “comía” recostado nun diván e as dúas deusas sentadas. Como se chamaba o colexio de sacerdotes e a que deuses nos referimos?