domingo, 27 de enero de 2019

Cantos emperadores? Canto tempo cada un? Como morreron?

Aquí deixo unha animación que elaborei sobre o número, tempo de reinado e xeito de morrer dos Emperadores romanos, desde o ano 27 a.C. ata o 476 d.C., que é o marco temporal que tradicionalmente se atribúe á duración do réxime imperial romano. Vendo a estatística do final, igual ser Emperador non pagaba tanto a pena. Ou si?

lunes, 21 de enero de 2019

Aliquae res de vita Caesarum gentis Iuliae-Claudiae (secundum C. Suetonium)

Sabido é que Gaio Suetonio Tranquilo é unha das fontes principais sobre os 11 primeiros emperadores romanos e mais Xulio César.

A súa obra é unha mina de anécdotas, e moitas delas deixan o lector ó bordo da incredulidade, ademais de incitalo a botar unhas risas.

Aquí deixo unha presentación na plataforma Prezi que elaborei, escollendo fragmentos de Suetonio sobre os cinco emperadores da familia Xulia-Claudia. Contén imaxes, textos latinos e a súa correspondente tradución, que se inclúe no audio.

Espero que vos entreteña, sequera unha chisca.

Por se preferides a versión en video, déixoa tamén aquí:

martes, 1 de enero de 2019

ROMANAE QVAESTIONES IV (MMXVIII-MMXIX)

Novo ano, novo trimestre... e oportunidade de comezalo ben sumando 0,33 puntos á nota final do mesmo.

Se vos apetece, navegade pola rede para ver se atopades as solucións a estes pequenos misterios sobre a Antiga Roma.




I. Cada 22 de xaneiro, desde hai 2.033 anos, celebrábanse en Roma uns xogos populares na honra de certo político que, case sen que ninguén se decatase, cambiara a forma de goberno de Roma. A iniciativa destas festas correspondeu á súa esposa, a quen se atribúe un importante papel -na sombra- nas decisións políticas que tomaba o seu home. Con que nome coñecemos ás festas, ó home na honra de quen se celebraban, e á muller que as mandou instituír?

II. Entre o 24 e 0 26 de xaneiro celebrábanse en Roma outras festas, estas de carácter agrícola. Nelas os habitantes das aldeas veneraban a dúas divindades que tiñan moito que ver cos labores do campo, e pedíanlles que protexesen as sementes que estaban a piques de plantar. O sacrificio ofrecido consistía nunha porca preñada e unha torta feita con cereais. Como se chamaban estas festas e na honra de que deusas se celebraban?

III. O 27 de xaneiro de hai 2.507 anos inaugurouse no Foro Romano un templo na honra de dous deuses xemelgos que, segundo a lenda, apareceran para axudar ós romanos nunha batalla que estaban a manter contra uns veciños ás beiras dun lago. Hoxendía só se conservan tres columnas deste edificio. De que deuses se trata, cal era o pobo inimigo ó que os romanos se enfrontaron daquela, e como se chama o lago xunto ó que se desenvolveu o combate?

sábado, 1 de diciembre de 2018

ROMANAE QVAESTIONES III (MMXVIII-MMXIX)

Con decembro remata o trimestre, e tamén o ano natural. Pero aínda non é tarde para engadir, como máximo, 0,33 puntos á nota final do trimestre, repondendo correctamente ás preguntas que propoñemos a seguir:



I. Hai 2.236 anos, o 1 de decembro, un xeneral estranxeiro, que había pouco puxera os pés en Italia atravesando os Pirineos e os Alpes, derrotaba ós romanos na primeira de varias batallas nas que poñería a Roma ó bordo do colapso, aínda que finalmente, anos despois, perdería a guerra. De que xenio militar estamos falando e a que batalla aludimos?

II. Cada primeiro de decembro os romanos celebraban unha festa relixiosa na honra da filla primoxénita (a pesar de que a romana era unha sociedade na que o poder masculino era omnímodo). A deusa honrada nesta ocasión era moi venerada por todos os romanos, e mesmo Xulio César tiña sona de serlle moi devoto. De que festa se trata?

III. O día 3 de decembro, 156 anos despois da batalla mencionada na primeira quaestio, estouraba en Roma un escándalo relixioso: un home participara, disfrazado de muller, nuns ritos relixiosos reservados exclusivamente a mulleres. Os rumores dicían que o fixera en colaboración coa esposa dun importante político da cidade, coa que se sospeitaba que mantiña unha relación adúltera. De que celebración relixiosa falamos, e como se chamaban o seus dous profanadores (home e muller), ademais do esposo supostamente traizoado?

jueves, 1 de noviembre de 2018

ROMANAE QVAESTIONES II (MMXVIII-MMXIX)

Co mes de novembro chega a segunda ocasión para sumar 0,33 puntos á nota final do trimestre.

Para iso, hai que ser quen de atopar as respostas a estas quaestiones:

i. O primeiro día de novembro de hai 2.100 anos, ás mesmas portas de Roma, librouse unha batalla na que un xeneral romano deu fin a un enfrontamento civil que levaba máis de 10 anos, en diferentes momentos, causando moitas mortes. Como resultado, este xeneral asumiu un enorme poder que lle permitiu asasinar a moitos opoñentes e cambiar algunhas estructuras do goberno romano para garantir a supremacía das clases máis altas. Quen foi este político e militar romano, e con que nome coñecemos a batalla?

II. Hai 1.979 anos, o 3 de novembro, nacía en Hispania un rapaz, sobriño dun importante filósofo romano (que mesmo sería tutor dun futuro Emperador), e que se convertería nun sobranceiro poeta, e do que conservamos un poema épico baseado en feitos reais do derradeiro século da República romana (e non en relatos mitolóxicos, como era costume). Como se chamaba este poeta, quen era seu tío, e como se titula o poema?

III. Cada 4 de novembro principiaban en Roma unhas festas, instituídas no ano 220 a.C. por un censor que mandou construír o circo no que se celebrarían (e que leva o seu nome). Estaban dedicados a un deus moi importante, constaban de nove días de espectáculos teatrais, e 3 de espectáculos de carreiras de carros. Como se chamaban o fundador dos xogos (e, polo tanto, o circo no que tiñan lugar), o deus a que estaban consagrados, e os xogos mesmos?

lunes, 1 de octubre de 2018

ROMANAE QVAESTIONES I (MMXVIII-MMXIX)

Co inicio do mes de outubro arranca tamén a serie de oportunidades para engadir ata un punto á nota final do trimestre. Para conseguilo, hai que ir contestando regularmente as preguntas que, a principios de cada mes, aparecerán neste blog.

E comezamos:


I. Hai 1.988 anos, o 18 de outubro, un alto cargo do goberno imperial romano era condenado a morte e executado por orde do Senado. Este persoeiro fora da máxima confianza de certo Εmperador, ata que este decidiu retirarlla, nun intento de desligarse da impopularidade de moitas das súas accións. Como se chamaban o persoeiro e o Emperador?

II. Dous anos despois, o mesmo día, morría tamén unha muller da familia imperial romana. Disque o Emperador (o mesmo da quaestio anterior) a obrigou a deixarse morrer de inanición: era a súa sobriña política(ó mesmo tempo que filla da súa segunda esposa con outro home), e tamén nai do Emperador que o sucedería. Se desenlías ben todo isto, atoparás o nome desta muller e tamén do seu fillo.

III. O derradeiro Emperador da dinastía da que falabamos nas dúas quaestiones anteriores decidíu que cada 18 de outubro se celebraría unha festa relixiosa na honra de certa deusa, para conmemorar o aniversario da súa maioría de idade. De que Emperador falamos e a que deusa se veneraba ese día?

Initium Cursus MMXVIII-MMXIX

 
Un novo curso comeza e aquí seguimos, intentando complementar desde este blog a nosa actividade docente, ó tempo que lle damos difusión.
Como cada ano, ademais das sesións presenciais, contamos cun espazo para as materias do noso Departamento na Aula Virtual do IES Fontexería. Por outra banda, seguiremos publicando cada mes as Romanae Quaestiones (que dan opción de aumentar ata nun punto a nota final de cada trimestre). Tamén, en fin, aproveitamos esta fiestra á rede para comentar algunhas publicacións ou sitios web que nos parecen interesantes para o alumnado da materia de Latín (4º ESO e máis 1º e 2º BAC), e mesmo para o público en xeral.