miércoles, 1 de abril de 2020

ROMANAE QVAESTIONES VII (MMXIX-MMXX)

Abril é un mes que marca o inicio do trimestre final do curso. É unha ocasión tan boa coma calquera outra para que o alumnado de Latín do IES Fontexería intente mellorar a súa cualificación. Para iso, como cada mes, hai que acertar as solucións a estes pequenos enigmas:




I. O 4 de abril de hai 1.832 anos nacía en Lyon un Emperador que, ó dereito de suceder ó seu pai, ordenou o asasinato do seu propio irmán, que fora nomeado co-emperador. Aparte disto, pasou á historia pola construción dunhas enormes Termas en Roma, e tamén por estender a cidadanía romana a todos os habitantes masculinos libres do Imperio. Quen era este Emperador, e como se chamaban o seu pai e o seu irmán?

II. Cada 4 de abril, e durante 7 días, os romanos celebraban unhas festas na honra de certa deusa, na que os seus sacerdotes levaban a súa imaxe en procesión polas rúas da cidade; ía sentada nun carro tirado por leóns, ó son de címbalos, flautas e tambores, e no medio de estridentes alaridos. Eran típicos destas festividades tamén os espectáculos teatrais. De que deusa estamos a falar, onde tiña o seu templo en Roma, como se chamaban estas festas e con que nome eran coñecidos os seus sacerdotes?

III. 214 anos despois do nacemento mencionado na primeira quaestio, un xeneral romano derrotaba un rei visigodo, que en tempos fora aliado do Imperio Romano. Como resultado da batalla, a muller e os fillos do rei xermánico foron feitos prisioneiros. Cómpre averiguar o nome do xeneral romano, o do rei visigodo, e o da batalla.

viernes, 6 de marzo de 2020

Si Roma habuisset Twitter

Aquí deixo o resultado dun pequeno proxecto que levamos a cabo nas clases de Latín de 4º ESO, ó tratarmos sobre a Historia de Roma.


domingo, 1 de marzo de 2020

ROMANAE QVAESTIONES VI (MMXIX-MMXX)

Co mes de marzo remata o segundo trimestre, tan importante no devir do curso. Por iso non é mala idea intentar sumar, como mínimo, algunhas décimas á cualificación final. Non é moi difícil: hai que atopar a resposta ás seguintes quaestiones:




I. O 20 de marzo, hai 2.064 anos, morría en Roma un poeta vítima dunha confusión: o mesmo día estábanse a celebrar os funerais dun gran persoeiro, que fora asasinado; o infortunado poeta tivo a desgracia de chamarse case igual ca un dos asasinos. Queremos saber o nome do poeta e do persoeiro asasinado.

II. 412 anos despois do triste acontecemento descrito na quaestio anterior, o 22 de marzo, morría un Emperador logo de 15 anos de goberno nos que dera proba da súa capacidade militar e política. Foi asasinado mediante un complot preparado por oficiais da súa confianza. De que Emperador estamos a falar?

III. Finalmente, 12 anos despois do acontecemento relatado na primeira quaestio, morría, a causa dunha enfermidade incurable, certo persoeiro romano: amigo íntimo do máis grande orador romano, e tamén do futuro primeiro Emperador romano, ademais de banqueiro e editor de libros de moitos autores. A pesar de vivir nunha época moi convulsa da Historia de Roma, xamais tomou partido por ningún dos bandos nas varias guerras civís que viu ó longo da súa vida. De quen falamos e que crenza filosófica profesaba?

sábado, 1 de febrero de 2020

ROMANAE QVAESTIONES V (MMXIX-MMXX)

Febreiro marca a metade do curso, pero a posibilidade de aumentar a nota final do trimestre permanece íntegra para o alumnado de Latín do noso Centro, sempre que atope as solucións ós pequenos enigmas que aparecen a seguir:




I. Hai 2.032 anos, o 12 de febreiro, morría en Roma un importante persoeiro da política romana. Fora o principal amigo e colaborador do primeiro Emperador, sobre todo en asuntos militares, ata o punto de que chegou a ser considerado como sucesor; para iso, ademais, casara coa filla do seu amigo. De que dous persoeiros estamos a falar?

II. 53 anos despois da morte referida na quaestio anterior, tamén o 12 deste mes, nacía un rapaz que, por ser fillo de Emperador, estaba destinado a selo el tamén, se non fose porque a súa madrasta -por certo, sospeitosa de asasinar o Emperador mediante unha cea a base de cogumelos-, influíu para que o fillo dela ocupase o seu lugar. Queremos o nome do Emperador, a súa esposa, o sucesor previsto e o sucesor real.

III. O 13 de febreiro, 516 anos antes do nacemento ó que aludiamos na pregunta anterior, producíase un feito que parece máis lenda que real: unha familia romana ofreceuse para encargarse ela soa da guerra que Roma mantiña contra a cidade que daquela era a capital de Etruria. Segundo parece, os 306 membros desa familia (todos menos un, que quedara en Roma debido á súa curta idade), morreron nunha emboscada. A que familia nos referimos e como se chamaba a cidade rival de Roma nesta guerra?

miércoles, 1 de enero de 2020

ROMANAE QVAESTIONES IV (MMXIX-MMXX)

Comeza un novo ano, e con el o segundo trimestre do curso, no que segue vixente a oportunidade mensual de incrementar a nota final do mesmo.

Velaquí as pequenas investigacións propostas para este mes:




I. O 28 de xaneiro, hai 1.922 anos morría, de morte natural, un Emperador que gozara do cargo moi pouco tempo, pero que supuxera un alivio en contraste co seu antecesor, que protagonizara un réxime de terror. Por outra banda, os seus sucesores inauguraron unha dinastía que pasa por ser a que levou a Roma ó seu maior esplendor. De que Emperador falamos, como se chamaba o seu antecesor, e que dinastía principiou despois del?

II. 89 anos antes do pasamento mencionado na quaestio anterior, un Emperador inauguraba o 30 de xaneiro un gran altar na zona de Roma coñecida como Campo de Marte, ás beiras do Tíber e xusto a carón do seu propio mausoleo. O monumento quería celebrar a ausencia de guerras da que Roma levaba gozando xa varios anos, un logro que o devandito Emperador se apuntaba. Con que nome se coñece, en latín, este altar, e de que Emperador falamos?

III. Por último, 22 anos antes da morte referida na primeira pregunta, nacía en Hispania, tamén o 30 de xaneiro, un rapaz que anos máis tarde chegaría a ser Emperador. O xuízo que os seus contemporáneos deron del é moi positivo: moi culto e con fama de xusto, viaxou moito por todo o Imperio, deténdose especialmente en Atenas, que coñeceu uns anos dourados debido ás inversións que este gobernante realizou para restaurar varios edificios. De que Emperador estamos a falar e con que nome se coñece hoxe o mausoleo no que está soterrado en Roma?

domingo, 1 de diciembre de 2019

ROMANAE QVAESTIONES III (MMXIX-MMXX)

Decembro é o derradeiro mes do ano, pero, en relación co curso académico, só marca o remate do primeiro trimestre. Polo tanto, as preguntas que se ven máis abaixo constitúen a oportunidade final de sumar puntos á nota final deste período:




I. Hai 1.985 anos nacía unha persoa que cos anos se convertería nun dos máis sobranceiros representantes dun xénero poético que os romanos consideraban como autóctono, non importado -como todos os demais- de Grecia. Foi compañeiro de estudos doutro autor que compuxo un poema épico dedicado a unha guerra civil entre romanos. De que dous literatos e de que epopeia estamos a falar?

II. 91 anos antes do nacemento mencionado na quaestio anterior, morría o que nos séculos posteriores sería considerado como o máis grande orador romano. Quen era, quen deu a orde de asasinalo e quen a executou?

III. Finalmente, 22 anos antes do crime descrito na segunda quaestio, nacía outro poeta, contemporáneo e amigo do considerado máis grande autor en lingua latina, e que cultivou unha serie de xéneros líricos; a xuízo da crítica, ningún outro escritor romano o iguala nos logros que conseguiu nese tipo de composicións. Quen son os dous xigantes da literatura latina mencionados?