lunes, 1 de febrero de 2016

Comeza o concurso Odisea 2016


Hoxe é 1 de febreiro, e ás 9:30 comezou e edición do concurso Odisea correspondente a este ano 2016.

Desde aquí queremos felicitar un ano máis aos organizadores e á SEEC por esta estupenda iniciativa.

No noso centro, o IES Fontexería de Muros, participan estes catro grupos:

     - A CRISÁLIDA DE AIRE (Noemí, Marta e María, de 4º ESO)
     - TEMPVS ABDOMINALE (Ismael e Brais, de 4º ESO)
     - ATHENA VICTRIX (María, Allende e David, de 1º BAC)
     - ROMAC (Isaac e Sara, de 1º BAC)

A web na que se publican as preguntas é esta:


MINERVA FORTVNAQVE VOBIS PROPITIAE SINT!

ROMANAE QVAESTIONES V (MMXV-MMXVI)

Rematou xaneiro e comezou febreiro. En xaneiro só Iván e Aldara (2º BAC) sumaron 0,33 puntos cada mes para, a final de trimestre, totalizar 1 punto que engadir á súa nota.

Para eles dous, e para todos os demais, que están perdendo unha irrepetible oportunidade cada mes, velaí van as Romanae Quaestiones de febreiro:


 
I. Todos os anos, cada 13 de febreiro, e durante 9 días, celebrábanse en Roma unhas festas relixiosas de carácter funesto: suspendíase toda actividade política, non se producían matrimonios, e ademais pechábanse todos os templos. A que festividade nos referimos e quen era honrados nelas?






II. Cada 15 de febreiro tiña lugar en Roma outra celebración relixiosa. Comezaba co sacrificio dunha cabra nunha cova situada no outeiro do Palatino; a seguir, os sacerdotes encargados do rito, coa cara manchada co sangue da víctima e case nus, saían a correr polas rúas da cidade e golpeaban, cunhas correas feitas coa pel da mesma cabra, a todo aquel que se poñía por diante, especialmente ás mulleres. Como se chamaba esta festa e porque as mulleres recibían gustosas os correazos?







III. O 17 de febreiro de hai 1.652 anos morría un Emperador que fora proclamado só 8 meses antes. O seu antecesor morrera en plena expedición contra un inimigo estranxeiro, e por iso o novo gobernante tivo que asinar un pacto polo cal Roma perdía certas posesións. De que dous Emperadores estamos a falar e cal era o inimigo ó que se enfrontaron?

miércoles, 6 de enero de 2016

Concurso Odisea 2016


Un ano máis, a Sociedad Española de Estudios Clásicos (SEEC), a través de diferentes seccións territoriais,  pón en marcha o concurso Odisea, co que se pretende, durante uns días, que a Grecia e Roma antigas sexan un pouco protagonistas da vida dos centros.

Desde os inicios do concurso, hai xa 11 anos, o alumnado de Latín, Grego e Cultura Clásica do IES Fontexería ten participado asiduamente.

Como cada ano, o profesor responsable deste blog anima ós seus alumnos a se inscribir e participar neste concurso, que nos parece unha moi loable iniciativa, pola que felicitamos sinceramente ós seus promotores e organizadores, que cada ano fan un gran traballo.

O sitio web coas bases e o formulario para a inscrición estan aquí:



ROMANAE QVAESTIONES IV (MMXV-MMXVI)

Acaba de rematar o ano 2015: utinam annus MMXVI felix et properus omnibus nostrum sit!

Con todo, seguimos no mesmo curso: comezamos un novo trimestre, e con el empeza de novo a serie de oportunidades para sumar ata 1 punto á nota final, que se outorgará no mes de marzo.

Para iso, como xa sabedes os visitantes asiduos deste blog, só hai que atopar a resposta correcta a tres preguntas sobre a Antiga Roma que cada mes publicaremos.

Velaquí as do mes de xaneiro:

I. O 12 de xaneiro, hai 2.945 anos, pechábanse en Roma as portas dun templo moi especial. Estaba dedicado a un deus que adoitaba ser representado mediante un busto con dous rostros, cada un deles mirando en sentidos opostos. As portas do seu templo permanecían abertas sempre que Roma se atopase nunha situación concreta, relacionada coa súa política exterior. De que deus falamos e que significaba o ritual relacionado coa apertura e/ou peche das portas do seu templo?

II. Hai 2.102 anos, o 13 de xaneiro, e como consecuencia dunha grave enfermidade, morría un sobranceiro xeneral romano, protagonista dos anteriores 25 anos da política romana. Aparte de reformar o exército para facerlo algo máis profesional, participou na política como líder dun grupo que pretendía privar á máis alta nobreza da súa posición dominante, e que tiña noutro prestixioso xeneral o seu principal valedor. De que dous militares e políticos estamos a falar?

III. O 15 de xaneiro de hai 1.947 anos era asasinado, ós poucos meses de chegar ó goberno, un Emperador. Sucedera a outro que tamén sufrira morte violenta e que chegara a facerse odioso para gran parte da poboación, o exército e a clase dirixente romana. E o sucesor do primeiro, que conspirou contra el para matalo, foi tamén asasinado pouco tempo despois. Daquela, a que tres Emperadores nos referimos (cítaos por orde cronolóxica).


 


 

jueves, 3 de diciembre de 2015

Astérix e o papiro "do" César



Un ano máis acode á cita un novo álbum das aventuras de Astérix, o segundo a cargo dos continuadores da saga, Jean-Yves Ferri e Didier Conrad.

O punto de partida fainos lembrar Astérix en Bélxica: se naquela ocasión Abraracurcix se encamiña cara o país dos belgas para demostrar que eles, os belgas, non son os máis afoutos da Galia, como afirmara Xulio César, agora é o propio César quen, aconsellado por un dos seus asesores, pretende eliminar un capítulo da súa obra A Guerra das Galias no que admite a existencia dunha aldea gala aínda inconquistada. Claro está que Astérix, Obélix e compañía non van permitir que iso aconteza.

Así que, de novo ficción, de novo ficción baseada nun feito histórico, que proporciona unha agradable lectura, aínda que por momentos o "divertidómetro" quedounos un pouco baixo, polo menos se o comparamos co volume anterior dos novos autores (Astérix e os pictos).

Ah, por certo: seguimos na porfía de empregar "o César" nos títulos dos álbumes. Trátase dun erro que parece xa tarde para corrixir, pero imos explicar por que é un erro: coa expresión "o César" só podemos referirnos a un Emperador romano, cousa que Xulio César non foi; ademais, nos títulos orixinais franceses non se le, por exemplo, Le papyrus du César ou Les lauriers du César, senón de César. Mais isto non nos impide disfrutar desta fantástica serie da banda deseñada, por Tutatis!

miércoles, 2 de diciembre de 2015

ROMANAE QVAESTIONES III (MMXV-MMXVI)

Entramos no derradeiro mes do ano.

No mes que ven de rematar só un alumno (Iván, de 2º BAC) aproveitou a ocasión para sumar 0,33 puntos á nota final do trimestre; e vai por bo camiño para sumar 1 punto, pois xa fixo o mesmo no mes de outubro.

Para el, e tamén para todos os que queiran, velaquí as Romanae Quaestiones do mes de decembro:



I. Hai 2.015 anos Roma pasaba por período de grande axitación política e social. Neste contexto, dous cargos públicos (un tribuno da plebe e un pretor) foron asasinados no decurso duns disturbios que tiñan que ver coa loita pola primacía de dúas faccións políticas. De que dous persoeiros estamos a falar e con que nomes se coñecen as dúas faccións mencionadas?




II. Cada 11 de decembro celebrábase en Roma unha festa mediante a que se conmemoraba a unión de varios poboados latinos, cada un dos cales ofrecía un sacrificio ós deuses. Con que nome coñecemos esta festa?






III. O mesmo día tamén tiña lugar outra celebración. Neste caso, sacrificábase un animal na honra dun deus moi luminoso, a quen deste xeito se pedía que o vindeiro ano non se esquecese de brillar e quentar a terra para favorecer as colleitas. A que deus se honraba nesta festa e como se chamaba a celebración?

martes, 3 de noviembre de 2015

ROMANAE QVAESTIONES II (MMXV-MMXVI)



Vén de rematar o mes de outubro, e só unha persoa, Iván (2º BAC), aproveitou a ocasión de sumar 0,33 puntos á súa nota final do trimestre. O resto dos alumnos aínda poden coller este tren: por iso, velaquí as preguntas do mes de novembro:

I. O 16 de novembro de hai 2.055 anos nacía un persoeiro que chegaría a ser Emperador, por moito que o seu antecesor non pensara nel como herdeiro. Xa na época rumoréabase que fora a súa nai quen dispuxera todo para que el chegara ó poder. Unha vez nel, xa cos seus anos, foi pouco a pouco abandonando os labores de goberno para disfrutar dun retiro privado, no que se dicía que daba renda solta a múltiples perversións sexuais. De que Emperador falamos e como se chamaba a súa nai?


II. O 17 de novembro, 51 anos despois do nacemento anterior, producíase outro, e tamén se trata dun futuro Emperador. Neste caso, inaugurou unha nova dinastía, e ademais deixou unha boa lembranza nos seus contemporáneos, segundo nos contan, sobre todo por contraste co goberno do seu antecesor. Tamén se di del que quixo morrer de pé. Quen son os dous Emperadores a que nos referimos?


III. E o mesmo día, 369 anos despois do nacemento do protagonista da segunda quaestio, morría outro Emperador. Neste caso, os seus contemporáneos tamén nos din del que era de bo carácter: xa cristián, amosouse tolerante cos paganos, a pesar de ter sido desterrado polo seu antecesor por negarse a celebrar sacrificios na honra dos deuses tradicionais romanos. De novo, cales son os dous Emperadores a que aludimos?