martes, 4 de octubre de 2011

ROMANAE QVAESTIONES I (MMXI-MMXII)

Como xa sabedes moitos de vós, cada mes é posible aumentar ata en 0,33 puntos a nota final do trimestre se contestades correcta e individualmente a tres preguntas que aparecerán neste blog. Todas elas terán que ver con acontecementos da historia da Antiga Roma dos cales se cumpre algún aniversario. Como se pode comprender doadamente, se sodes constantes, a final do trimestre podedes sumar ata 1 punto á nota resultante dos exames e exercicios.


Pois no mes de outubro non é necesario ir máis aló do primeiro día para atopar efemérides romanas. Velaí van:










I. Hai 2.097 anos nacía, na vila de Amiterno, o primeiro historiador romano do cal conservamos unha cantidade de texto apreciable. En concreto, trátase de tres monografías, dúas delas centradas en dous personaxes de certa importancia para a Historia de Roma, e outra de ámbito máis xeral (esta perdeuse na súa maior parte). Por suposto, pedimos o nome completo do historiador e o título das súas obras.
















II. Nada menos que 294 anos despois, naceu un rapaz que, sen deixar de selo (ós 13 anos), chegaría a ser Emperador, gracias a que previamente fora adoptado como fillo polo seu curmán, o Emperador anterior, de nome certamente solar. Quen eran estes dous Emperadores e entre que datas gobernaron?
















III. Todos os días 1 de outubro, tres sacerdotes dedicados, respectivamente, ó culto a Xúpiter, Marte e Rómulo (divinizado como fundador da cidade), ían nun carro descoberto a un templo de certa deusa para ofrecerlle un sacrificio. Mentres oficiaban, mantiñan a man dereita, consagrada a esa deusa como símbolo de compromiso, envolta nun pano branco. De que deusa se trataba e como se chamaban, xenericamente, eses tres sacerdotes?




SAPIENTIA VOBIS ADSIT!

Novum initium! Avete!






Novum cursum incipimus! Avete omnes, alumni navigatoresque!



Pois si: aquí estamos de novo, o cal, en principio, é bo sinal.



Este ano, como os anteriores... achegarémonos de varias maneiras á lingua latina e á cultura de Roma, a través das nosas clases de 4º ESO, 1º BAC (dous grupos) e 2º BAC. Un total de 45 alumnos.



Que dicir dos primeiros días? Pois que un cóctel interesante de caras novas e... non direi vellas, senón xa coñecidas.



Que se pretende para todos? Nada novo, en esencia: é o que teñen o Latín e a Antiga Roma, pois levan moito tempo estando aí e, contra o que algúns pensen, seguirán a estar.



Nada novo en esencia, diciamos, mais si miradas novas a un campo do saber que, crédeo, paga moito, pero que moito a pena.



Un bo exemplo é o libro Gabinete de curiosidades romanas, de J. C. McKeown (Crítica, 2011): un feixe de anécdotas extraídas das fontes da propia Antigüidade (historiadores, xuristas, poetas...) . Moitas delas son xa coñecidas polos iniciados, pero outras moitas non o son tanto. Por iso pode ser un xeito moi agradable de mergullarse na Antiga Roma: un baño do máis saudable.



Máis nada de momento.




Valete. Cito redibimus!