martes, 17 de enero de 2017

Odisea 2017: Aberto o prazo de inscrición


Un ano máis, a Sociedad Española de Estudios Clásicos (SEEC), a través de diferentes seccións territoriais,  pón en marcha o concurso Odisea, co que se pretende, durante uns días, que a Grecia e Roma antigas sexan un pouco protagonistas da vida dos centros.

Desde os inicios do concurso, hai xa 12 anos, o alumnado de Latín, Grego e Cultura Clásica do IES Fontexería ten participado asiduamente.

Este curso, o período de inscrición leva aberto desde o 30 de novembro, e remata o 5 de febreiro (o concurso comeza o 6 de febreiro)

Como cada ano, o profesor responsable deste blog anima ós seus alumnos a se inscribir e participar neste concurso, que nos parece unha moi loable iniciativa, pola que felicitamos sinceramente ós seus promotores e organizadores, que cada ano fan un gran traballo.

O sitio web coas bases e o formulario para a inscrición estan aquí:

sábado, 7 de enero de 2017

Astérix. Les citations latines expliquées



Os seguidores da serie de banda deseñada Astérix agradecemos a publicación deste libro.

Nel recóllense as expresións latinas que, no seu idioma orixinal, aparecen nos diferentes volumes da serie.

Están ordenadas alfabeticamente, e para cada unha delas ofrécese a orixe e o significado, acompañados de comentarios que fan máis amena a aprendizaxe (iso si, cómpre coñecer algúns feitos da realidade cotiá francesa para comprender todas as referencias, pero nada hai no libro que non se poida atopar mediante unha sinxela busca na rede). Tamén se vai indicando en que volumes da serie aparecen as expresións.

En suma: unha lectura instrutiva e pracenteira a un tempo, de acordo co ideal que o poeta Horacio, co seu prodesse et delectare, proclamou hai máis de 2.000 anos.

ROMANAE QVAESTIONES IV (MMXVI-MMXVII)

Comeza un novo ano, o 2.700º desde a fundación da cidade á que tanto debemos.

O curso está a piques de proseguir, así que deixo xa aquí as preguntas mensuais mediante as que os alumnos de Latín do IES Fontexería poden sumar ata 1 punto á súa nota final do trimestre.

I. Cada 15 de xaneiro celebrábase en Roma unha festa relixiosa na honra dunha deusa relacionada coa maternidade (e das súas dúas irmás). A orixe da festividade remontábase a unha ocasión lendaria, na que as nais romanas se negaran a ter máis fillos en protesta pola derrogación do privilexio de ir en carro. O Senado aceptou levantar a prohibición, e as nais fixeron construír un templo dedicado á devandita deusa, e instituíron a celebración. Queremos saber o nome da deusa e das festas na súa honra.



II. O 16 de xaneiro de hai 2.007 anos reinaugurábase en Roma un templo que fora mandado construír inicialmente 377 anos antes para conmemorar o remate dos enfrontamentos entre dúas clases sociais en Roma. Como se chamaba o templo, quen o construíu inicialmente e quen o reinaugurou?




III. Hai 2.055 anos, o 17 de xaneiro, casaban en Roma dous persoeiros que marcarían a evolución do réxime político romano nos anos futuros. Tanto o home como a muller protagonistas deste casorio divorciáranse previamente dos seus cónxuxes. Cada un deles traía fillos dos matrimonios anteriores: disque el se divorciou o mesmo día que a súa anterior esposa daba á luz á súa única filla; pola súa parte, a muller tiña dous fillos do seu home anterior, e un deles estaba chamado a chegar ó máis alto do poder romano. Hai que averiguar o nome dos dous novos esposos, os dos cónxuxes anteriores, e tamén os dos tres fillos (a filla del e os dous fillos varóns dela).