miércoles, 28 de febrero de 2018

Concurso Odisea 2018 (II)



Rematou a edición deste ano do Concurso Odisea, organizado pola SEEC.

É certo que ningún dos grupos participantes do noso centro chegou á fase de desempate, pero cómpre dicir que case todos eles estiveron ata o último momento intentando atopar as respostas correctas do preguntón. Faltou pouco, e iso debe funcionar como estímulo para mellorar en vindeiros anos. Pola miña parte, parabéns.

E parabéns tamén, un ano máis, á organización, que con moito esforzo mantén viva unha iniciativa que é, penso, un gran beneficio para os estudos clásicos.

Tamén felicitamos ó grupo Η ΤΑΝ Η ΕΠΙ ΤΑΣ, do IES de Melide, que resultou gañador da fase do concurso en Galicia.

Ata o vindeiro ano!

lunes, 5 de febrero de 2018

Concurso Odisea 2018

Un ano máis, a Sociedad Española de Estudios Clásicos pón en marcha a espléndida iniciativa que constitúe o concurso Odisea.

Outro ano máis, tamén, parte do alumnado do noso Centro respondeu á convocatoria. e formáronse catro grupos:

TARTAFÉTIDOS: Ana, Félix e Sabela (4º ESO).
OPTIMAE: Alba, Aida e Saray (4º ESO).
MIHI: Lucas e Paula (1º BAC).
PROZAC: Victoria e Irene (1º BAC)

O concurso acaba de comezar, neste enderezo



MINERVA VOBIS ADSIT!

jueves, 1 de febrero de 2018

ROMANAE QVAESTIONES V (MMXVII-MMXVIII)

Camiñamos cara a metade do trimestre, e seguimos a ruta que leva a facer medrar a nota final do trimestre de todo aquel que así o desexe.

Estas son as preguntas correspondentes ó mes de febreiro:



I. Cada 24 de febreiro os romanos celebraban un feito moi importante na súa historia, que aconteceu hai hoxe 2.527 anos, e que supuxo un cambio na súa forma de goberno: rematou un réxime e comezou outro, que duraría aproximandamente 500 anos. Con que nome coñecían os antigos romanos esta celebración e a que cambio de réxime aludimos?



II. 720 anos despois do suceso mencionado na quaestio anterior, o 26 de febreiro, morría un Emperador, tras exercer o cargo durante un único ano. Tiña a particularidade de que gobernara asociado co seu irmán, que precisamente ordenou o seu asasinato. Averigua de que dous irmáns estamos a falar, distinguindo entre asasino e asasinado.







III. 63 anos despois do homicidio citado na pregunta anterior nace, o 27 de febreiro, un rapaz que chegaría a ser Emperador, e que cambiaría Roma en moitos aspectos, dos que destacamos dous: fundou unha cidade á que trasladou a capital do Imperio, e tomou unha importante decisión relixiosa. De que Emperador, cidade e medida relixiosa falamos?