viernes, 4 de marzo de 2011

ROMANAE QVAESTIONES (MMX-MMXI)-VI

Xa concluímos un mes máis do curso, e falta menos da metade para rematar. Tamén é certo que estamos nunha fase na que os rapaces se xogan unha porcentaxe importante do resultado final que han de acadar. Por iso, razón de máis para aproveitar a oportunidade que desde este blog vos ofrezo de aumentar ata un punto a nota final do trimestre. Xa houbo quen o fixo este mes de febreiro que ven de rematar: Mª José (4º ESO), Mariña (1º BAC), Paula (1º BAC) e Isa (1º BAC) sumaron un tercio do punto.

Para elas, e para todos os demais, estas son as preguntas do mes de marzo:

I. O 1 de marzo de hai 2.097 anos, un xeneral romano pertencente a unha rama da mesma familia que o vencedor de Aníbal conquistaba unha importante cidade grega na que se atopa un fermoso templo que ten por columnas unhas figuras femininas. Cal era o nome completo do xeneral, de que cidade se trataba e a que templo nos referimos?



II. Máis tarde, concretamente 41 anos despois, un 17 de marzo, outro xeneral a quen o da pregunta anterior lle perdoara a vida cando era moi novo, remataba unha guerra civil de case catro anos nunha batalla que tivo lugar preto dunha vila situada na actual provincia de Córdoba, e que hoxe ten sona polos seus viños. De que xeneral estamos a falar e como se chamaba naquela época a vila?


III. Un ano despois de vencer nesa batalla, o xeneral en cuestión morría asasinado, e durante os seus funerais, o día 21 de marzo, producíronse serios disturbios na cidade de Roma, debido a que os partidarios do finado quixeron vingarse rapidamente. Houbo mortos, e un deles foi un poeta a quen a multitude confundíu cun dos sospeitosos do asasinato, xa compartían o mesmo cognomen. De que poeta se trataba e con quen o confundiron?

CONCVRSVS ODISEA 2011

Rematou a nosa participación no Concurso Odisea 2011, e este ano pódese dicir que fixo honor ó nome.

Como xa sabedes, tiñamos cinco equipos clasificados para a fase de desempate en Galicia. A organización convocounos no IES de Ames o 9 de febreiro (e aló fomos, coa comida na boca). Todo ía saíndo bastante ben, e mellor aínda ó final da tarde. Tan ben saíra que a páxina web daba como resultado provisional como gañadores a DIVINA CEFALEA (Elena e Iván) e en terceiro lugar a MAVRAE PVELLAE (Maruxa e Paula). Por desgracia, a xestión informática do concurso fallou porque a web non recoñeceu as respostas de varios grupos participantes noutras sedes.

Diante disto, os organizadores decidiron repetir o desempate unha semana despois, no mesmo lugar e á mesma hora. Repostos da decepción (ben: algúns non de todo), iamos agarrar o bus outra vez o día 16, pero unha alerta meteorolóxica fixo que a Consellería de Educación prohibise as actividades extraescolares. Co fin de poder levar a cabo a xornada, a organización enviou ó noso Centro un responsable para vixiar o comportamento dos nosos grupos (por certo, Álvaro: moitas gracias polo esforzo).

Desta vez a sorte (e a sapiencia) non nos acompañou tanto, pero é para estar ledos, pois os resultados foron estes:
6º posto: MAVRAE PVELLAE (Maruxa e Paula)
7º posto: DIVINA CEFALEA (Elena e Iván)
10º posto: WEWE (Amalia e Isa)
11º posto: TACITAE PVELLAE (Jenny e Mariña)

Así que, pola miña parte, estou moi satisfeito, pois seguimos a manter un bo nivel na nosa participación neste concurso. O de gañar xa se sabe que é complicado, e depende de varios factores: aí reside un chisco o encanto.

Moitas gracias, de verdade, pola vosa participación e esperamos facer, como mínimo, o mesmo na edición do vindeiro ano. E se non, lembrade que do que se trataba, principalmente, era de pasalo ben ó tempo que aprendiamos algo. Déixovos coas fotos que tomamos o primeiro día:




IVIMVS, CERTAVIMVS, GAVISI SVMVS