domingo, 1 de diciembre de 2019

ROMANAE QVAESTIONES III (MMXIX-MMXX)

Decembro é o derradeiro mes do ano, pero, en relación co curso académico, só marca o remate do primeiro trimestre. Polo tanto, as preguntas que se ven máis abaixo constitúen a oportunidade final de sumar puntos á nota final deste período:




I. Hai 1.985 anos nacía unha persoa que cos anos se convertería nun dos máis sobranceiros representantes dun xénero poético que os romanos consideraban como autóctono, non importado -como todos os demais- de Grecia. Foi compañeiro de estudos doutro autor que compuxo un poema épico dedicado a unha guerra civil entre romanos. De que dous literatos e de que epopeia estamos a falar?

II. 91 anos antes do nacemento mencionado na quaestio anterior, morría o que nos séculos posteriores sería considerado como o máis grande orador romano. Quen era, quen deu a orde de asasinalo e quen a executou?

III. Finalmente, 22 anos antes do crime descrito na segunda quaestio, nacía outro poeta, contemporáneo e amigo do considerado máis grande autor en lingua latina, e que cultivou unha serie de xéneros líricos; a xuízo da crítica, ningún outro escritor romano o iguala nos logros que conseguiu nese tipo de composicións. Quen son os dous xigantes da literatura latina mencionados?
 

viernes, 1 de noviembre de 2019

Longa vita Asterigi!

Fantástica iniciativa, a do Metro de París: celebrar o 60º aniversario do nacemento de Astérix cambiando temporalmente o nome dalgunhas das súas estacións... e repartindo poción máxica!


ROMANAE QVAESTIONES II (MMXIX-MMXX)

Novembro é o segundo mes do primeiro trimestre, e iso significa que o alumnado de Latín do noso Centro conta coa segunda oportunidade para incrementar o valor da súa nota final neste período do curso.

Estas son as Romanae Quaestiones de novembro:




I. Hai 2.004 anos, o 6 deste mes, nacía en Roma unha rapaza que logo sería moi importante na evolución da primeira dinastía de Emperadores romanos: sobriña do segundo Emperador desa familia, irmá do terceiro, esposa do cuarto e nai do quinto. De que muller e Emperadores falamos?

II. O 8 de novembro, 78 anos antes, un importante político e orador romano pronunciaba diante do Senado o primeiro dunha serie de discursos nos que descubría unha conspiración destinada a dar un golpe de Estado. Segundo se nos conta, o líder da conxura estaba presente cando os seus plans foron revelados publicamente. De que dous homes estamos a falar?

III. Durante a celebración dos Xogos Plebeios, o 13 de novembro, certo colexio de sacerdotes organizaba, no nome da plebe, un banquete público na honra do deus a quen se consagraban os devanditos xogos. Unha imaxe do propio deus (a quen acompañaban outras dúas, de senllas deusas) era levada ó banquete. O deus protagonista “comía” recostado nun diván e as dúas deusas sentadas. Como se chamaba o colexio de sacerdotes e a que deuses nos referimos?

lunes, 7 de octubre de 2019

Un día en Pompeia

Fantástica animación sobre o que debeu ser o derradeiro día da vida da cidade romana de Pompeia:


martes, 1 de octubre de 2019

ROMANAE QVAESTIONES I (MMXIX-MMXX)

Coa chegada do mes de outubro, como cada curso, inaugúrase, para o alumnado da materia de Latín dos diferentes cursos do IES Fontexería, a sección deste blog que chamamos Romanae Quaestiones.

Trátase de buscar a resposta a cada unha das tres preguntas que aparecen, con carácter mensual, neste blog. Todos aqueles alumnos que atopen as solucións a estes pequenos enigmas relacionados coa historia e a cultura da Antiga Roma, poderán engadir ata un máximo de 1 punto á súa nota final do trimestre.

Velaquí as preguntas correspondentes a este mes:



I. O 19 de outubro de hai 2.221 anos un xeneral romano poñía fin a unha guerra na que a propia existencia de Roma estivera en xogo na competencia cun inimigo formidable, con quen os romanos libraron tres guerras. De que xeneral falamos, cal era o seu inimigo (o pobo e o seu líder), e a que batalla nos referimos?

II. Como resultado da vitoria definitiva sobre a potencia inimiga citada na quaestio anterior, Roma decidiu deixar en ruínas a súa capital, aínda que pouco despois permitiu a reconstrución dunha nova cidade, xa romana, a pouca distancia da anterior. Pois ben, esa cidade, moi próspera durante séculos, foi conquistada por un inimigo bárbaro xustamente 641 anos despois da batalla da que falamos na anterior quaestio. O nome da cidade xa o debes saber, polo que agora pídeseche o nome do pobo bárbaro e o do seu rei.

III. Cada 19 de outubro uns sacerdotes romanos realizaban unha danza polas rúas da cidade ata chegar ata o outeiro situado máis o sur da mesma. Esta cerimonia celebraba o final da temporada propia, polas condicións meteorolóxicas, para as campañas militares, que principiaba en marzo. Como se chamaba a celebración e cal era o nome colectivo dos sacerdotes que a escenificaban?

lunes, 9 de septiembre de 2019

A guerra da Galia, de Xulio César, en galego

A pesar de que xa foi publicada en maio pasado, con toda a lea do final de curso non atopei tempo para deixar aquí constancia da publicación, por parte de Edicións Laiovento, dunha tradución que preparei do texto clásico de César no que relata, a xeito de informe de guerra, as circunstancias e desenvolvemento da súa conquista da Galia.



O libro contén, ademais da tradución, unha introdución, abondosas notas a pé de páxina e mapas, todo coa idea de contextualizar o relato para axudar o lector actual a comprender unha obra tan antiga, pero tamén tan influente en Europa Occidental, sobre todo a partir do Renacemento.

Pódese mercar directamente na editorial, nesta ligazón:


Sirva esta nova como limiar para o curso 2019-20, que está a piques de dar comezo.

sábado, 1 de junio de 2019

ROMANAE QVAESTIONES IX (MMXVIII-MMXIX)

Xuño sempre marca o final do curso, e con el chega tamén a derradeira oportunidade de aumentar a nota final do trimestre para o alumnado de Latín de 4º ESO e 1º BAC (os de 2º remataron en maio: moita sorte aos que asistan á ABAU!).

Xa que logo, velaquí as derradeiras Romanae Quaestiones do curso:


I. O día 1 deste mes, hai 2.406 anos, inaugurouse un templo en Roma na honra de certo deus, por ter axudado ó exército na súa loita contra uns inimigos que pouco tempo antes saquearan Roma. A que deus se dedicou ese edificio relixioso e a que inimigos nos referimos?

II. O mesmo día, 42 anos máis tarde, inaugurouse outro templo. Nesta ocasión, certo militar romano prometera a unha deusa que se lle construiría o edificio en agradecemento á axuda que ela prestara contra os mesmos inimigos mencionados na quaestio anterior. De que militar e deusa falamos, e en que consistíu a axuda dela?

III. O 2 de xuño, 842 anos despois do acontecemento mencionado na primeira pregunta, Roma era saqueada durante 14 días por soldados dun pobo bárbaro. Como se chamaba ese pobo e quen era o seu líder?

miércoles, 1 de mayo de 2019

ROMANAE QVAESTIONES VIII (MMXVIII-MMXIX)

Estamos xa en maio, e a de este mes será a derradeira oportunidade que o alumnado de Latín II (2ª BAC) terá para aumentar a nota final do trimestre; como ese alumnado non disporá do mes de xuño, ese posible incremento será de 0,66 puntos, fronte ó habitual de 0,33, que segue vixente para o resto dos cursos.

Así que, uns e outros, mergulládevos na rede para intentar atopar as respostas a estas preguntas, coma sempre, relacionadas coa Antiga Roma.


I. Cada 23 de maio celebrábase en Roma unha cerimonia na que se purificaban as trompetas empregadas nas campañas militares. Como se chamaba esta festa e a que deus estaba consagrada?

II. O mesmo día tamén se celebraba outra festa, na que se depositaban certas flores en certos lugares para honrar a memoria dos que xa non estaban. Que flores se empregaban e como se chamaba esta festividade?

III. O 25 de maio de hai 2.213 anos inaugurábase nun outeiro de Roma un templo na honra de certa deusa, moi importante para os romanos, que en xeral atribuían un importante papel á sorte na vida. De que deusa estamos a falar e en que outeiro se atopaba o seu templo?