lunes, 1 de octubre de 2018

ROMANAE QVAESTIONES I (MMXVIII-MMXIX)

Co inicio do mes de outubro arranca tamén a serie de oportunidades para engadir ata un punto á nota final do trimestre. Para conseguilo, hai que ir contestando regularmente as preguntas que, a principios de cada mes, aparecerán neste blog.

E comezamos:


I. Hai 1.988 anos, o 18 de outubro, un alto cargo do goberno imperial romano era condenado a morte e executado por orde do Senado. Este persoeiro fora da máxima confianza de certo Εmperador, ata que este decidiu retirarlla, nun intento de desligarse da impopularidade de moitas das súas accións. Como se chamaban o persoeiro e o Emperador?

II. Dous anos despois, o mesmo día, morría tamén unha muller da familia imperial romana. Disque o Emperador (o mesmo da quaestio anterior) a obrigou a deixarse morrer de inanición: era a súa sobriña política(ó mesmo tempo que filla da súa segunda esposa con outro home), e tamén nai do Emperador que o sucedería. Se desenlías ben todo isto, atoparás o nome desta muller e tamén do seu fillo.

III. O derradeiro Emperador da dinastía da que falabamos nas dúas quaestiones anteriores decidíu que cada 18 de outubro se celebraría unha festa relixiosa na honra de certa deusa, para conmemorar o aniversario da súa maioría de idade. De que Emperador falamos e a que deusa se veneraba ese día?

Initium Cursus MMXVIII-MMXIX

 
Un novo curso comeza e aquí seguimos, intentando complementar desde este blog a nosa actividade docente, ó tempo que lle damos difusión.
Como cada ano, ademais das sesións presenciais, contamos cun espazo para as materias do noso Departamento na Aula Virtual do IES Fontexería. Por outra banda, seguiremos publicando cada mes as Romanae Quaestiones (que dan opción de aumentar ata nun punto a nota final de cada trimestre). Tamén, en fin, aproveitamos esta fiestra á rede para comentar algunhas publicacións ou sitios web que nos parecen interesantes para o alumnado da materia de Latín (4º ESO e máis 1º e 2º BAC), e mesmo para o público en xeral.