domingo, 27 de enero de 2019

Cantos emperadores? Canto tempo cada un? Como morreron?

Aquí deixo unha animación que elaborei sobre o número, tempo de reinado e xeito de morrer dos Emperadores romanos, desde o ano 27 a.C. ata o 476 d.C., que é o marco temporal que tradicionalmente se atribúe á duración do réxime imperial romano. Vendo a estatística do final, igual ser Emperador non pagaba tanto a pena. Ou si?

lunes, 21 de enero de 2019

Aliquae res de vita Caesarum gentis Iuliae-Claudiae (secundum C. Suetonium)

Sabido é que Gaio Suetonio Tranquilo é unha das fontes principais sobre os 11 primeiros emperadores romanos e mais Xulio César.

A súa obra é unha mina de anécdotas, e moitas delas deixan o lector ó bordo da incredulidade, ademais de incitalo a botar unhas risas.

Aquí deixo unha presentación na plataforma Prezi que elaborei, escollendo fragmentos de Suetonio sobre os cinco emperadores da familia Xulia-Claudia. Contén imaxes, textos latinos e a súa correspondente tradución, que se inclúe no audio.

Espero que vos entreteña, sequera unha chisca.

Por se preferides a versión en video, déixoa tamén aquí:

martes, 1 de enero de 2019

ROMANAE QVAESTIONES IV (MMXVIII-MMXIX)

Novo ano, novo trimestre... e oportunidade de comezalo ben sumando 0,33 puntos á nota final do mesmo.

Se vos apetece, navegade pola rede para ver se atopades as solucións a estes pequenos misterios sobre a Antiga Roma.




I. Cada 22 de xaneiro, desde hai 2.033 anos, celebrábanse en Roma uns xogos populares na honra de certo político que, case sen que ninguén se decatase, cambiara a forma de goberno de Roma. A iniciativa destas festas correspondeu á súa esposa, a quen se atribúe un importante papel -na sombra- nas decisións políticas que tomaba o seu home. Con que nome coñecemos ás festas, ó home na honra de quen se celebraban, e á muller que as mandou instituír?

II. Entre o 24 e 0 26 de xaneiro celebrábanse en Roma outras festas, estas de carácter agrícola. Nelas os habitantes das aldeas veneraban a dúas divindades que tiñan moito que ver cos labores do campo, e pedíanlles que protexesen as sementes que estaban a piques de plantar. O sacrificio ofrecido consistía nunha porca preñada e unha torta feita con cereais. Como se chamaban estas festas e na honra de que deusas se celebraban?

III. O 27 de xaneiro de hai 2.507 anos inaugurouse no Foro Romano un templo na honra de dous deuses xemelgos que, segundo a lenda, apareceran para axudar ós romanos nunha batalla que estaban a manter contra uns veciños ás beiras dun lago. Hoxendía só se conservan tres columnas deste edificio. De que deuses se trata, cal era o pobo inimigo ó que os romanos se enfrontaron daquela, e como se chama o lago xunto ó que se desenvolveu o combate?