sábado, 1 de febrero de 2020

ROMANAE QVAESTIONES V (MMXIX-MMXX)

Febreiro marca a metade do curso, pero a posibilidade de aumentar a nota final do trimestre permanece íntegra para o alumnado de Latín do noso Centro, sempre que atope as solucións ós pequenos enigmas que aparecen a seguir:




I. Hai 2.032 anos, o 12 de febreiro, morría en Roma un importante persoeiro da política romana. Fora o principal amigo e colaborador do primeiro Emperador, sobre todo en asuntos militares, ata o punto de que chegou a ser considerado como sucesor; para iso, ademais, casara coa filla do seu amigo. De que dous persoeiros estamos a falar?

II. 53 anos despois da morte referida na quaestio anterior, tamén o 12 deste mes, nacía un rapaz que, por ser fillo de Emperador, estaba destinado a selo el tamén, se non fose porque a súa madrasta -por certo, sospeitosa de asasinar o Emperador mediante unha cea a base de cogumelos-, influíu para que o fillo dela ocupase o seu lugar. Queremos o nome do Emperador, a súa esposa, o sucesor previsto e o sucesor real.

III. O 13 de febreiro, 516 anos antes do nacemento ó que aludiamos na pregunta anterior, producíase un feito que parece máis lenda que real: unha familia romana ofreceuse para encargarse ela soa da guerra que Roma mantiña contra a cidade que daquela era a capital de Etruria. Segundo parece, os 306 membros desa familia (todos menos un, que quedara en Roma debido á súa curta idade), morreron nunha emboscada. A que familia nos referimos e como se chamaba a cidade rival de Roma nesta guerra?