jueves, 2 de junio de 2016

ROMANAE QVAESTIONES IX (MMXV-MMXVI)

A piques de rematar o curso, este mes ofrécese a derradeira oportunidade para facer medrar a nota final do trimestre, o que de seguro influirá na cualificación final. Para iso, como cada mes, hai que respostar correctamente ás preguntas que ofrecemos neste blog.

Mais antes de expoñer as quaestiones, quero felicitar ós alumnos que aprobaron o curso de 2º BAC e que, non próximos días, realizarán os exames das PAU. Ánimo: AVDENTES FORTVNA IUVVAT!

E xa, sen máis demora, estas son as preguntas do mes de xuño:



I. O 9 de xuño de hai 1.948 anos suicidábase, asistido por un liberto, un Emperador romano, probablemente o que peor sona ten deixado. Poucos meses antes, e fartos dun gobernante imprevisible e aparentemente tolo, varios xefes dos exércitos das provincias subleváranse contra el, e o Senado destituíno formalmente, ordenando a súa detención. De que Emperador estamos a falar e cales foron, segundo nos din, as súas derradeiras palabras?




II. Cada 11 de xuño celebrábanse en Roma unhas festas na honrra de certa deusa. Nela as mulleres que só casaran unha vez ían ó templo da deusa e realizaban unha serie de ritos: facían entrar a unha escrava e, a seguir, botábana fóra a golpes; logo suplicaban á deusa polos seus sobriños, ós que levaban no colo e acariñaban. Como se chamaba esta deusa e con que palabra latina se coñecía ás mulleres casadas unha única vez?




III. O 12 de xuño, 30 anos antes da morte do Emperador citado na primeira quaestio, morría tamén a irmá favorita dun dos seus antecesores. Este, tolo de dor, decretou loito oficial, durante o cal estivo castigado coa pena de morte o feito de rir, bañarse ou comer coa familia. Como se chamaba esta muller e cal era o nome do seu irmán?