viernes, 26 de septiembre de 2014

Novus Cursus: Salutatio

Comezamos un novo Curso coa ledicia de contar cun bo número de matriculados en Latín e en Grego, sobre todo en 1º de Bacharelato (22 e 20 rapaces, respectivamente). Isto aporta unha dose de ilusión que sempre é benvida á hora de retomar o labor docente.

Nesta primeira entrada do ano académico vou recomendar a lectura dun libro: Roma, de Steven Saylor.

Pode que a súa extensión (máis de 800 páxinas) bote para atrás a máis dun posible lector, pero neste caso a prevención está inxustificada: é un modelo de como se debe escribir unha novela historica. Saylor toma feitos documentados da Historia de Roma para construír unha ficción na que unha familia vai percorrendo todos os séculos da Antiga Roma, desde antes da fundación da cidade, ata a chegada do primeiro Emperador, César Octavio Augusto.

Admito, iso si, que a lectura se fai máis agradable con certos coñecementos da Historia de Roma, pois así percibimos a habilidade do autor para enxertar ficción con testemuño histórico.

Dádelle unha oportunidade e seguro que non vos ha defraudar.

Polo demais,

FORTVNA MINERVAQVE VOBIS ADSINT!