lunes, 2 de febrero de 2015

Odisea 2015 (III)

Rematou xa o concurso para os grupos do noso Centro, e estivemos a piques de conseguir acudir ó desempate.

Tres dos nosos catro grupos obtiveron 75 puntos de 77 posibles, xa que o xurado non deu por válida unha das respostas do "preguntón" do xoves. Fíxose unha reclamación, que non foi estimada pola organización do concurso; non compartimos o criterio que se empregou, pero non nos queda máis que acatar a decisión. Por certo, que agradecemos ós organizadores, un ano máis, a posta en marcha desta iniciativa, que serve para que as nosas materias, tan maltratadas no currículo educativo, se fagan visibles nas comunidades educativas.

Así que desde aquí este profesor non ten máis que expresar a súa gratitude ós alumnos participantes polo seu esforzo, e agardar con ilusión ó vindeiro ano.




domingo, 1 de febrero de 2015

ROMANAE QVAESTIONES V (MMXIV-MMXV)



Pasou outro mes, e xa está aquí febreiro, cunha nova oportunidade para sumar ata 0,33 puntos á nota final do trimestre.

Sen máis dilación, estas son as quaestiones deste mes:



Hai 2.027 anos, o 12 de febreiro, morría en Roma un importante persoeiro da política romana. Fora o principal amigo e colaborador do primeiro Emperador, sobre todo en asuntos militares, ata o punto de que chegou a ser considerado como sucesor; para iso, ademais, casara coa filla do seu amigo. De que dous persoeiros estamos a falar?







53 anos despois da morte referida na quaestio anterior, tamén o 12 deste mes, nacía un rapaz que, por ser fillos de Emperador, estaba destinado a selo el tamén, se non fose porque a súa madrastra -por certo, sospeitosa de asasinar ó Emperador mediante unha cea a base de cogumelos-, influíu para que o fillo dela ocupase o seu lugar. Queremos o nome do Emperador, a súa esposa, o sucesor previsto e o sucesor real.




 

O 13 de febreiro, 516 anos antes do nacemento ó que aludiamos na pregunta anterior, producíase un feito que parece máis lenda que real: unha familia romana ofreceuse para encargarse ela soa da guerra que Roma mantiña contra a cidade que daquela era a capital de Etruria. Segundo parece, os 306 membros desa familia (todos menos un, que quedara en Roma debido á súa curta idade), morreron nunha emboscada. A que familia nos referimos e como se chamaba a cidade rival de Roma nesta guerra?