jueves, 1 de marzo de 2018

ROMANAE QVAESTIONES VI (MMXVII-MMXVIII)

Con marzo remata o segundo trimestre, así que tamén chega a derradeira ocasión para mellorar a nota de cadaquén, atopando as respostas correctas a estas preguntas:





I. Hai 1.838 anos, o 17 de marzo, morría un Emperador romano que pasou á historia como un gobernante sabio e culto, ata o punto de que é coñecido como “o Emperador filósofo”: mesmo escribiu un libro en grego no que se recollía unha escolma dos seus pensamentos. De que Emperador se trata, como se titula a obra mencionada e a que escola filosófica de pensamento pertencía?



II. Cada 17 de marzo os romanos celebraban unha festa na honra dun deus a quen se atribuía a protección sobre as colleitas, e que se identificaba tamén coa divindade grega vencellada ó viño e ó desenfreo. As anciás ían pola rúa vendendo pasteis e a xente comía ó aire libre, diante das súas casas; por outra banda, os rapaces que alcanzaban a maioría de idade celebrábano mediante unha cerimonia moi concreta. A que deus nos referimos, cal é a divinidade grega coa que se identificaba, como se chamaban estas festas e en que consistía a cerimonia mencionada?

III. O 19 de marzo, 238 anos antes da morte do Emperador citado na primeira quaestio, un importante orador e político romano tomaba o camiño do exilio. O motivo foron as accións legais que un tribuno da plebe emprendeu contra el por ter mandado executar cidadáns romanos sen concederlles o dereito de apelación á Asamblea Popular. De que orador e político estamos a falar, e como se chamaba o tribuno da plebe que actuou contra el?