domingo, 22 de abril de 2012

Pompeia

Desde que foi redescuberta, alá polo século XVIII, Pompeia non ten deixado de aportarnos un eito de información sobre a vida dos antigos romanos.
Neste libro, publicado en españa por Aguilar, Alex Butterworth e Ray Laurence achégannos á realidade pompeiana a través dunha interpretación moi viva do xacemento, poñendo nome, apelidos e actividades a moitas persoas que viviron nesa cidade soterrada por unha erupción do Vesubio o 25 de agosto do ano 79 d.C.

lunes, 9 de abril de 2012

ROMANAE QVAESTIONES VII (MMXI-MMXII)

Encaramos xa o trimestre final do curso, e con el un novo trío de oportunidades para que os alumnos de Latín de 4º ESO, 1º BAC e 2º BAC poidan engadir ata 1 punto á súa nota final. Para iso, unha vez máis, cada mes haberá que solucionar uns enigmas que se presentarán neste blog.

Velaí van os correspondentes a este mes de abril, no que, no seu día 21, Roma cumprirá 2.765 anos.

I. A véspera das Nonas de Abril (ou sexa, o cuarto día do mes), os romanos comezaban a celebración dunhas festas na honra de certa deusa. Esta divinidade, de orixe estranxeira e que empezou a ser venerada en Roma a raíz dun conflicto bélico moi perigoso para a cidade, tiña uns sacerdotes que eran coñecidos cun nome que coincidía co xentilicio dos habitantes dun territorio conquistado por un gran xeneral, e que debían ser castrados para servir á deusa. Durante estas festas, a súa imaxe era conducida en procesión polas rúas, e tamén se celebraban banquetes ós que patricios e plebeios se invitaban reciprocamente. Con todas estas pistas, será doado averiguar o nome da deusa, o das festas, e o dos sacerdotes.



II. O día 8 de abril de hai 2.064 anos o máis grande orador romano pronunciou un discurso en defensa dun asasino. O asasinado tiña tamén que ver co orador, xa que aquel fora parte activa, 6 anos antes, nun proceso xudicial que rematou co seu exilio. Queremos o nome do orador, o do defendido, o do asasinado, e tamén o título do discurso.








III. O mesmo día, 8 de abril, pero 94 anos máis tarde, nacía nunha importante cidade do norte de África un individuo que, ós seus 47 anos, chegaría a ser Emperador. Como se chamaba e en que cidade nacíu?