domingo, 28 de octubre de 2012

Un libro: "Peccata minuta"

Baixo o seudónimo de Víctor Amiano (claramente inspirado nos historiadores romanos tardíos Aurelio Víctor e Amiano Marcelino, e baixo o que se agochan tres profesores de Filoloxía Latina), aparece no mercado este libro, que consiste nunha escolma de expresións latinas aínda en uso hoxendía, acompañadas de cadansúa explicación: orixe, significado orixinal, e máis uso (correcto ou incorrecto) actual.

O libro resulta interesante, malia algunha que outra incorrección histórica e unha perspectiva que, ó noso entender, en ocasións resulta errada: é certo que máis dunha expresión latina xa non recolle hoxe exactamente o significado que tiña no idioma orixinal pero, que son as linguas agás un corpo dinámico en constante evolución? O latín, aínda que reducido no seu emprego actual a este tipo de expresións, segue vivo -como os propios autores se encargan de lembrar-, e por iso mesmo, en mans dos falantes, adquire novos matices. Desde logo, iso non é obstáculo para que pasemos un bo anaco coñecendo un pouco máis das nosas orixes lingüísticas. En fin, e como se di no mesmo libro,

NVLLA DIES SINE LINEA

sábado, 6 de octubre de 2012

ROMANAE QVAESTIONES I (MMXII-MMXIII)

Como todos os cursos, desde este blog ofrécese a todos os alumnos de Latín do IES Fontexería a posibilidade de sumar ata 1 punto á nota final do trimestre se respostan correctamente ás tres preguntas que cada mes publicaremos. Todas elas teñen que ver con acontecementos ou celebracións da Antiga Roma das que se cumpre o seu aniversario.
As respostas deben entregarse ó profesor durante o mes en curso; iso quere dicir que non se poderán entregar en novembro as respostas correspondentes ó mes de outubro, por exemplo.

Así que estas son as Romanae Quaestiones para este décimo mes do ano:



I. Cada primeiro día deste mes os romanos celebraban unha festa na honra de certa deusa. Consistía en que certos sacerdotes, consagrados a tres divinidades, acudían nun carro descuberto ó templo da devandita deusa para ofrecerlle un sacrificio, amosando a man dereita tendida cara diante e envolta nun pano branco. De que deusa se trataba, con que nome colectivo eran coñecidos os sacerdotes e a que deuses estaban consagrados?







II. O día 15 cumprirase o 2.082º aniversario do nacemento do considerado maior poeta da Literatura Latina, autor de tres obras fundamentais tamén para a Literatura Universal. Como se chamaba, cales son os títulos das tres obras e cantos anos vivíu este autor?







III. Tamén cada 15 de outubro os romanos celebraban unha festa, que hoxe ó mellor nos parecería un chisco desagradable. Uns carros tirados por catro cabalos disputaban unha carreira no Campo de Marte: o cabalo da dereita do carro vencedor era sacrificado, e a seguir dúas partes do seu corpo eran levadas a un altar para realizar un ritual. Finalmente, tiña lugar unha competición na que a cabeza do cabalo tiña un protagonismo importante. Pois ben: con que nome se coñecía esta festa, que dúas partes do corpo do cabalo eran levadas ó altar, que se facía con elas e que pasaba coa súa cabeza?

Iterum hic!

Pois iso, que de novo estamos aquí.

Este ano case se nos duplica o traballo, pois asumimos tamén a docencia de Grego. Unha honra e unha responsabilidade. De todos xeitos, desde este blog atenderemos só ás materias de Latín de 4º ESO, e 1º & 2º BAC, polo menos de momento.

Durante este curso, máis do mesmo: Romanae Quaestiones, reseñas de libros, webs relacionadas co mundo romano antigo, e algunha que outra actividade que vaiamos imaxinando.


ROMA SEMPER DELECTAT NOS!