miércoles, 16 de mayo de 2012

Attendite, alumni Secundi Cursus Baccalaureatus!

Logo de facerdes, hoxe pola mañá, un exame ben doado (aínda vos queixaredes), aquí vos deixo as notas. As columnas da táboa, de esquerda a dereita, conteñen o voso nome (en iniciais, como sempre, para preservar a privacidade), a nota do exame de hoxe, a nota (virtual) do 3º trimestre, e a nota final de curso. Esta última foi calculada a través da media das calificacións dos tres trimestres, con aproximación á cifra seguinte ou anterior, dependendo de se as centésimas son superiores ou inferiores a 0,50.

Para revisar os exames e/ou para aclaracións, quedamos o vindeiro venres.

Que pasedes un bo Día das Letras Galegas, o máis incomprensible dos días non lectivos do curso, ó meu parecer (iso si: a vós permitirádevos descansar e/ou estudiar para os exames que vos quedan).



VTINAM STVDIVM VESTRVM PRAEMIVM MEREATVR!


jueves, 3 de mayo de 2012

ROMANAE QVAESTIONES VIII (MMXI-MMXII)

A maio chegamos, aínda que de momento parece novembro. Disque o tempo frío e atristurado favorece a concentración, así que imos ver que tal se vos dan as quaestiones deste mes. As de abril funcionaron ben para Leticia (4º ESO), Mariña, Bea, Paula, Maruxa e María (todas elas de 2º BAC), que aumentaron xa nun chisco a súa nota final de trimestre: 0,33 no caso de 4º ESO, e 0,5 no de 2º BAC, xa que elas rematan o seu curso neste mes de maio.

Velaí van:

I. O primeiro día do mes de hai 1.604 anos morría o primeiro Emperador Romano de Oriente tras a división definitiva do Imperio. Parece ser que non tiña un carácter forte, e que se deixaba aconsellar en case todo por dous ministros e a súa esposa (cuxo nome significa, en grego, "a que pensa ben"). De que Emperador estamos a falar e como se chamaba a súa muller?






II. Todos os anos, tamén o primeiro de maio, Roma celebraba unha festa na honra de dous deuses, considerados os gardiáns das murallas de Roma. De que deuses falamos?





III. Nos primeiros tempos de Roma, hai 2.507 anos, un 15 de maio, íase consagrar (isto é, inaugurar) un templo dedicado a certo deus que, entre outras cousas, favorece o comercio. Houbo moita polémica porque, en principio, esa honra correspondía ós dous cónsules en exercicio, pero o Senado decidíu encomendar na Asamblea Popular a designación do encargado, e esta elixíu a un plebeio, cousa que molestou moito ós patricios. Deste entón, e dado que co tempo o outeiro no que se atopaba o templo estivo principalmente poboado por plebeios -maioritariamente dedicados a actividades comerciais-, foi esa clase social a que venerou especialmente ó deus. De que deus se trata e en que outeiro estivo o seu templo?