domingo, 2 de octubre de 2016

Unha novela: "Aníbal", de Gisbert Haefs

Como calquera iniciado na Historia de Roma sabe, Cartago perdeu tres guerras contra Roma (as Guerras Púnicas).

Debido a este feito, a única versión do que aconteceu coa que contamos é a dos historiadores romanos. Como é de esperar, todos presentan os feitos dun xeito favorable á súa patria, pois sabido é que a Historia a escriben os vencedores.


Pois ben: en Aníbal, o novelista alemán Gisbert Haefs compón unha ficción histórica que presenta os conflitos desde o punto de vista cartaxinés. Ademais do gran xeneral que a piques estivo de derrotar a Roma, aparecen nesta novela máis personaxes, os máis deles históricos; pero entre os ficticios destaca Antígono, un banqueiro medio grego e medio púnico que desde moi novo foi un bo amigo da familia Barca, que deu militares de gran valía ó Estado cartaxinés. De feito, Haefs fai que o seu relato estea escrito polo propio Antígono.

O estilo narrativo de Haefs é o característico da novela histórica: respecta o que nos contan as fontes históricas, os acontecementos vanse sucedendo a bo ritmo, e deixa espazo para o retrato psicolóxico dos personaxes máis importantes, aínda que, ás veces, lles atribúe reflexións que parecen máis propias da nosa mentalidade contemporánea.

En suma: unha novela interesante, sobre todo para aqueles a quen lles atraia a figura dun dos maiores militares da Historia.




ROMANAE QVAESTIONES I (MMXVI-MMXVII)

Xa está aquí o mes de outubro, e con el chega, para os alumnos, a primeira oportunidade de aumentar a nota final do trimestre ata en 1 punto.

Como xa saben os que coñecen este blog, para conseguir ese obxectivo cómpre responder correctamente ás tres preguntas que se publicarán cada mes. As respostas pódense atopar mediante unha paciente investigación a través da rede.

Así que, sen máis, aquí están as primeiras Romanae Quaestiones do curso 2016-17:


 
I. Vetus novum vinum bibo, veteri novo morbo medeor. Os romanos pronunciaban esta fórmula cando participaban en certa celebración relixiosa na honra dunha deusa que patrocinaba as viñas: misturábase viño vello con novo e recitábase a frase antes mencionada. A que deusa nos referimos e que quere dicir a fórmula?







II. Hai 1.962 anos morría un Emperador moi famoso por certas dificultades que tiña ó falar, que gustaba moito de certa delicia gastronómica e que, segundo os rumores, aproveitou a súa esposa para envenenalo. Que Emperador é e cal era o prato que tanto lle gustaba?




III. E unha sinxela para rematar: cada 13 de outubro, os romanos botaban flores ás fontes e adornaban con guirnaldas as bocas dos pozos. Con que nome se coñecía esa festa?

Initium Cursus MMXVI-MMXVII

AVETE, NAVIGATORES!

Curso novo, mesmas intencións.

Coa LOMCE en marcha, aínda que as modificacións curriculares para a materia de Latín na ESO e no Bacharelato son pequenas, algunha hai. E, debido á falta de información sobre a estrutura da famosa "reválida" (para 4º ESO e 2º BAC, no que nos atingue), debemos comezar o curso partindo dos contidos, obxectivos e estándares de aprendizaxe do decreto sobre o tema que se publicou para Galicia.

Con todo e con iso, a nosa meta e ilusión é a mesma de sempre: achegar ó noso alumnado os (para nós, moi interesantes) mecanismos da lingua latina, e tamén os (para nós, apaixonantes) múltiples aspectos da civilización romana antiga. Tratamos de que non se esqueza unha verdade incuestionable: que o latín aínda ten moita presenza nas linguas que manexamos a cotío, e que moitos elementos da vida dos antigos romanos aínda están vivos na nosa cultura, en pleno século XXI.