lunes, 30 de septiembre de 2013

Novum initium (MMXIII-MMXIV)

Co principio do Curso 2013-14, aquí estamos de novo.

E non nos podemos queixar, logo dun verán reparador e enriquecedor en novas experiencias.

Unha delas foi descubrir este libro de Adrian Goldsworthy, un autor que ten publicado moito nestes últimos anos, e mesmo se teñen traducido algunhas das súas obras ó castelán. En concreto, esta leva un título moi cinematográfico, e ademais responde a unha cuestión moi debatida polos especialistas en Historia Antiga: como e por que desapareceu o Imperio Romano de Occidente.

Pasando revista ás diferentes hipóteses ó respecto, Goldsworthy resulta ameno e bastante claro  na exposición da súa idea (aínda que nalgúns momentos do s. III d.C. é imposible facer sinxela a complexa sucesión de Emperadores e/ou usurpadores do trono imperial): o Imperio caeu por un cúmulo de factores internos e externos. Non parece moito dicir, mais nos últimos anos tense aberto camiño a tese de que a desaparición do Imperio Romano de Occidente non foi sentida como tal na época, e que as estructuras de poder seguiron a funcionar case como se tal cousa. Fronte a isto, o autor do libro defende que Roma caeu, e caeu notoriamente, dando paso á primeira configuración da Europa Medieval.

Ó meu parecer, o máis interesante do libro reside na importancia que Goldsworthy atribúe ó papel dos bárbaros e do exército romano: nin aqueles nin este foron demasiado numerosos, co que a tradicional imaxe de hordas xermánicas desbordando a un inmenso exército romano non é a máis correcta. Nesta obra deféndese que as tribus bárbaras perderon o respeto que tiveran moitos séculos a un Imperio que xa non era quen de gobernarse a si mesmo; respeto que non perderon ata o punto de sustituir a cultura romana pola súa: por algo seguimos a ser, en boa medida, romanos.